As cifras das letras

As diferentes fontes sobre a edición a nivel estatal complican a obtención dunha imaxe clara do sector

A pasada semana, as cifras da Federación de Gremios de Editores a partir do rexistro do ISBN revelaban unha importante caída da edición privada en galego. No entanto, outras fontes non amosan unha diminución tan clara das publicacións na nosa lingua. Os diferentes organismos e fontes que elaboran a información sobre o mundo edición complican obter unha imaxe clara. Analizamos a situación da man do Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega.

A Federación de Gremios de Editores. O ISBN, o Depósito Legal. O Instituto Nacional de Estatística. O Ministerio de Cultura. A Asociación Galega de Editores. A cantidade de fontes que estudan de xeito sistemático a edición no noso país é grande, e para máis, as súas cifras non coinciden. Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, sinala que “os datos sobre a edición agora colleron moita importancia porque estamos nun proceso de cambio e a partir deles podemos identificar tendencias. Eu comecei a seguilos nos anos 90, de daquela había un crecemento constante de todas as variables. Agora, como pasa noutros sectores, as liñas son máis crebadas e hai máis matices a analizar”.

Para falar sobre como se elaboran os datos encol da edición a nivel estatal e galego, cómpre ter claros unha serie de conceptos.

O ISBN
International System Book Number. Trátase da “matrícula” do libro, que identifica cada título a nivel mundial a partir do o título, o autor, o país e a editora, distinguindo mesmo entre diferentes Edicións dun mesmo título. O enganoso con este dato é que non é obrigatorio sacalo, aínda que o número está orientado a facilitar o comercio dos libros (e tamén vídeos e outros soporte). Polo tanto, pode haber libros sen ISBN que non aparecen reflectidos nas estatítiscas que se basean neste dato. Ademais, non é estraño que unha editora solicite por adiantado estas matrículas para libros que ten en proxecto pero que finalmente non saen publicados no prazo previsto, polo que unha parte dos títulos que aparecen nestas estatísticas son “virtuais”.

Nese sentido, segundo apunta Bragado, “hai libros coeditados que poden ter varios ISBN, ou se fan parte dunha serie, esta tamén pode ter un ISBN propio. Logo hai reedicións que por desleixo ou por problemas de xestión poden manter o mesmo número”. De todos os xeitos, advirte que “a desviación pode ser de entre un 3 e un 5%, nunca máis”.
No entanto, o número ten a súa importancia, xa que “supón a serie histórica coa que conta o libro galego. É o único estudo que achega datos desde 1971, e isto é unha cuestión relevante”.

Depósito legal
Consiste no rexistro dunha serie de exemplares de cada título editado nun país nun centro fixado por Lei, que lles asigna un número. No caso estatal o centro de referencia a Biblioteca Nacional, e a nivel galego tamén a Biblioteca de Galicia acolle esta función. Afecta, ao contrario que o ISBN, tamén a publicacións que non están destinadas á venda. Neste caso o problema é que tamén existen obras, aínda que maioritariamente non profesionais, que saen á luz sen depósito legal.

A definición de libro
De xeito xeral, no mundo da edición e das bibliotecas considérase como libro aquela edición non periódica feita nun volume que ten 50 ou máis páxinas. Por baixo desta cantidade estaríamos a falar de folletos. O feito de contar ou non con folletos nas súas cifras explica boa parte das diverxencias entre as diferentes fontes.
Unha vez máis ou menos aclarados estes conceptos, podemos falar das principais fontes que a nivel estatal nos achegan informes anuais sobre o libro, para alén de estudos sobre ámbitos concretos ou análises máis fondos cunha periodicidade menor.

O INE
O Instituto Nacional de Estatística (INE) para a súa Estatística da Produción Editorial de Libros considera tanto libros (cun mínimo de 49 páxinas) como folletos (entre 5 e 48). Fican fóra desta distinción obras infantís que non acadan número de páxinas e si se consideran libros, pero así e todo, esta definición pode provocar omisións. Ademais, o INE elabora as súas series da Produción Editorial de Libros a partir do concepto “título”, distinguindo libros de folletos e tendo en conta os datos do depósito legal realizado cada anos, das solicitudes do mesmo e dos ISBN solicitados, aínda que non estean concedidos.

