A cidade da BD

A novena arte conquista A Coruña nun Viñetas desde o Atlántico máis descentralizado ca nunca

A Coruña tínguese de banda deseñada este verán. Viñetas desde o Atlántico chega á súa XV Edición cun programa que trascende os Xardíns de Méndez Núñez e que implica diferentes colectivos de institucións da cidade. Canda a isto, Miguelanxo Prado adianta mudanzas e novidades no programa do evento que comeza hoxe.

A tendencia afortálase. Se nos seus primeiros anos Viñetas desde o Atlántico era un festival que se restrinxía aos postos dos Xardíns de Méndez Núñez e as exposicións do Kiosko Afonso ou a sala Salvador de Madariaga, aos poucos foise abrendo a novas localizacións para ás súas actividades. Así, o Acuarium Finisterrae ou o Pazo Municipal foron acollendo diferentes exposicións, e a apertura de Palexco permitiu contar con máis espazo para as mostras. Logo do décimo aniversario, en 2007, o evento sufríu aínda unha nova mutación, artellando actividades na zona de vendas e abrindo ás librarías a configuración de presentacións e outras propostas. A seguir unha liña ascendente, este ano, galerías de arte, algún café, as bibliotecas, o Fórum Metropolitano, ou a Ágora achegan ao longo de todo o mes de agosto un ronsel de actividades que asolagan de cadriños a Cidade Herculina ata o vindeiro 12 de agosto.

Crise
Malia a crise, o director do festival, Miguelanxo Prado, sinala que o único atranco que sofreu o festival foi unha certa demora na organización. “Tivemos que manexar menos listas de autores do que outros anos, pero na maior parte dos casos conseguimos confirmacións rápidas de xente que tiñamos contactadas e non houbo problema”, advirte. “Notouse tamén que é o primeiro ano que se organiza co actual goberno, e todos os primeiros anos iso esixe unha maior coordinación, porque nós levamos quince anos aquí, pero para a xente da Concellería todo é novo”.

Máis actores
De ser un espazo no que a organización, encabezada por Miguelanxo Prado, seleccionaba os autores convidados e atendía as solicitudes para realizar as presentacións, o evento está a pluralizar a súa xestión. Asociacións, editoras e librarías, bibliotecas e outras entidades están a coller un protagonismo crecente, achegando unha experiencia única que trascende a visita ás mostras e o encontro cos autores convidados. Prado recoñece que “levamos unha alegría” con esta situación.“Semella que por fin se van consolidando as actividades fóra. Durante anos o Aquarium foi única institución que veu programando de xeito estable unha exposición de BD a coincidir con Viñetas. Logo a Fundación Seoane e o Colexio de Arquitectos programaron tamén durante uns anos. Agora vemos que a galería 9the13 fai, como en anos pasados, unha mostra, e que Moret Art tamén se suma. E que a FNAC trae a Mireia Pérez, que pensabamos traela nós, e fai unha exposición, e o Café de Macondo programa outra”, para alén das actividades do Fórum Metropolitano ou da Ágora, coordinadas por Manel Cráneo e organizadas desde o propio concello. “Desde a concellaría quíxose incidir en que houbese máis visibilidade neste sentido, e Cráneo fixo un traballo meritorio coordinando estas actividades”. Segundo sinala Prado, chegar a esta situación, “foi durante moito tempo unha ambición de Viñetas. Sen comparar, queriamos seguir o espírito de Angoulême e conseguir que durante respirase eses días en clave de viñetas, funcionar como catalizador para todas esas actividades”.

Integración
Un dos campos nos que innova a actual edición de Viñetas é a integración da banda deseñada nos campamentos de verán que se desenvolver no centro Ágora, no Fórum e na rúa. Coordinados por Manel Cráneo, as propostas inclúen obradoiros de creación de personaxes en diferentes formatos, debuxo de banda deseñada, unha exposición de obras de tema deportivo de Santy Gutiérrez e Pinto e Chinto, teatro de rúa con temática de cómic ou a realización de tres murais son só algunhas das propostas. “Serán un total de 48 obradoiros para rapaces de distintas idades. Haberá tamén unha actividade de BD experimental, coordinada por Henrique Torreiro, destinado a creadores de máis de dezaseis anos, no que se proporá facer ao vivo obras con determinadas limitacións, como que sexa mudas ou que se conte unha historia con obxectos, buscando saír do esquema máis tradicional da BD”, lembra Cráneo. Pola súa banda, desde a Rede de Bibliotecas Municipais anuncian unha nova edición do programa AC/BD que inclúe as xornadas do colectivo Mangalego. Ademais, desde o seu posto na zona de venda de Viñetas, organizarán concursos, obradoiros e préstamo de obras.

