Titirideza renova a súa aposta de monicreques para infantes e adultos

Unha gran mostra achegará o mundo da marioneta

Contos de sempre contados a golpe de marionetas e actores cunha linguaxe escénica diferente (como por exemplo, Pinocho corazón de madera da compañía madrileña Okarino Trapisona), un documental (Morreu o demo e acabouse a peseta de Tintimán Audiovisual no que se recupera o teatro ambulante da familia Silvent que percorreu toda Galicia na primeira metade do século vinte) e as innovacións de Fantoches Baj son algún dos espectáculos que conforman a undécima edición de Titirideza. A mostra de marionetas de Lalín conta este ano cunha novidade, unha gran mostra de marionetas, carteis, fotos e libros que documentan o complexo mundo dos títeres e que se instalarán no baixo dun céntrico comercio xa pechado que cede o espazo para divulgar esta edición. A cita desenvolverase entre o 30 de agosto e o 2 de setembro.