Alén do Arco

Cardiff acolle o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos

“Nunha realidade social cada vez máis complexa e cambiante, ferramentas e discursos son necesarios para acadar novas formas de pensar “Galiza”. Así presenta a Asociación Internacional de Estudos Galegos o seu X Congreso, que se celebrará desde o mércores ata o xoves na capital de Gales, Caerdydd (Cardiff en inglés). Unha boa chea de especialistas nas máis variadas disciplinas reflexionarán sobre a actualidade da cultura galega.

Coa conferencia inaugural “Galicia, un enigma histórico?” de David Mackenzie, da Universidade de Cork , inaugúrase o mércores en Caerdydd (Cardiff) o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, un evento interdisciplinar onde conflúen investigadores e académicos galegos e doutros partes do mundo en diferentes disciplinas ao redor da cultura galega. O congreso celebrarase na Universidade de Cardiff e conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, entre outras entidades, entre o mércores e o venres.

Case 100 especialistas presentarán traballo de todas as disciplinas das humanidades. Desde a literatura comparada ata o libro electrónico, desde a divulgación científica ata a memoria histórica e desde áreas moi especializadas da lingüística e a filoloxía ata proxectos de activación cultural. O congreso, segundo os organizadores, “busca servir de plataforma desde a que contribuír a desenvolver unhas liñas de diálogo tematicamente transversais e interdisciplinarias sobre Galicia no contexto do Arco Atlántico, mais tamén facéndose extensibles a outros ámbitos periféricos e de minorías”.

Rosalía de Castro
Un aspecto significativo é a especial atención que o X Congreso dedica á figura de Rosalía de Castro, en preparación para 2013, onde se concentrarán dúas efemérides, os cincuenta anos de celebración do Día das Letras Galegas e os 150 anos de Cantares Gallegos, o punto de arrinque da literatura contemporánea de Galicia. A poeta, a súa obra e o seu tempo será obxecto dunha gran diversidade de interpretacións e análises. Desde mesas como A internacionalización dos estudos rosalianos, Novos estudos rosalianos: a vida, a obra e o tempo de Rosalía de Castro ou unha mesa redonda sobre novidades editoriais. Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, será un dos ponentes destacados, canda figuras como Helena González ou María Xesús Lama, entre outros. Luís Bará presentará o proxecto Rosalía 2013.

culturagalega.org participará no congreso a través do seu director, Manuel Gago, e realizará a cobertura xornalística dun dos congresos máis relevantes para a cultura galega.