Inventar mundos

Un concurso público abre unha nova fórmula para as escenografías dramáticas

A escenografía de
A escenografía de "O profesional" pretendía reflectir un país en descomposición
Comezou cunha conversa no marco dos Premios da Crítica en 2011. Dunha banda, Jorge Duato, decano do Colexio de Arquitectos que buscaba novas vías para dar a coñecer o traballo destes profesionais. Da outra Xesús Ron, responsable de Chévere, que tiña na cabeza o seu propio proxecto escénico, Eurozone, unha montaxe sobre o desmantelamento de Europa. Ambos tiñan ganas de colaborar xuntos e o resultado concretouse nun concurso público para esa obra resolto hai unhas semanas e que abre unha nova fórmula para a creación de escenografías teatrais.

Non é a primeira vez que un arquitecto é o responsable da creación da escenografía dunha montaxe teatral. Iago Seara asinou para o Centro Dramático Galego a complexa posta en escena de Calígula no ano 2000. Estaba formada por numerosas escaleiras e diferentes caixas de madeira que protagonizaron algunha anécdota no seu día pola necesidade de ter un bo equilibrio para non esvarar. Pero hai máis exemplos. Sen ir tan lonxe no tempo, a unidade de produción de Agadic, recuperou este ano unha coprodución con Portugal. Entre os acordos desa revisión da obra de Dusan Kovacevic estaba empregar a escenografía deseñada polo arquitecto José Carvalho Araújo, un coñecido profesional portugués. O último exemplo é o caso de Eurozone, o proxecto que Chévere esteará a primeiros de 2013, logo dun concurso público.

Escenografía por concurso
“A capacidade simbólica do obxecto proposto (unha escaleira mecánica) coas súas posibilidades escénicas e que abre novas intencións” son algunhas das cuestións que valorou un xurado formado por arquitectos e responsables da montaxe. Javier Domingo, un arquitecto zaragozano foi o premiado dese concurso que reservaba 1.500 euros de honorarios de 4.500 de execución do proxecto.

A diferenza doutros proxectos, a colaboración Chévere e COAG tiña tamén outras intencionalidades como pano de fondo. O decano dos arquitectos, Jorge Duato, foi moi claro na presentación do proxecto a mediados de outubro, “queremos evidenciar que hai novas vías de traballo para os arquitectos ao tempo que pretende ser unha crítica dos tempos pasados, no que a arquitectura foi empregada como un símbolo de poder”. Presentáronse trinta e dous proxectos, o que supuxo toda unha sorpresa para os convocantes deste modelo “A nosa satisfacción e sorpresa porque se superaron todas as expectativas porque non era moi frecuente o procedemento e porque era un prazo reducido de tres semanas” apuntou Xesús Ron cando se deu a coñecer o nome do gañador.

Era a primeira vez que a escenografía, o primeiro que ve o público, o que lle queda na retina cando remata o espectáculo e lugar no que se moven os actores que constrúen historias, que se deseñaba por concurso público en base a uns pliegos técnicos e artísticos. A fórmula tivo acollidas desiguais. Houbo algún profesional que prefería non opinar, nin que o seu nome aparecera vencellado a esa proposta. Outros, como Paco Conesa (Murcia, 1947), escenógrafo que leva máis de vinte anos traballando en Galicia, asegura que “no mundo da escenografía cabe todo e non hai que esquecerse de que calquera escenógrafo tamén está poñendo en pé unha arquitectura que ten un ritmo e que pode ser inventada e creada ou reconstruída, pero que no fondo o que propón é xestionar un espazo”.

Un paso máis da creación artística
Como un paso máis da creación artística, para Conesa o “fundamental é que sexa un diálogo continuado e permanente do director, para poder concretar esa proposta”. Conesa, que ten no seu haber numerosos premios de teatro María Casares por diferentes traballos, considera que “a escenografía non é patrimonio do escenógrafo, senón que fai parte do conxunto”.

Os materiais poden partir de materiais tradicionais como madeira, ferro, alumnio… pero depende da imaxinación do escenógrafo para conseguir uns efectos determinados. “Poden ser materiais pobres, pero que teñan un resultado sorprendente e esa solución depende da imaxinación” asegura Conesa.

Entre as súas escenografías, e Conesa ten traballado no Centro Dramático Galego, con Tetro do Noroeste ou con Teatro da Marigaila, lembra con especial cariño “Un soño de verán, porque nesa obra fixen tanto a escenografía como o vestiario que estaba cheo de ideas, de cousas feitas con elementos moi pobres e que tivo un resultado moi vistoso”. Destaca desa montaxe “a capade Oberón, que levaba Miguel Pernas que foi feita con botóns, brillantes, pedrerías… que facía moito ruído e que pesaba tanto que por onde el pasaba houbo que poñer gomaespuma”. No seu traballo, non todo o mundo acaba contento, ata tal punto que “algunha actriz me ten dito este traxe é unha merda e eu dicirlle agarda que esta sen acabar, porque cada vestiario ten un proceso”.

Pola crise, Conesa este ano non virá traballar a Galicia e cre que a situación tamén se notará nas escenografías. Non só no uso de materiais de baixo orzamento, senón nas diferentes formas para darlle a estes espazos que constitúen un elemento imprescindible para recrear historias. Canda Conesa, Santiago Kukas, o finado Suso Díaz, Baltasar Patiño ou Suso Costa son os algúns dos escenógrafos recoñecidos en Galicia e, ao mesmo tempo, os últimos premiados cun María Casares, os premios da dramaturxia de Galicia.

Universo(s) dramático(s)

Universo(s) dramático(s)

Vista de

Vista de "O profesional"

Vista de

Vista de "Regreso ao deserto"

Vista de

Vista de "A boa persoa de Sezuan"

Vista de

Vista de "A ópera dos tres reás"