O Ministerio de Cultura
O Ministerio de Cultura parte do ISBN para elaborar a súa Panorámica de la edición española, en concreto dos ISBN concedidos (non ten en conta os solicitados) e atendendo a soportes diferentes do libro impreso. É dicir integra no concepto libro, de xeito explícito, publicacións electrónicas, obras que se difunden por Internet ou materiais complementarios ao libro en si, sen ter en conta criterios como o número de páxinas para os diferenciar.

Os editores: ISBN
Falamos neste caso dunha entidade que achega datos de fontes diferentes. A Federación de Gremios de Editores, publica desde este ano (a semana pasada, en concreto) un avance de datos de edición en colaboración coa Axencia Española do ISBN, que depende agora deste gremio, e partindo deste criterio. No entanto, faino atendendo unicamente á edición feita por empresas privadas, o que complica as comparanzas e xa deu nalgún erro á hora de comparar cos datos do ISBN de anos anteriores. “Faltan as referencias ao autor-editor e mais á edición pública, iso supón unha ruptura cunha serie de anos que non se pode rachar deste xeito”, explica Bragado sobre esta serie.

Os editores: enquisas
A maiores, logo elabora o seus informes anuais Comercio Interior del Libro en España a partir dos datos que lles fornecen as editoras asociadas a algún dos gremios que existen por todo o Estado, como a Asociación Galega de Editores. É dicir, que deixan fóra nas súas cifras editoriais independentes, a autoedición ou outras entidades que tamén editan (fundacións, asociación ou administración). Para máis, non oferta datos de edición por comunidades autónomas, xa que só recolle os datos daqueles territorios nos que existen estruturas gremiais do sector De xeito semellante, o informe Comercio Interior do Libro. Galicia editado pola Xunta e a Asociación Galega de Editores, atende aos datos fornecidos polas empresas integradas nesta entidade, afondando en cuestións como a lingua pouco tratadas nas análises da Federación de Gremios de Editores.

Outras variables
Outras variables que poden distorsionar os datos está, por exemplo, no lugar de impresión das obras. Así o INE contempla as obras de editoras foráneas que se imprimen en España, se estas se poñen a disposición do público. De xeito semellante, a externalización de servizos de impresión (a China de xeito crecente) pode influír en determinados datos, ou o que algunhas editoras soliciten ISBN para que o libro figure como editado nun ano e non noutro son tamén elementos de distorsión.

Resultados
Algunha tendencia si se pode tirar deste mar de datos, e así o revelan os diferentes informes que editan estes organismos. Segundo resume Bragado, “o que se detecta en xeral é que baixa o número de títulos e mais o volume de edición. Tíranse menos exemplares de menos obras”. Para máis, advirte que “o crecente impacto da edición dixital vai levar a que medre de novo o número de títulos, ao haber novas referencias de ISBN. Se non diferenciamos entre obras impresas e dixitais pode facer máis complicado seguir as cifras”. En todo caso, recoñece que “faría falla a nivel estatal un Observatorio do Libro que realizase un grande estudo estatístico no que tivese en conta os datos destas catro décadas en diferentes linguas e permitise coñecer a evolución do sector”.

DATOS: Comparanza entre as distintas cifras de edición por Comunidades Autónomas




Nota:
INE: Instituto Nacional de Estatística
FGEE: Federación de Gremios de Editores
MECD: Ministerio de Educación Cultura e Deporte
*A FGEE é a única que desagrega o dato para a cidade autónoma de Melilla


DATOS: Comparanza entre as distintas cifras de edición por lingua (2011)






Nota:
INE: Instituto Nacional de Estatística
FGEE: Federación de Gremios de Editores
MECD: Ministerio de Educación Cultura e Deporte

*O informe inclúe só as empresas asociadas a algún dos seguintes gremios ou asociacións que tiveron actividade editorial en 2011:
Asociación de Editores de Madrid (AEM)
Gremi dÂ’Editors de Catalunya (GEC)
Gremio de Editores de Euskadi (GEE)
Asociación de Editores de Andalucía (AEA)
Asociación Galega de Editores (AGE)
Associació d’Editors del País Valencià (AEPV)
Associació d’Editors en Llengua Catalana (AELLC)
Gremio de Editores de Castilla y León (GECYL)
Asociación Nacional de Editores de Libros de Texto y Material de Enseñanza (ANELE)