Mofa&Befa (e amigos) póñense románticos

Producións Teatrais Excénticas repasa nun espectáculo os temas do romanticismo

De Lord Byron a Edgar Allan Poe pasando por Julio Iglesias ou Sergio Dalma. Produción Teatrais Excéntricas méteos a todos no mesmo saco para revisar o espírito romántico. De feito, Románticos é o título do novo espectáculo que hoxe estrean no Teatro Principal (21:00 horas)de Santiago e onde estarán ata o domingo. Evaristo Calvo, Vitor Mosqueira, Quico Cadaval e Piti Sanz póñense ás ordes de Xan Cejudo para desmontar os mitos contemporáneos.

A idea deulla Vitor Carou, director xerente do Auditorio, cando hai un ano, ao rematar un concerto de música lle propuxo informalmente a Quico Cadaval facer algo relacionado con aquelo que acababan de escoitar. A idea madurou e foi o propio Carou quen lle abriu as portas do Teatro Principal, espazo pertencente ao concello, para exhibir esta proposta que se sitúa n aliña dos espectáculos de Mofa e Befa. “Hai en Románticos un pouco de ópera , de música popular, de música de todos os tempos” explicou Evaristo Calvo no marco da rolda de presentación do espectáculo. “Hai un pouco de intertextual, porque sacamos de moitas partes, e de multidisciplinar, de teatro de música, pero cun obxectivo claro que é entender” puntualiza Calvo.

Desta volta está o equipo completo con Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, o músico Piti Sanz e Quico Cadaval, actor e director nesta montaxe que “visita os grandes temas do romanticismo” e nos que, segundo nota de prensa, se poderá “completar a loita do monstro de Frankenstein contra o sinistro Julio Iglesias, comparando as cicatrices operatorias. As Asombrosas revelacións do psicanalista arxentino de Rosalía de Castro ou ao conde Drácula cantando o afamado bolero pasarán máis de mis anhos”.