Superdicionario Castelán-Galego é o título do último lanzamento da editora Morgante. Un volume que, a partir do dicionario castelán-galego da Real Academia, amplía contidos ata as 27.000 entradas, entre elas 2.500 topónimos de todo o mundo, e inclúe 17.000 locucións. O proxecto anúnciase testado ao longo de 5 anos de traballo de tradución e contrastado con ferramentas terminolóxicas como o Termigal, o CORGA e o VOLGA. No web da editora, a obra preséntase como "unha ferramenta eminentemente práctica que quere servir de axuda a quen traduce frecuentemente do castelán ó galego, ou ten un maior dominio expresivo en castelán, e quere acadar unha competencia semellante na nosa lingua". O volume está á venda por 36 euros.