Unha reflexión no medio do río

Na ponte repasa a evolución do proxecto Ponte… nas ondas! e o seu impacto na nosa sociedade

Cos preparativos da súa XIX Edición en marcha, o proxecto radiofónico educativo Ponte… nas ondas! lanza unha ambiciosa aposta. Na ponte é un libro-CD-DVD que repasa a historia da iniciativa ao tempo que reflexiona sobre a súa evolución. Ademais, preséntase como unha novo xeito de achegamento ao medio radiofónico mediante obradoiros que percorrerán o país.

Santiago Veloso, coordinador de Ponte… nas ondas!, sinala que con este lanzamento, que se presentou no pasado Culturgal, “queríamos dalgún xeito amosar publicamente todo o traballo que se ten feito no marco do proxecto, mesmo os aspectos máis descoñecidos da experiencia”. Por unha banda, a nova publicación compila algúns dos materiais que se produciron ao longo das XVIII edicións de Ponte… nas ondas xa realizadas. Deste xeito, o CD recolle 23 temas, moitos deles compostos especificamente para o proxecto didáctico, por artistas de Brasil, Portugal, Mozambique ou Galicia. Chico César, Lenine, Socorro Lira, Daniela Mercury, João Alfonso, Gaiteiros de Lisboa, Sérgio Godinho, Filipa Pais, Luis Pastor, Uxía, X.M.Budiño, Narf, Guadi Galego, A banda de Poi, 2us, Xoán Curiel, Timbila Muzimba ou Aline Frazão son algúns dos participantes no proxecto. “Isto xa é un traballo importante” apunta Veloso. “O disco leva un formato de programa de radio no que alumnos dos diferentes continentes dan paso aos distintos temas. O CD abre cos sons propios dun programa de radio, e Xosé Manuel Budiño rendeulle unha homenaxe ao medio compondo unha suite na que realiza unha colaxe musical e rítmico sobre os sons da experiencia”.

Análises e audiovisual
Canda a isto, o libro amosa un “extracto moi pequeno”, segundo asegura Veloso, “das conclusións do congreso Pontes de cultura, pontes de futuro, que se celebrou con ocasión dos 15 anos da iniciativa”. Ademais, “hai artigos de persoas de diferentes ámbitos que participaron na iniciativa dalgún xeito. Hai antropólogos que abordan o traballo co patrimonio galego-portugués, xornalistas, que abordan a perspectiva radiofónica, profesores e pedagogos que analizan a experiencia a nivel educativo e xente da tecnoloxías da información que falan da innovación que supuxo neste ámbito”. Dentro das novidades, Na ponte achega o documental inédito Pontes nas ondas, realizado por Gus Abreu. “Recolle un pouco os testemuños de persoas que desde diferentes ámbitos falan sobre a súa relación co proxecto, saen cousas bastante interesantes”. O apartado audiovisual complétase cunha mostra dos videoclips que se teñen realizado no marco deste proxecto.

Internacionalización
Por se semella pequena a batería de contidos, hai que ter en conta que a publicación contará con edicións en portugués, “pensada fundamentalmente para Brasil” e mais en castelán “para Sudamérica, temos contacto alá coa Asociación Internacional e Radios Educativas”. Ademais, outra versión en inglés servirá para difundir o proxecto noutros ámbitos. “Estamos en varios proxectos europeos e parécenos interesantes que persoas doutras linguas coñezan este traballo”, sinala Veloso.

Reflexión
Para alén e difundir o proxecto, o lanzamento de Na ponte está a permitirlles aos membros de Ponte… nas ondas! reflexionar sobre o seu propio traballo. “Por unha banda queríamos ter unha ferramenta que nos proxectase cara ao exterior, pero pola outra tamén tivo un sentido de autocoñecemento. Cando foron chegando as diferentes colaboracións démonos conta da magnitude de certas cousas. Hai accións que fomos realizando e das que ao mellor non eramos moi conscientes, que foron quedando por aí e ao se pór en común realmente vese no que deron”.
A analizar o impacto que o traballo desta proposta educativa a tivo no noso país, Veloso non dubida en sinalar que “se hai unha cousa da que estamos orgullosos é de espertar un pouco na sociedade galega e portuguesa a consciencia de compartir un patrimonio”, un traballo que chegou ao punto culminante da candidatura conxunta para o recoñecemento deste complexo pola UNESCO. “Á marxe desa proposta, quedou ese pouso, a idea de que temos un ben común que non está só no territorio de orixe, senón espallado polos espazos da lusofonía”. Canda a isto, o proxecto tivo tamén pegadas máis particulares. “Hai alumnos que pasaron por Ponte… nas ondas! cando estaban no colexio e que hoxe son profesionais dos medios, na radio ou na televisión. Vense casos claros de como marcou a algunhas persoas”.

Novas accións
Para alén da publicación, Na ponte implica tamén dúas novas liñas de acción educativa en comunicación. Por unha banda, o web Na ponte facilita material contido na publicación para desenvolver actividades didácticas nas aulas, ao tempo que acollerá os propios traballos que xurdan das mesmas. Ademais, no pasado Culturgal comezaba a súa andaina Na Ponte ao vivo, un “espectáculo radiovisual” que amosará a experiencia de facer un programa de radio a un público diferente do que participa habitualmente en Ponte… nas ondas! “Combina o que é un obradoiro de radio con proxeccións e a participación de persoas do ámbito da música. Queremos que o espectáculo sexa itinerante e poida verse por concellos de Galicia e do Norte de Portugal”, sinala Veloso.

A vindeira edición
De xeito paralelo, está aberta a convocatoria para a XIX Edición de Ponte… nas ondas!, que estará centrada no patrimonio lúdico común baixo o lema Ponte a… brincar!. De cara ao futuro, o proxecto non prevé diminuír a súa marcha. “Hai bastantes liñas abertas. Seguimos centrados no noso papel coa transmisión e a difusión como campos preferentes de actuación sobre o patrimonio, é un campo bastante amplo para irmos tocando”.
Ligazóns