Chévere busca arquitectos que deseñen a escenografía de Eurozone

Un concurso de ideas abre a colaboración entre o COAG e a compañía teatral

Eurozone, o thriller político que contará a historia dun atraco coa idea da descomposición da Unión Europea como telón de fondo é a última aposta de Chévere. A compañía residente do Auditorio da Ramallosa dá un paso máis adiante na súa traxectoria ao convocar un concurso de ideas dirixido a arquitectos para a selección dun espazo escénico. “É unha experiencia novidosa da colaboración entre arquitectura e teatro que tamén pretende facer unha crítica ao uso pasado da arquitectura como loita de poder” explicaba Jorge Duarte, decano do Colexio de Arquitectos, entidade que se integra na aposta de Chévere.

Hai na colaboración de Chévere e do COAG un xogo de intereses. Da banda da compañía, buscar unha escenografía para o último espectáculo de gran calidade. Da outra, “abrirá novas vías de traballo que os arquitectos temos abandonados, ao tempo de dar unha mensaxe crítica sobre o uso da arquitectura como reflexo do poder e afastada da sociedade” verbalizaba o decano do colexio de Arquitectos, Jorge Duarte, na rolda de prensa. A fórmula é un concurso de ideas por importe de 6.500 euros (5.000 de execución e 1.500 de honorarios, máis IVE) para deseñar un “non-lugar”, un espazo que sexa doadamente desmontable e transportable que se adecúe as necesidades dunha obra de teatro e ás súas xiras segundo explicou Xesús Ron, director artístico do espectáculo. Ron incidiu tamén no carácter “integrador do teatro, que non é algo que nos esteamos inventando, senón que a Bauhaus xa o fixo na alemaña dos anos 20”. Desde a compañía incidiron no risco deste tipo de proposta, ao ser a escenografía cun orzamento máis alto dos seus vinte e cinco anos de traxectoria pero que agarda con “grandes expectativas”.

Calendario
O prazo de recepción de propostas, dirixido a arquitectos e estudantes de arquitectura, está aberto ata o día 12 de novembro. O xurado, formado por Xesús Ron como director artístico do espectáculo, Jorge Duarte , como decano do COAG, Fernando Martínez, presidente da comisión de Cultura do COAG, resolverán o concurso o vindeiro 23 de novembro. O proxecto gañador terá para executarse ata o 14 de xaneiro, xa que a obra ten prevista a súa estrea o 31 de xaneiro de 2013.
Memoria de dirección de Eurozone.