Usos culturais

Un simposio analiza a cultura en época de crise

¿Xerou a crise novas formas culturais? ¿Que aconteceu noutros períodos históricos? ¿Hai restos de discursos políticos anteriores na actualidade? Estas preguntas están na base do simposio “Cultura e crise” que arrinca hoxe en Santiago e que promove o Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE).

Hai no marco do simposio que se desenvolve na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC un programa amplo que se centrará en analizar o binomio crise e cultura desde diferentes eidos das disciplinas das humanidades e as redes sociais. Helena Miguélez, unha investigadora galega que está na Universidade de Bangor, leva anos analizando os discursos do neofranquismo español e vendo as diferentes formas de representacións da cultura. Nesta época “interesaba fomentar un entendemento da cultura como algo baleiro de contido, e sobre todo, baleiro no que ten que ver coa propia función crítica que se lle asume á cultura” explica. Na súa intervención fará un relatorio de todas as variantes que a definición de cultura deixou nese período e, de paso, ver que segue vixente de todo ese discurso.
Na súa intervención, Miguélez tamén analizará a Cidade da Cultura como un caso emblemático do discurso da “cultura baleira” que considera “un produto cultural baseado na idea típica dos fascismos europeos da cultura como un ente orgánico totalizador, máis baleiro de función crítica”. Na súa opinión, no contentor do Gaiás operan moitos baleiros “os propios edificios aínda semi-baleiros, sendo o máis flagrante o da biblioteca, ou os baleiros deixados polos edificios proxectados máis non executados como o teatro da ópera, que eu considero o máis estratéxico”. Acompañan o seu relatorio, fotografías do libro de visitas do centro que a investigadora considera moi “reveladoras”.

Da economía á socioloxía: a crise manda
A de Helena Miguélez é unha das máis de vinte intervencións programadas e que dan conta do binomio crise e cultura desde unha perspectiva académica pero tamén con usos aplicados para a sociedade. No fondo, un pouco na liña da entidade organizadora o CIPPCE. O seu director electo, Arturo Casas, explica que “somos oito grupos de investigacións que van desde disciplinas como a socioloxía, antropoloxía, demografía ou filoloxía… cousa que non é moi frecuente, ao que se engade que non temos asignación económica propia senón que traballamos con cargo aos fondos de cada grupo e o buscamos fíos común”. Segundo Casas este grupo encárgase de “investigar o que significa a emerxencia cultural, desde unha perspectiva social e económica”. E entende esa emerxencia cultural nunha dobre dirección, “dunha banda as modalidades culturais que na actualidade e noutros momentos históricos nos interesa investigar cuestións como, se apareceron dunha maneira imprevista ou non e que afecta, por exemplo, as artes de representación, que se afasta do que está fixado”. Pero tamén nunha segunda liña da emerxencia nun sentido máis social, máis étnico, máis nacional... é dicir, “cultura que non está nos programas académicos, que non están completadas e que queremos saber que tipo de cousas acontecen” aclara Casas.

Nesa lóxica de trabalo, o congreso ofrecerá desde unha revisión histórica pero dese un punto de vista económico de como no pasado se afrontaron e enfrontaron outros períodos de crise, que achegará María Xosé Rodríguez Galdo, Fausto Dopico ou Xosé Cordeiro; ata estudos sobre as diferentes representacións dos medos promovidos polo poder e ver se iso segue presente na actualidade e dos que falará a profesora portuguesa Ana Araújo. Sobre represión e cultura falará Isaac Lourido, investigador da Universidade de Santiago, que leva uns meses analizando as manifestacións poéticas dos presos. “Decido estudar o caso do estado español en democracia, para evitar casos de intelectuais que por cuestións políticas estiveron encadeados e seguiron creando” puntualiza Lourido que aprecia tres constantes nese tipo de manifestacións literarias: a denuncia das condicións do sistema, a proxección cara o exterior ou as alegorías da liberdade e unha particular relación co corpo. O seu é un campo de acción inédito do que a penas hai investigación en España e para o que recurriu a revistas, fanzines, documentos soltos en versión dixital e en toda unha serie de publicacións de ámbito militante.

“Como o congreso ten dimensión internacional, non só nos interesa saber o que acontece aquí o lado en Portugal senón tamén noutras partes do mundo” explica Casas e que estará presente a narrativa europea da crise co caso de Irlanda con Margarita Estéves Saá, Teresa Perez Tilve ou Marta Portela; ou o caso da integración dos inmigrantes a cargo de Felipe Aliaga.