Chegan os novos

Os novos creadores e a fotografía acaparan as exposicións da temporada

Christian García Bello está na Galería 9the13.com
Christian García Bello está na Galería 9the13.com
Mónica Cabo, Nicolás Combarro, David Ferrando, Amaya González Reyes, Enrique Lista, Rita Rodríguez e Oriol Vilanova, o Colectivo L.I.B.A, Christian García Bello…. Todos eles novos, son os grandes protagonistas das exposicións que están en cartel (ou estarán nos vindeiros meses) do panorama artístico. Canda eles, coas súas propostas frescas e renovadoras do contexto actual, moita fotografía e o último proxecto expositivo do arquitecto Pedro de Llano que serve para representar o imprescindible grupo de arquitectos contemporáneos.

O panorama actual a nivel expositivo goza de varias constantes. Primeira, son pequenas entidades (galerías, fundacións, asociacións e mesmo colectivos individuais) os que sustentan as propostas máis creativas a día de hoxe. A máis independente e individual do momento é a que sustenta Ángel Calvo (Lalín, 1984), comisario e artista que acaba de inaugurar o proxecto Discursos improbables . Unha serie de seis exposicións que comezaron o pasado venres con Teo Soriano e Kepa Gazarra, dous creadores sen fío común aparente, enleados por un comisario que lle da sentido aos seus traballos nunha exposición que abre e pecha no mesmo día (foi o venres 2). Trátase dunha “inauguración-clausura e acudir no día sinalado será o único xeito de participar de xeito activo nas seis citas deste proxecto” segundo reza unha nota de prensa e cuxo resultado se publicará nun catálogo que reunirá as imaxes e textos do proxecto. Do traballo individual nun contorno tan pouco manido no mundo da arte como pode ser Lalín ata as pequenas galerías Sargadalos, About Art, Marisa Marimón, A punta de Fuga, Metro, PM8, Ad Hoc, Bacelos… xa en contornos urbanos, amosan un activo panorama sustentado por pequenas iniciativas de ámbito privado. O peso destacado da fotografía, así como un apoio importante para a xente nova compoñen o panorama.

Novos creadores
O Museo Provincial de Lugo, nunha nova mostra da súa versatilidade, programou Reversos, unha exposición que pretende ofrecer outro modo de ver e de entender as obras de arte, unha invitación á imaxinación a través da frustración da preminencia visual; extensións dun significado que non xorde ex nihilo, senón que se engade, como se adhiren as diferentes capas de realidade, á nosa significación do mundo. Unha achega en catro camiños proposta polo Colectivo LIBA, integrado por Juan Adrio, Andrea Jambrina, Frame Lado, María Marco, María Magán, Alejandro Maseda, María Moldes e Joan Morera, todos eles novos valores.
Compartindo ese denominador común da xuventude, Manuel Olveira propuxo no marco da Fundación Seoane, que artistas nados nos 80 exhibiran distintas maneiras de enfrentarse ao contexto actual. Para iso, pediulle a Mónica Cabo, Nicolás Combarro, David Ferrando, Amaya González Reyes, Enrique Lista, Rita Rodríguez e Oriol Vilanova que foran fieis ás súas ferramentas e estratexias para poder analizar e poñer de manifesto tanto cuestións de carácter estético coma diferentes problemáticas de interacción social.

Baixo un título suxestivo e incompleto, Por eso te recuerdo desde, Christian Garcia Bello ofrece unha exposición cunha fonda carga emocional onde a mirada é o acto que converte o espazo en paisaxe e que marca un punto, de tempo ou lugar, no que se comeza a contar unha cousam, feito ou distancia.
Co apoio do Macuf, a Galería Bacelos presenta ata o vindeiro 17 de novembro, unha escolma de pezas da obra máis recente de David Ferrando Giraut. Cristalino supón unha reflexión sobre os procesos (ben sexan internos, a nivel persoal, ben externos e mediados tecnoloxicamente) de fixación de imaxes e un anhelo por realidades perdidas ou inaccesibles.

