Unha road movie gaña o premio do festival euroárabe Amal

7.000 persoas participaron nas actividades da semana oficial

Fotograma de
Fotograma de "Rabat"
O pai de Nadir faille un peculiar encargo: levar o vello taxi de Amsterdam ata Rabad. Inicia unha viaxe acompañado polos seus mellores amigos Abdel e Zakaria, que se autoinvitan nunha viaxe que os levará por toda Europa ata a capital marroquí. Este é o argumento de Rabat, o filme gañador da décima edición do festival Amal (5.000 euros máis trofeo). Unha cita pola que pasaron 7.000 persoas ao longo da súa semana oficial.

31 películas en selección oficial, ducias de directores convidados, xornalistas acreditados e 7.000 asistentes son as principais cifras da décima edición do Festival AMal. Unha cita euroárabe que botou o peche esta fin de semana coa entrega de premios. Alén do premio á mellor longametraxe de ficción, a de documental foi para Le thé ou l'électricité que conta a historia épica da chegada da electricidade a unha vila illada no corazón do Alto Atlas marroquí. O público conferiulle o seu premio a outro filme, o francés “Sherezade et le dèlice casher que conta a historia de Sheherazade, unha moza palestina indocumentada, que se presenta na Rue des Rosiers en París despois de ler o anuncio: "O restaurante de luxo Délice Casher busca un axudante de cociña xudeu. Preguntar por Esther".


Palmarés
Mellor longametraxe de ficción: 5.000 euros e trofeo a “Rabat”, de Jim Taihuttu e Victor Ponten, Países Baixos (2011)

Mellor longametraxe documental: 3.500 euros e trofeo a “Le thé ou l`electricite”, de Jerome Le Maire, Bélxica/Marrocos (2012)

Mellor curtametraxe de ficción: 1.200 euros e trofeo a “Ensemble”, de Mohamed Fekrane, Francia (2011)

Mellor curtametraxe documental: 1.200 euros e trofeo a “Eid”, de Saaheb Collective, Palestina (2011)

Mellor director: 4.000 euros e trofeo a Jim Taihuttu e Victor Ponten, de “Rabat”, Países Baixos (2011)

Mellor actriz: Trofeo a Soufia Issami, pola súa interpretación en “Sur la planche”, de Leila Kilani, Marrocos/Francia (2011)

Mellor actor: Trofeo a Nasrdin Dchar, Achmed Akkabi e Marwan Kenzari de “Rabat”, Países Baixos (2011)

Premio Amal Express de 500 euros e trofeo a “El juego de la corrupción”, de Ramón Herrera e Álvaro Menéndez

Premio da TVG de 3.000 euros, 3 pases da película na cadena e trofeo a longa de ficción “Sur la planche” de Leila Kilani, Marruecos/Francia (2011)

Premio del público de 1.500 euros e trofeo a “Sherezade et le dèlice casher” de Agnès Caffin, Francia (2010)