Disco Mama Rock and the sons of Rock´n´Roll na súa versión internacional (esquerda) e española (dereita)
Cús de muller reconvertidos en traseiros de elefantes, roupa interior pintada á man sobre corpos espidos, letras transformadas en garabatos para facelas irrecoñecibles… as fórmulas da censura empregadas no franquismo sobre os discos (españois e de fóra) foron moitas e moi variadas. Agora, unha exposición do CGAC saca á luz moitas desas portadas, cancións e os partes que xustificaron a censura para descubrir un universo inédito das décadas dos sesenta e setenta. Vibracións prohibidas abre mañá as súas portas ata o vindeiro 10 de marzo de 2013.




Xavier Valiño (Cospeito, Terra Chá, 1965) e Héctor Fouce (Lugo, 1972) levan anos documentando e analizando os distintos mecanismos de censura do campo musical e son os comisarios desta mostra que permitirá ver ver unhas duascentas portadas de discos. A mostra terá a súa propia banda sonora, composta por unha escolma de cancións censuradas, e que se complementará coa proxección continuada do documental Que vienen los Beatles, de Pedro Costa.
Actividades complementarias
Vibracións Prohibidas ten tamén unha actividade musical e cinemtográfica complementaria. Kiko Veneno estará no CGAC (Auditorio, 22 de novembro, ás 20:00) para falar de cómo sufriu en carne propia a censara. A mesa, titulada Liberdade e creación musical: da censura política ás imposicións dos mercados?, tamén participarán Mercedes Ferrer, autora e directora da área de Música da Fundación Autor; e os comisarios da exposición, Xavier Valiño e Héctor Fouce. Ese día presentarase o documental Dame Veneno, película na que se conta a historia da censura a Kiko Veneno.
Ademais, a exposición intégrase tamén na programación de Cineuropa 2012, que se traduce nunha sección dedicada a exhibir documentais musicais dos artistas que foron censurados polo franquismo (Bob Dylan, Veleno, Roxy Music, Jimi Hendrix, James Brown, The Beach Boys, The Doors ou Paul Simon, entre outros).
