Increméntanse os blogs que falan de moda e tendencias

Vestir a rede

Hai quen pensa que vestirse non é só taparse, senón unha forma de comunicarse tan válida como falar ou escribir. Pero moito máis sutil. Por ese mesmo motivo, nos últimos anos proliferaron blogs de moda sobre estilismos, tendencias… moitos parellos ao desembarco de tendas on line e paralelo ao incremento de vendas a través da rede. Conversamos con algunhas blogueiras que nos contan a súa experiencia.

Non é un espazo prohibido para homes pero só están elas. As mulleres monopolizan esas bitácoras destinadas a propoñer, reinventar e vestir un estilo de vida. Hai un denominador común que une a todas: a súa paixón polo tema. “Encántame a moda, levaba máis de tres anos seguindo blogs de moda cando decidín abrir o meu propio” explica Rebeca Rodríguez (Lalín, 1975) que mantén desde o ano 2011 o blog “Any Day is pretty”. Ou Isabel Cendán (Lugo, 1977), creadora de Xanela Chic que explica que “sempre me sentín fascinada por este mundo”. Non hai máis que dar unha volta polos perfís de moda de blogueiras galegas para ler “apaixonada pola moda” na súa autodefinición. Silvia García (A Coruña) Bartabac; Alexandra Pereira (A Coruña) que mantén Lovely Pepa, ou Gala González (A Coruña, 1986) máis coñecida como Amlul son algunhas das blogueiras máis coñecidas que están irremediablemente unidas por un perfil público tecido a fío sobre creacións, moda e estilo de vida. Pero non todas son iguais.


Do hobby á profesionalidade
Non existe un rexistro de cantos blogs de moda están operativos a día de hoxe, nin de cantos seguiron o curso natural e esmoreceron no seu intento. O que sí sabemos é que cada día se incrementa a aparición desde tipo de propostas: baratas, marcadas por un elevado sacrificio persoal de renuncia da súa intimidade. Con todo, as súas creadoras non consideran a súa achega do mesmo xeito. Hainas como Rebeca (Any day is pretty) ou Isabel Cendán (Xanela Chic) que son un pasatempo que pouco ten que ver coas súas respectivas profesións, que dedican parte do tempo que lle resta das súas obrigas familiares e profesionais para manter este hobby. E hai outras como Gala González (Amlul) ou Silvia García (Bartabac) que fan deste hobby un modo de vida. A propia Gala González xa ten traballado a nivel profesional no mundo da moda co seu tío, Adolfo Domínguez, tralos seus estudos de moda en Londres, ata que decidiu dar o salto por si mesma e crear Amlul. Outras, como Isabel Céndán teñen moi claro que “eu son procuradora e esa é a miña profesión, isto é un hobby que me divirte profundamente pero nada máis”. Nesa mesma liña está Rebeca (Any day is pretty) que ten ben claro que “dado que é un hobby, non o vencello á miña vida profesional, eu só expoño a miña visión sobre a moda”.

De feito, dependendo do perfil (profesional ou hobby) cada blogueira destina un número de horas diferente. Tal e como recoñece nun dos seus vídeos do blog para Gala González, crear Am-lul require un mínimo de actualización de tres ou catro horas diarias, así como unha dedicación constante de asistencia a eventos, participación en proxectos e encontros que para esta blogueira, moi reputada a nivel internacional non ten fronteiras. Seguir o seu blog é como dar unha volta polo mundo con esta creadora como guía. Os seus posts recentes localízanse en Arxentina, Grecia ou Reino Unido. Para Rebeca (Any day is pretty) ou Isabel Cendán (Xanela chic) o número de horas que invisten no blog depende “do tempo que teño libre” ou “das súas ocupacións” pero en ambos casos supón arredor de tres horas á semana.


Sine qua non
Fotos das blogueiras cos seus estilismos, descrición de que tenda e que temporada son as prendas que locen aderezado de moito anglicismo son os sinais de identidade deste tipo de plataformas que manteñen estas creadoras e inspiradoras de tendencias. Con todo, existe outra característica que todas elas queren remarcar: a naturalidade. Non se visten especialmente para a ocasión, senón que, tal e como recoñece Rebeca “todos os estilismos cos que nos retratan son a roupa que vestimos diariamente, non son posados”. Isabel Cendán incide nesa naturalidade que pretenden este tipo de plataformas, xa que “non é nada organizado nin pensado, senón que pretendes contar esas cousas que che interesan e que che apetece compartir”.

O inglés é o idioma predominante destes blogs. Desde os propios nomes dos blogs (Anydayispretty, Lovely pepa….) ata os vocabularios das prendas (outfit, Winter, look, blazer….) ou mesmo os post que están traducidos inglés-español ou directamente en inglés. "a min recomendoumo unha publicista que é amiga" recoñece Rebeca. Unha das excepcións é Xanela Chic, que recoñece que o seu nome comezou sendo de probas "para poder vender os complementos que facía (tocados, bixutería principalmente) e logo xa quedou" con todo recoñece que foxe de empregar anglicismos, malia que "nalgúns casos están tan estendidos" que non queda outro remedio.


Opinións que arrastran tendencias
Entre as 1.500 visitas de Xanela Chic e as 30.000 de Amlul hai numerosos blogs galegos, como as 4.000 que confesa ter Any Day is Pretty nos seus mellores días ou as 10.000 de Zaira Varela. O certo é que esas cifras avalan a súa influencia na rede. Por todo iso, non é infrecuente ler nos seus posts que algún accesorio exhibido nunha sesión de fotos anteriores, gustou moito e acabaron por ter certa demanda en tendas. De feito, existe unha certa correlación entre as vendas e as prendas que exhiben as blogueiras nas súas fotografías. Empezaron por un afán meramente altruísta, motivadas por esa paixón pola moda e algunhas delas acabaron converterse nunha especie de “gurús” de moda, servindo de inspiración para numerosas compradoras/consumidoras. As fórmulas nas que a industria (marcas comerciais, tendas en liña ou presenciais) se relaciona con elas son moi variadas e a súa presenza en blogs destaca como patrocinio, publicidade, referenciado nos propios post (que lle envían produtos que logo elas comentan). Esas relacións entre as blogueiras e a industria da moda tamén se ve na súa presenza, cada vez maior e cada vez máis notoria, en eventos industriais arredor deste sector. Sen embargo, o exemplo máis paradigmático de implicación nestes mundos son as primeiras xornadas de comercio electrónico que pretenden xuntar no mesmo espazo a blogueiras, pemes (en lalin existe un recoñecido grupo de empresas que se dedican a este sector) e especialistas en comercio electrónico. A impulsora de todo isto é a creadora de Any day is pretty. "nunca pensei que tivera tan boa acollida a proposta, que o único que pretendía era facer ver ao mundo das pequenas e medianas empresas, que existen novas posibilidades de negocio" asegura Rebeca Rodríguez. Os responsables de empresas recoñecidas como Tous ou Mango; blogueiras como Gala González ou a propia Rebeca compartirán espazo para entender que a rede pode abrir outras posibilidades de negocio.