Un ciclo afonda artísticamente na relación da cultura coa auga

A proposta desenvólvese os sábados de setembro nos muíños da Barosa

Concertos, intervencións artísticas, gastronomía e literatura no contorno dos muíños da Barosa (Barro, Pontevedra). Toda unha homenaxe á auga que xorde do impulso do músico Adrián Silva e da artista e investigadora Ana Seoane que buscaron un formato que tentara exhibir as relacións das diferentes disciplinas culturais coa auga. O resultado é unha serie de propostas artísticas que se desenvolverán os sábados 15, 22 e 29 deste mes de setembro.

Ana Seoane levaba un tempo investigando, como parte do grupo do proxecto de investigación DX7 da Facultade de Belas Artes de Pontevedera, “a figura ou o papel da arte na auga e que facía parte do proxecto da Universidade de Vigo, Campus do Mar, como campus de excelencia científica no que investigamos a relación cultural co mundo da auga”. Da outra, o músico Adrián Silva argallaba a idea de facer un evento cultural, relacionado co contorno de Barro. E a conexión chegou inmediatamente e puxéronse mans a obra para, como di Silva “ofrecer actividades culturais, todas as manifestacións artísticas arredor deste tema”. O resultado é un programa multidisciplinar no que todas as actividades se aproximarán á súa relación coa auga (sons líquidos, imaxes líquidas, letras líquidas e pratos líquidos) nun contorno tan axeitado para o tema como son os muíños da Barosa.

Co apoio de diferentes empresas, botaron a andar este ciclo multidisciplinar que servirá, ademais, para exhibir os primeiros resultados dese proxecto de investigación (Identidades líquidas).