O concello de Viveiro pretende converter as minas da Silvarosa nun parque temático financiado polo Plan Proder

Unha mina animada

As minas da Silvarosa foron durante case cen anos reservas de ferro que explotou unha empresa alemana. Corenta anos despois o concello de Viveiro pretende recuperalas pero para un uso ben distinto. Entre lecer e turismo as minas poderán converterse nun parque temático. Baixo o nome “Los titanes de Viveiro” grandes e pequenos terán un novo sitio no que gozar das riquezas medio ambientais da zona ó mesmo tempo que se divirten.

A idea de converter unhas minas abandonadas nun parque temático non é nova. Desde principios deste ano o concello de Viveiro leva acariñando a idea de sacarlle rendibilidade ó entorno e convertelo nun punto turístico que normalmente se reduce ó mes de agosto e á Semana Santa. A isto se lle engade que as minas se sitúan nun enclave medio ambiental
medio ambiental privilexiado como o Souto da Retorta que é un bosque con eucaliptos centenarios e á propia costa que bordea o paraxe.



O parque

Os primeiros pasos para a construcción do parque déronse a principios do mes de maio, cando o concello empezou a darlle vida a esta idea e iniciou todos os trámites necesarios para poder materializala. O primeiro paso era ter sobre a mesa un proxecto, e para isto contaban con todo un experto: Manuel Cordón que foi deseñador de “Terra mítica” e que propuxo un parque temático que abarca desde as minas da Silvarosa, o mar de Celeiro e o bosque do Souto da Retorta. Cada unha cun valor diferente que serviría para recuperar un enclave privilexiado e un entorno único en Galicia.



Foi naquel mes cando comezaron os traballos de espeleoloxía que parecían dar conta que o proxecto ía tomando corpo. Daquelas un equipo de espeleólogos coruñeses inspeccionaron o interior das sete galerías das antigas minas de ferro para emitir un xuízo sobre as súas posibilidades de explotación. Un informe que daba conta do seu bo estado de conservación e da riqueza natural que encerraba a zona.



En función do esbozo inicial o que se pretendía era organizar dous percorridos polas minas. Un a pé e outro nun teleférico que faría o mesmo percorrido que facían antes as vagonetas co mineral desde a mina ata o embarcadoiro da Insua.



Pero a idea coa que están firmemente comprometidos o alcalde de Viveiro, César Ajá, o xerente do Plan de Excelencia Turística, Santiago Meitín, e o presidente da Comunidade de Montes da Silvarosa, Ángel Fernández, precisa cartos e hai que buscar quen financie o proxecto. De momento, o alcalde xa ten afirmado que unha partida do que perciben do Proder pasará a custear o proxecto, e que en breve poderán acceder ó Interreg III a través do programa Fondelf, aínda que desde o orzamento do propio concello non se ten ningunha partida habilitada a tal efecto.



Un plan con futuro turístico

Coas minas da Silvarosa conséguese un dobre obxectivo. Por unha banda desestacionalizar o turismo, concentrado no mes de agosto e na Semana Santa e polo outro dar a coñecer un enclave natural privilexiado. O segundo está garantido por natureza, mentres que o primeiro implica a vontade de todo o mundo (autoridades, hostaleiros e veciños). A cualificación de Viveiro como Municipio de Excelencia Turística este ano obriga ó concello a mellorar a oferta turística presentada ós visitantes. Algo que se pretende conseguir con este proxecto.



As minas

“Bilbao”, “Federico”, “Ventilación”, “El Tres”, “Tres A” o “Siete A” son os nomes que teñen as galerías que se conservan das minas da Silvarosa que naceron a finais do século XIX e que foron explotdos por unha firma alemana que se encargaba dos procesos de extracción do ferro. Unha empresa que exportaba directamente o ferro debido ós seus altos niveles de fósforo e da que chegaron a extraerse unhas 40.000 toneladas de mineral ó mes. Aínda que a extensión das galerías dependía do filón que se explotase en cada momento, a día de hoxe pode haber máis de tres quilómetros escavados, ó que se lle engaden as catas que a converte nunha mina con dimensións bastante amplas e óptimas para poder realizar o proxecto planteado.