Tocar madeira

A fotografía protagoniza o universo expresivo do polifacético Cé Tomé

15/1/2013 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: arte
4 lecturas | Compartido 0 veces

Cé Tomé presentando a exposición Dispar

Uns coñéceno pola súa faceta de picadiscos baixo Doc Manhattan, Mister Choco ou Bágoas de Dj… pero dun tempo a esta parte emerxe a faceta artística baixo Cé Tomé. Para el o nome non é o importante porque lle rouba protagonismo ao que considera fundamental: a súa obra. Este poliédrico galego que vive en Bruxelas, acaba de pechar na Estrada dúas exposicións (Tocar Madeira e D.I.S.P.A.R) ao tempo que prepara proxectos novos.
Afirma ter chegado á artes plásticas polas capas dos discos de Pink Floyd pero debeu ser moito antes porque a fotografía acompañouno desde sempre. De xeito inconsciente, case natural, foi fotografando e reinterpretando o mundo a base de collages, imaxes, pintura e todo o que teña a man porque a súa necesidade expresiva vai máis alá de formalismos. “Non teño un concepto dogmático, boto man de todo o que está ao meu alcance para expresar as miñas ideas” explica. Foi así como, enfrascado na cotidianeidade do seu traballo en Bruxelas, “me chaman do Museo do Moble da Estrada para facer unha exposición”. Ce Tomé, que levaba toda a vida facendo collages sobre madeira inconscientemente de repente, redescubre a súa obra cunha lectura nova. O resultado puidose ver baixo o nome de Tomar madeira no pasado outono.

Quixo a casualidade que mentres preparaba a exposición outro fotógrafo, Tono Arias, coñece a súa obra e proponlle, en paralelo, outra mostra. Fotográfica para sala que el xestiona. Foi así como xurdiu D.I.S.P.A.R no que “quería facer un xogo co nome da sala (Dispara) e aproveitar a circunstancia de expor en dúas salas distintas ao mesmo tempo con técnicas e materiais diferentes". Dúas faces deste poliédrico creador que se caracteriza por unha actitude moi crítica con respecto ao seu propio traballo.

Non era a primeira vez que a obra de ce Tomé se achegaba a un formato expositivo. Na Estrada puido verse parte da súa serie máis antiga Caso Pechado , que antes levou a Vigo (Casa del Libro, 2006), Barcelona (Glaería Luís Seoane, 2007) ou Santander (International Festival Of Photography Foconorte, 2010). “É unha obra que recolle portas e fiestras tapiadas que reflexan a negación da historia, o que queda cando tentan borrar as pegadas de algo” explica o creador. Canda elas, a mostra tamén achega A Linguaxe perdida das luvas , serie que reflexiona sobre a "curiosa linguaxe de signos que deixan as luvas perdidas polo chan". Miña sombra, meu espello , A habitación de Ames e dúas instalacións feitas ex profeso para a obra conforman unha exposición que aborda a fugacidade, a idea do paso do tempo e das multiples caras da vida.

Universo culturagalega.gal

Contextos