A Asociación Galega de Editores non participará, como era habitual desde hai anos, en Liber, a feira profesional do libro que comeza hoxe en Barcelona. Segundo sinala este colectivo, a Consellaría de Cultura acordou non correr este ano cos gastos do posto que os editores ocupaban de xeito conxunto no evento. Deste xeito, a presenza galega no evento fica nos postos individuais que instalarán Nova Galicia Edicións, Ideas Propias Editorial e Kalandraka. O Consello da Cultura Galega, pola súa banda, instalará un posto conxunto co Institut d´Estudis Catalans e a Real Academia da Lengua Vasca (Euskaltzaindia), e tamén coa Unión de Editoriales Universitarias Españolas (UNE).