A afección polo mundo de Tolkien motiva un bo feixe de iniciativas en Galicia

Elfos do país

Están entre nós, e son máis dos que poderiamos pensar. Seguidores dun culto ata o de agora maioritario, pouco a pouco vanse dando a coñecer. E agora vemos que non son poucos. Os afeccionados ó mundo de Tolkien organizan unha boa cantidade de actividades no noso país, e a estrea da saga cinematográfica do “Señor dos Aneis” está a darlles maior relevancia da que nunca tiveran. Son os elfos, os ananos, os hobbits de Galicia.

Hithlum: O País da Néboa en lingua sindarin (unha das linguaxes élficas inventadas por Tolkien). Un lugar rodeado de montañas e situado onda no mar no noroeste de Beleriand. Este é o nome que os membros da Sociedade Tolkien Española en Galicia decidiron darlle ó seu grupo ou smial (nome dos buracos nos que viven os hobbits). O Smial de Hithlum acolle a uns vinte membros galegos desta asociación. Aínda que o máis habitual na Sociedade é que cada smial se corresponda cunha cidade, a nosa dispersión xeográfica foi tida en conta polos promotores á hora de pór en marcha o grupo, e aínda que a maior parte dos afeccionados están na Coruña, os tolkiendili (nome que se dan a si mesmos) repártense por todo o país.



Os traballos de Hithlum

A sección galega naceu a finais de 1999 por iniciativa de Elena Liria “Eledhwen”. Axiña se sumaron a ela outros membros da Sociedade Tolkien Española residentes en Galicia, e comezaron a desenvolver xuntanzas mensuais nas que analizan a obra e o mundo de Tolkien. Segundo os tolkiendili “nas reunións de smial poden acontecer un par de cousas. Que nese momento se dea un tema de interese xeral en toda a STE e que se debata no seo do smial, ou ben que algún socio prepare un tema que lle interese, faga unha exposición e logo se debata”. Unha das principais actividades das Sociedades Tolkien en todo o mundo é o estudio deste mundo imaxinario a partir dos textos do profesor de Oxford. En Galicia hai membros de todas as comisións que existen na Sociedade española: música, xogos, lingua e xeografía e historia, e mesmo un grupo que participa nunha sección de cociña. Deste xeito podemos atopar pola rede composicións inspiradas na obra de Tolkien, ou artigos sobre a existencia de medio elfos na Terra Media obra de galegos.



Tempo para a diversión

Ademais de estudiar polo miúdo os máis diversos aspectos da Terra Media, os membros da Sociedade tamén se xuntan para eventos festivos. Precisamente nestes días está en marcha a realización da Beleg Aderthad, unha serie de celebracións a nivel mundial con ocasión da estrea de “As dúas torres”. Ademais de acudir caracterizados á proxección, os membros da asociación organizaron para a fin de semana do vinteoito de decembro actividades coma lecturas de contos e obradoiros de baile. Este verán celebraron a Festa das Illas dos Deuses (nas Cíes de antes da marea negra) unha xornada de convivencia na que participaron membros doutros smials do Estado.




“Sociedade Tolkien Galicia”

Semella a competencia da anterior pero non o é. Trátase dun grupo duns dez afeccionados ó mundo de Tolkien, maioritariamente da zona do Morrazo e de Vigo, que se reúnen de xeito totalmente informal para tomar unha cervexas e discutir sobre diferentes aspectos da Terra Media. O nome de “Sociedade Tolkien Galicia” puxérono só cando lles preguntou a prensa, pero carecen de organización estable e non están en contacto coas diferentes Sociedades Tolkien do mundo. O centro de operacións deste grupo é Moaña, e entre eles está Moisés R. Barcia, o traductor ó galego de “O Señor dos Aneis”. Segundo el, este xeito de funcionar é “máis hobbit” que ter unha asociación con estatutos, e non pretenden formalizar ningún tipo de entidade. Ademais de falar, organizan puntualmente charlas ou algunha exposición de ilustracións sobre Tolkien. Deste xeito, no 2001 organizaron as xornadas “O mundo de Tolkien”, incluíndo unha exposición con edicións de “O Hobbit” en diferentes idiomas, a presentación da traducción ó galego de “A Irmandade do Anel” e unha charla sobre a Terra Media. Tamén participaron na presentación desta obra en Vigo, e no 2002 repetiron na Casa do Libro da Cidade Olívica coincidindo coa publicación do segundo volume da triloxía. Precisamente co comezo do 2003 poñen en marcha en Moaña as segundas xornadas sobre Tolkien no Café do Real desta localidade morracense, con lecturas e proxeccións.



Quedei coma un Hobbit


Aínda que a súa principal afección non é a obra de Tolkien, senón a ciencia ficción e a fantasía en xeral, o colectivo Nemo de Vigo tamén organiza de cando en cando algúns actos sobre o escritor inglés. Un dos máis orixinais foi a cea hobbit que se celebrou en Redondela en decembro de 2001. Segundo nos conta Nacho Agulló, membro deste colectivo, o acto contou cun abondoso menú no que destacaban os cogomelos coma prato estrela, xa que “os fungos descríbense na obra de Tolkien coma unha das comidas
favoritas dos hobbits”. Arredor de vinte persoas (moitas delas vestidas ó xeito hobbit, con chalecos de cores e pipas) enchéronse a comer. Para amenizar a velada, lectura dos poemas de “As aventuras de Tom Bombadil” e dalgún outro conto do profesor inglés. Desde esta asociación tamén participaron na presentación da traducción ó galego de “O Señor dos Aneis” en Vigo en xaneiro de 2002, un acto que tivo continuidade a finais do ano coa presentación do segundo e do terceiro tomo da triloxía incluíndo unha charla sobre a linguaxe de Tolkien.




Sons da Terra Media

Ademais dos grupos de afeccionados ó mundo de Tolkien, hai en Galicia exemplos de músicos que interpretan e compoñen temas en élfico ou inspirados na Terra Media. É o caso de Ignacio Saavedra, intérprete de arpa celta que se formou no Conservatorio de Música Tradicional de Vigo. Aínda que reside en Madrid, mantén contacto cos membros da Sociedade Tolkien en Galicia. O pasado mes de novembro realizou a actuación “Cancións da Terra Media” na Universidade Autónoma de Madrid, e para o trinta e un de xaneiro ten previsto realiza en Vigo un concerto de cancións de Tolkien no que participará Cristina Barriga (vocalista de Mutenrohi) e varios membros do grupo Druadan. Este grupo folk vigués tamén inclúe entre os seus temas varios baseados na obra de Tolkien.



Â…e o que queda

Ademais destes grupos de afeccionados existen por todo o país admiradores da obra de Tolkien. A través dos libros, do xogo de rol e, agora, das películas, cada vez máis xente se asoma o mundo fantástico da Terra Media. No Smial de Hithlum contan con duplicar o seu número de socios para o 2003 e en establecer delegacións permanentes en distintas cidades do país. Os membros de Nemo están a pensar en organizar unha nova Cea Hobbit. O grupo de Moisés Barcia prepara actividades para presentar a traducción ó galego de “O Señor dos Aneis”, comezando polas xornadas que se celebran co comezo do ano en Moaña… Son moitos os que atopan semellanzas entre Galicia e a Terra Media, aínda que, como sinalan desde a Sociedade Tolkien, “agora mesmo o noso país ó que máis se parece é o Mar de Nûrnen”, no escuro país de Mordor.