Non é exactamente artista nesta mostra, pero Pedro de Llano ofrece en A Balea negra a súa ollada sobre o Prestige e as súas conclusións. Deste xeito o Museo de Arte Contemporánea de Vigo celebra os seus dez anos, entroncando a casualidade que o centro abriu o mesmo dia que embarrancaba o petroleiro das súas costas. Cun marcado acento documental, aproveita o fío común entre a inauguración do centro e o desastre petroleiro para explorar as diferentes relacións entre arte, denuncia social e as consecuencias de desastres naturais ocasionados por petroleiros.
A fotografía está de moda
Aínda que hai oco para a pintura (O monográfico de Antonio Tenreiro que o Museo de Belas Artes lle dedica desde xullo), a arquitectura (a exposición Compañeiros de oficio na Fundación Barrié ata abril de 2013) ou a Escultura (Fernando Casás no CGG ata o 10 de febreiro de 20013), a fotografía é a estrela da temporada expositiva. E isto sen contar citas fixas no calendario como o novembro ourensá e o seu tradicional “Outono fotográfico” a través de diferentes fórmulas. A Coruña celebra ata o mes de xaneiro o proxecto Ráfagas no que se achega ao traballo de destacados fotoxornalistas e, onde alén de proxeccións e conferencias, o reputado Gervasio Sánchez exporá as súas fotografías sobre o conflito bélico de Irak. Tamén na Coruña, pero no Palexo, espazo que acubilla interesantes proxectos artísticos dun tempo a esta parte, presenta estes días a reflexión de Nicolás Combarro en vídeo e fotografía. Este artista novo emprega a arquitectura e os seus elementos para expor as súas ideas. Combarro documenta edificios que perderon o uso para o que foron concibidos co que axuda a construír unha idea de cidade perdida pero tamén conformadora da realidade actual.

A Galería Trinta achégase á obra do finado artista arxentino Nicolas Combarro, ofrecendo unha escolma na que da conta desa intencionalidade de buscar instantáneas que definan aos retratados, do seu carácter ou do espírito das cousas. De retratos e do cotiá é a exposición que a Fundación NovacaixaGalicia ten na súa sede de Santiago adicada a Fred Stein, un dos grandes mestres da fotografía. Autorretratos familiares, imaxes en primeirísimo plano dos grandes creadores e políticos coetáneos , un total de 86 retratos das súas mellores series “París” e “Nova York”. Sobre outro clásico da fotografía, Jacqques Henri Lartigue (1894-1986) pivota a exposición coa que o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (MACUF) propón ata o vindeiro mes de febreiro. É a primeira exposición antolóxica do fotógrafo que se realiza en España e reúne preto de dúascentas obrs procedentes da Donation Jacques Henri Lartigue de París. Todo un traballo que recolle as constantes deste pintor, como a fotografía como instrumento da memoria e a súa particular visión das mulleres e dun mundo que cambiaba velozmente.

O CGAC inaugurará o día 22 de novembro outra exposición de fotografía. Será o día 22 na que Fuco Reyes exhibirá o seu traballo recente. Serán 18 imaxes de gran formato montadas sobre lámina de aluminio.

Remata este repaso polas exposicións da temproada, o traballo que Fernando José Pereira exhibe na Galería Ad Hoc de Vigo (ata 24 de novembro) baixo o título “Todo o que poida desertar” na que tamén hai un pequeño espazo para a fotografía. A fundación Gonzalo Torrente Ballester pediulle a Vari Caramés que viaxara ás cidades nas que viviu o autor para fotografar a súa memoria. O resultado son 80 imaxes que documenta o universo do escritor e que se pode ver na sede da galería xunto coa mostra A pedra e o Home: Reflexos, que reúne os 15 debuxos cos que Manolo Paz ilustrou o seu discurso de inglreso na Real Academia de Belas Artes.