O retorno de Basilius Hoffman

Fernando M. Cimadevila continúa a serie de literatura fantástica logo do éxito do primeiro volume

Capa de <i>Un faro na escuridade</i>
Capa de Un faro na escuridade
Logo de vender máis de mil exemplares do seu O ladrón de soños Fernando M. Cimadevila presentaba onte na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela Un faro na escuridade. O segundo volume da saga O Mundo secreto de Basilius Hoffman achega novas aventuras e misterios e ameaza con continuar o éxito do seu predecesor.


Cun ton algo máis adulto que no anterior volume, o Mundo de Basilius Hoffman volta ás librarías galegas da man de Urco Editora. Segundo adianta Fernando M. Cimadevila, autor do texto, Un faro na escuridade “é un libro máis complexo. Se o anterior podía considerarse fantasía xuvenil, este pode dicirse que é fantasía a secas”. Algúns dos misterios que o autor presentaba no primeiro volume desvélanse neste. “É un pouco como un truco de maxia. Primeiro preséntase e logo desvélase o resultado. Entón hai algunhas cousas dos personaxes e da ambientación que se resolven nesta obra, pero claro que tamén hai novos misterios”. Canda a Cimadevila, recunca Iván Valladares a ilustrar o proxecto, nun traballo que posúe unha grande importancia na obra ao lle dar forma a obxectos e personaxes que se atopan ao longo do texto.

As claves do éxito
Preguntado polas claves do éxito deste proxecto (aínda máis meritorio tendo en conta que o libro está dispoñible de balde no web oficial da serie) Cimadevila apunta que “penso que funcionou polos personaxes, que caeron moi ben. Non hai un protagonista que resulte o favorito de todos. De feito fixemos unha enquisa e vese que a xente se identifica con catro ou cinco. Cada lector cóllelle cariño a un e iso fai que teñan interese por saber o que lles acontece”. Canda a isto, unha orixinal ambientación pode ter tamén o seu gancho para atrapar lectores. “Tentamos facer un tipo de ambientación moi xenérico. Non se sabe onde se sitúa a acción e hai nomes gregos, rusos, italianos ou franceses, isto pode descolocar e sae bastante da norma da literatura galega”.

Proxectos e futuro
Aínda quedan tres volumes máis, segundo sinala o autor, para vermos o final da saga, ademais de proxectos en paralelo centrados nalgúns dos personaxes dos libros ou no pasado de Basilius Hoffman. Polo momento, non está claro qué será o próximo que vexamos. “Agora toca promocionar este libro. Despois imos ver se sacamos primeiro o terceiro volume ou se tiramos por algunha desas pólas laterais”. Canda a isto, o autor adianta que están a negociar as posibilidades de levar a outras linguas este mundo fantástico.

Encol das vendas que pode acadar o novo volume, Cimadevila recoñece que “as espectativas son moi boas. Aínda que o primeiro vendeu mil, somos conscientes que o leu moita máis xente, porque moitos volumes foron para institutos e movéronse. Entón agardamos que este volume tire tamén deses lectores”. Para alén do libro, os seguidores deste mundo disporán agora de mercadotecnia como camisetas e outros agasallos.

A vindeira cita para os seguidores deste mundo será no Culturgal. A Feira das Industrias Culturais acolle esta fin de semana unha presentación da obra e tanto o escritor como o ilustrador estarán presentes no posto de Urco Editora para asinar exemplares aos interesados.