O Consello da Cultura dixitalizará os fondos sonoros do Liceo de Ourense

As dúas institucións asinaban esta mañá un convenio de colaboración

O presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares, e mais o seu homólogo do Liceo de Ourense, José Carlos Martínez-Pedrayo, asinaban esta mañá na Cidade das Burgas un conveino de colaboración entre as entidades que dirixen. O acordo establece que o Consello da Cultura, a través do Arquivo Sonoro de Galicia, procederá á dixitalización dos fondos sonoros conservados no Liceo de Ourense. Este material integrarase no legado que custodia o Arquivo Sonoro co nome específico de Fondo Liceo Ourense.

Os fondos do Liceo compóñense maioritariamente de gravacións dos actos que se celebraron na sede desta asociación, fosen organizados pola mesma ou por outras entidades. A incorporación do material aos fondos dos Consello realizarase “a efectos de arquivo e investigación, entendéndose que isto non supón alteración dos dereitos de autor nin de propiedade intelectual, que continuarán nas mans correspondentes”.