O Festival Amal cumpre dez anos achegando o cinema árabe a Santiago

Un amplo programa de actividades culturais complementa o apartado cinematográfico

Xurdiu hai unha década coa intención de achegar á sociedade a realidade cotiá da cultura árabe. “Dez anos despois, todos aqueles que se interesan pola cultura e asistiron ás proxeccións, teñen outra visión e poden saber máis do que está acontecendo nos países árabes” asegura o seu director, Ghaleb Jaber, que está contento cos resultados colleitados. Son dez anos de traballo achegando a cinematografía, gastronomía, arte e a música porque, na súa opinión “hai moita confusión sobre a realidade, e nós pretendemos contribuír a traer un pouco de luz”. Nesta ocasión, seleccionaron 31 filmes dos 700 traballos recibidos, e confeccionaron un programa anegado de actividades de danza, música, caligrafía, gastronomía, conferencias e un programa pensado especialmente para os nenos. A cita, en Compostela, do 14 ao 20 de outubro.

Na edición de 2012 o Festival Amal mantense fiel á estrutura que presentou durante estes 10 anos cunha sección oficial competitiva e unha serie de actividades paralelas que superaban o estritamente cinematográfico (danza, caligrafía e gastronomía). Dentro da programación paralela, este ano destácase a exposición de Amal filatélico que permite percorrer o mundo árabe a través dos seus selos (Igrexa da Universidade, ata o 22 de outubro). A principal novidade, é o maior papel que ocupa a música dentro desta edición que a través de concertos abrirá e pechará (de xeito gratuíto) a semana oficial. Canda isto, un ciclo de cine musical achegará esta edición a outras localidades galegas (Lugo, Vigo, A Coruña e Ourense) e que se estenderá ata o mes de novembro.

Os premios
Con respecto aos premios, nesta ocasión repartiranse case 15.000 euros entre as diferentes categorías: mellor longametraxe de ficción, mellor longametraxe documental, mellor curtametraxe de ficción, mellor curtametraxe documental e mellor director. Os premios a mellor actriz e mellor actor só recibirán o trofeo, unha escultura de Acisclo Manzano (Ourense, 1940). Ademais, Televisión de Galicia colabora co festival co seu premio, comprando os dereitos de emisión por dous anos dun filme da sección oficial e que emitirá por televisión nas mesmas datas da vindeira edición do festival Amal.

Con este, son dez anos de traballo achegando a cinematografía, gastronomía, arte e a música porque, na opinión do seu director, “hai moita confusión sobre a realidade, e nós pretendemos contribuír a traer un pouco de luz”.
Ligazóns