Preséntase "Beatus qui legit", obra gañadora do I Premio Blanco Torres

Beatus qui triunfat

"Beatus qui legit" a colectánea de artigos que gañou o I Premio Roberto Blanco Torres de Xornalismo de Opinión, presentouse hoxe no Colexio de San Xerome en Santiago de Compostela. O libro recolle os artigos publicados por Xesús Alonso Montero entre o 28 de xuño de 1998 e a mesma data de 1999. O 21 de decembro próximo darase a coñecer o nome do gañador da segunda edición.


Merecimento




Durante o acto de presentación salientouse a figura de Alonso Montero, catedrático e membro da Real Academia Galega, como defensor da xusticia social, da lingua e da cultura galega. Os seus artigos, segundo sinalou o rector da Universidade de Santiago Darío Villanueva, teñen unha ampla base filolóxica ademais de un fondo compromiso político. O autor manifestou o seu convencimento de non ser merecente deste premio ó non considerarse mellor que outros xornalistas de opinión. Segundo el, a xenerosidade do xurado superou neste caso á xusticia do mesmo.












Universidade



Darío Villanueva e Víctor Freixanes, profesor da USC e, membros do xurado, destacaron a importancia do premio Roberto Blanco Torres de cara a potenciar o xornalismo de opinión no noso país, e sinalaron que esta publicación é o comezo dunha colección sobre xornalismo de opinión que editará a Universidade baixo a coordinación da Facultade de CC. da Información.
Asimesmo, o rector sinalou a importancia da convocatoria de premios coma este, en colaboración co concello de Cuntis, para abrir a universidade á sociedade.




O premio




O premio Roberto Blanco Torres foi convocado por primeira vez o en 1999, ano en que se dedicou o día das letras galegas a este xornalista de Cuntis. Desde este certame preténdese recoñecer o labor dos xornalista de opinión galegos, premiando os artigos publicados durante un ano. O xurado desta primeira edición estivo composto por Darío Villanueva, Víctor Freixanes, Francisco Fernández del Riego, Carlos Casares, Xosé López García, Roberto Blanco Valdés e Eduardo Rei Rodríguez.