O Monte Pindo terá a súa antoloxía poética

O proxecto conseguiu en dúas semanas os fondos para cubrir a edición

Logo de só dúas semanas de abrir o prazo de achegas, o proxecto para editar a Antoloxía Poética do Monte Pindo reuniu os 1.050 euros necesarios para ser unha realidade. A iniciativa, que contaba cun prazo de dous meses, naceu da man da Asociación Monte Pindo Parque Natural e empregou a plataforma en liña Goteo.org para reunir as achegas dos interesados na publicación do libro co sistema de crowdfunding. Agora comeza o proceso de edición, que coordinarán Francisco X. Fernández Naval e Miro Villar e que reunirá as principais composicións poéticas arredor deste monte.

A Editorial Toxosoutos correrá coa publicación, que está previsto que vexa a luz a comezos de 2013. A Asociación Monte Pindo manterá aberta a páxina da iniciativa en Goteo.org por se alguén quere contribuír á proposta e reservar o seu exemplar a un prezo inferior ao de venda nas librarías.