Un canguro todoterreo

Ficción Producións entra no universo educativo co proxecto multiplataforma Tutú

Tutú é un canguro que non ten mobilidade, por iso para moverse precisa rodas, alas ou hélices. A súa mellor amiga é Nina, unha pulga interactiva moi, moi pequena. Raffa é unha xirafa que ten complexo de alta e Tupa é unha toupa ecoloxista. Estas son algunhas das personaxes que compoñen Tutú, un proxecto a medio camiño entre proposta educativa e de entretemento, co que Ficción Producións explora novos camiños.

Tutú é un “spin off” de Rosalía, a pulga que escribía, a obra de teatro de marionetas coa que Galitoon xirou hai dous anos por diferentes localidades. “Buscabamos personaxes que estiveran constrastados co público infantil e a proposta (de Galitoon) parecíanos interesante e mercamos os dereitos” explica Julio Casal, director de Ficción Producións. Desde entón estiveron a traballar nun proxecto transmedia pensado tanto para dispositivos móbiles (iOs e Android), ordenadores, web pero tamén como un produto audiovisual no sentido máis tradicional. Así, as aventuras de Tutú xa se poden ver nos móbiles e tabletas a través da iTunes, ao longo deste mes de decembro para Android e desde xaneiro será unha serie de televisión.

Será a partir de xaneiro cando estea lista a serie de puppet para televisión que Julio Casal explica “como unha serie de marionetas ao estilo de Barrio Sésamo ”. Pero o universo Tutú non se esgota aquí, senón que desde Ficción Prducións están a preparar unha serie de animación de 52 episodios de 7 minutos de duración, unha película para televisión (con subvención de Agadic , 163.952 euros, e a participación financeira da TVG) co horizonte posto nunha liña editorial e entrar no mundo do licencing.

Con independencia de se as aventuras de Tutú se vexa en televisión, no móbil ou no computador, por detrás hai un equipo pedagóxico que traballa para que estes contidos teñan un nivel educativo ao tempo que sirven de entretemento.

A diversificación de Ficción
O proxecto que agora presentan é o resultado de varios anos de traballo, que ten o seu punto de orixe en 2009. “Sen abandonar as liñas tradicionais, queríamos diversificar os nosos obxectivos” explica Julio Casal que conta que entón “fixemos o cambio a unha produtora TIC para plataformas móbiles e táctiles”. Cursos de formación, contratación de enxeñeiros serviron para darlle unha volta e esta compañía que conta con coñecidas películas para televisión no seu haber, e especializarse no mundo dixital. “Despois de aprender código, de programar para pantallas táctiles, contamos cun plató con captura de movimento que nos converte na única compañía galega que ten esa tecnoloxía”. Tutú é só o primeiro proxecto desta nova faceta desta empresa que está a ultimar a súa primeira longametraxe de animación Meñique, unha coprodución con Cuba que adaptan para o conto de Polgariño. Un proxecto que recibiu subvención de Agadic (272.653 euros) e que pretenden levar a principios de 2013 ao European Film Market de Berlín.

Tutú... e amigos

Tutú... e amigos

Fante

Fante

Nina

Nina

Raffa

Raffa

Tupa

Tupa

Vella

Vella