Historias destas datas

Revisamos produtos culturais que se ambientan nesta época navideña

Fotograma de Holy Night? o filme de animación ambientado no Nadal que non se chegou a estrear
Fotograma de Holy Night? o filme de animación ambientado no Nadal que non se chegou a estrear
O carteiro de Papá Noel conta a experiencia de quen traballou ao servizo duns grandes almacéns e comprobou abraiado que naquela noite había moita felicidade que repartir. É unha das historias que fan parte de “Contos de Nadal”, que Xerais editou hai uns cantos anos no que Manuel Rivas e Miguelanxo Prado contaban historias destas datas. O Nadal non é só un período do calendario, senón tamén fonte de inspiración para moitos creadores. Aproveitamos a data para revisar produtos culturais galegos (Películas, libros, discos) que teñen algún vencello co Nadal. que fan referencia a esta época tan sinalada.

Ben sexa por ser unha época de agasallos, o certo é que o Nadal é unha época de lanzamentos e de presentación, estreas e concertos. Noutra reportaxe analizamos as programacións desta época, pensadas para un público infantil e hoxe buscamos as diferentes formas de representación do Nadal nos diferentes soportes.

O Audiovisual
Ía ser a gran produción de Nadal de animación galega. Noite de ¿paz? Tiña prevista a súa chegada a carteleira en 2010, pero os problema financeiros e laborais da extinta Dygra Films adiáronna sucesivamente ata que hoxe, completamente rematada, ten embargados os dereitos de explotación. A historia partía de duás tradicións enfrontadas: dunha banda a árbore de Nadal, Papá Noel e os seus renos. Da outra, O Belén cos Reis Magos e os resto dos seus habitantes. E cando todos se preparan para pasar un tranquilo Nadal...xorde a alarma.

Dentro dos seus inicios no mundo da animación, Enxebre Entertainment, elaborou unha curtametraxe na que Jako, era un patoso patrulleiro espacial que aterrorizaba ao planeta Terra nunha noite de Nadal. Xosé Lóis López é o director e autor desta curtametraxe en 3D.

Non tan divertidos e agradables, pero tamén ambientado nesta data está A soga da soidade, unha curtametraxe da Escola de Imaxe e Son de Lugo, dirixida por Jose Millares, que conta a historia dun home que ve esmorecer todo o seu redor e soña, nun perfecto día de nadal onde todo volve ser coma antes. Sobre esta data, sobre a explosión de colorido e adornos, reflexionan Juan Lesta e Belén Montero en Feliz 2010. Iconoscopio #4 preguntándose se é necesario aumentar o número de luces de cores no Nadal.

Entra de maneira secundaria, porque foi no Nadal cando morreu Manfred Gnädinger , Man de Camelle. Dirixido por Simón Vázquez a produción achégase ao perfil deste curioso alemán que escolleu relacionar a súa vida de xeito inseparable da contorna mariña. A construción dun dique de abrigo, que mutila o seu espazo artístico, e a marea negra do Prestige, que o some nunha profunda depresión, causándolle a morte no Nadal de 2002.

No eido do docudrama está o Ordo prophetarum, un drama litúrxico do século XII, agora recuperado e traducido. Trátase dunha peza senlleira dentro do ciclo dos dramas litúrxicos medievais. Describe o anuncio da vinda do Mesías por parte dos profetas bíblicos e persoeiros da paganía. Representábase nas matinas de Nadal e, na sé compostelá, serviu de modelo iconográfico para o Pórtico da Gloria.

A literatura
Son numerosas as publicacións que se achegan dun xeito case documental, para compilar e reflexionar as tradicións de Nadal. Antonio Reigosa, un especialista en tradición oral, é o autor de Trece noites, trece lúas, unha viaxe que recupera os ritos para festexar, cantar, bailar e comer nestas datas que van do 25 de decembro ata o 6 de xaneiro. Unha forma de desmitificar e aclarar cales son tradicionais e cales non. Manuel Rivas e Miguelanxo Prado, escritor e debuxante, fan o propio en Oito contos de nadal (Xerais, 2003) nos que reiventan historias o clasicismo narrativo do conto emotivo, que frecuentara Emilia Pardo Bazán, con temática navideña. Moito máis recenté é A estrela de Oriente de Pemón Bouzas, que conta a historia dos reis Magos buscando aspectos moito máis universais que os que poidan reflectir ideoloxías ou relixións, como a solidariedade, a relación entre culturas e diferentes etnias ou o compromiso.
Arredor destas datas tamén se constrúen moitas historias. Como pode ser o inicio da saga do profesor Basilius Hoffman, historiador, arqueólogo, cabaleiro a tempo parcial e truán a xornada completa, que comezan cando o seu sobriño Peter chega ao vello caserón para pasar as vacacións de Nadal. Escrito por Fernando M. Cimadevila e editado por Urco Editora co que o autor do vendido libro O ladrón de soños, iniciaba unha saga de misterios e ameazas.

Se hai un público destinatario deste tipo de produtos son os nenos, e as editoras preparan concienzudamente os seus produtos. Por citar exemplos, OQO presentou A boneca e a castañeira, unha forma de ensinar a descubrir os xoguetes, reconvertidos en obxecto de consumo nestas datas.

Contos de nenos aos que os Magos nunca lles traen o que piden; nenas que cando chegan os Reis Magos aínda están espertas, e nenos, coma Xandro, que pese a que os de Oriente si lles traen o que lles piden… son algunhas dsa historias que Miguel Vázquez Freire, con ilustracións de José Tomás, conta en Contos de Reis e de Nadal, editado por Xerais para público infantil e xuvenil.

E non podían faltar os clásicos. Kalandraka ten unha adaptación dun “Canto de Nadal” de Charles Dickens imprescindible nestas datas. Ademais, de todo o seu catálogo, destacatamos tamén “Cando a Martiño lle entraron as ganas de mexar na Noite de reís” que conta a historia de Martiño, que lle entraron as ganas de mexar nesa noite máxica lembraba o que lle dixo o seu país “os Reis Magos non entran na casa dos nenos que non están a durmir”.

A música
As panxoliñas son, sen dúbida, as protagonistas no eido musical. Neste sentido o traballo que Fuxan os Ventos e a Quenlla editaron en 1993 Nadal en galego: Galicia canta ao neno, é o exemplo máis notorio no Nadal no eido musical. Son vinte e sete cancións de obras tradicionais que recuperaron e rexistraron.

De entre todos os exemplos, destacamos tamén o libro CD que Mamá Cabra e a editorial Galaxia editaron editaron en 2011, Xa me tardan estes magos que recolle composicións sobre textos de Antón Cortizas, Gloria Sánchez, Antonio García Teijeiro e Gloria M. Roel, vocalista do grupo, coa ambientación de Nadal e as panxoliñas.