Na edición
No campo das novidades editoriais, déixase sentir nesta edición a desaparición de Polaqia, colectivo coruñés adoitaba aproveitar o festival para presentar as súas novidades. Logo da súa disolución, Demo Editorial aparece como a firma que máis lanzamentos achega este verán. Kalandraka, con O papagaio de Monsieur Hulot. Nin BD Banda, Retranca ou el Patito Editorial achegarán novas obras ao evento. Do mesmo xeito, os colectivos de fanzines Fuck Cómics (en trance de desaparición) e os autores do fanzine Sinónimos de Lucro non escolleron o festival para presentar os seus lanzamentos O descenso de publiacións acentúa unha tendencia que se está a verificar nos últimos anos e que contrasta co crecente interese pola BD por parte de editoras no noso país. Para alén do posible efecto da crise na diminución de novidades, pode interpretarse esta mudanza como unha desestacionalización na edición de cómic. Prado recoñece que “as presentacións en Viñetas, ao igual que acontece con outros festivais como Barcelona, non teñen moito éxito”. A multiplicidade de propostas arredor da BD fai que a miúdo a asistencia aos actos fique reducida a amigos e familiares, mentres que a nivel mediático, estas propostas poden verse eclipsadas pola presenza de debuxantes famosos. No entanto, Prado salienta que “a nivel de vendas si que pode ser algo moi aproveitable, en Barcelona os editores sábeno ben, e pode ser que é posible que aos galegos lles interese preparar algún título ou algunha edición para este evento, porque si que pode dar nun certo empurrón inicial ás vendas. Non se trata tanto de facer presentacións puntuais de novidades como aproveitar para facer saídas de títulos”.

Encontros
Un experimento que arrinca nesta edición en Viñetas son os encontros cos convidados que porán ter os autores que se teñan inscrito previamente. Ata vinte creadores poderán coñecer de primeira man as experiencias profesionais dos participantes a Viñetas deste ano. Segundo explica Prado, “Supón unha proposta importantísima” que lles permitirá aos profesionais galegos “coñecer xente con carreiras como as que teñen Seguí, Pellejerko ou Quitely, que están en plena produción agora mesmo, que poden compartir a súa experiencia traballando con e sen guionistas, falar das preferencias dos editores franceses ou comentar mesm as porcentaxes de dereitos que negocian. Tamén quere servir un pouco como toalla de auga fría para que non se nos quente de máis a cabeza. Coñecer carreiras como estas póndenos axudas relativizar o que estamos a conseguir. Non é o mesmo estar traducidos a tres linguas que a catorce”.

Evolución do sector
Prado adianta tamén unha nova orientación nas exposicións dedicadas á produción galega. “En Viñetas sempre houbo como mínimo unha mostra dun autor galego e outra máis ou menos colectiva. Agora queremos que esa exposición amose a produción galega de cada ano, repasando as obras que teñan saído a nivel profesional, é dicir con depósito legal e ISBN, tanto cousas foráneas editadas aquí como traballos galegos que saian fóra”, explica. “Ai verase quen edita, quen ten unha produción continuada, e quen chega ás librarías”. Estas mudanzas están relacionadas, segundo Prado, coa evolución do propio sector en Galicia. “Tanto Viñetas, como os medios ou o o propio colectivo estivemos sendo cómplices dunha estratexia que supón unha especie de visión asembelaria do asunto. Está moi ben para o momento de inicio, que é moi pouco discriminatorio e todo o mundo está máis ou menos en igualdade de condicións. Agora pasamos á adolescencia, estamos nun momento no que non todos os que se postulan acaban conseguindo algo, é un momento desagradable no que hai xente que fica fóra”. O director do festival chama a modificar o discurso sobre a BD. “Non se pode seguir tratando a banda deseñada galega como hai quince anos. Sen descoidar a canteira e que agromen novos autores, cómpre subliñar o que acada situación de profesionalidade, diferenciar deporte de base de deporte de elite. É distinto que Rubín, Emma ou Alex Cal rematen un libro a que un grupo de rapaces da ESO teñan feito un libro sobre Rosalía. Chegou o momento de que a BD galega ten que madurar e asumir que xa non é simplemente un movemento que está agromar. Ten os seus froitos e hai que distinguir as pólas que os deron, as que deron froitos máis cativos ou as que non deron, e axudar se cómpre a algunha destas para que mellore”, sinala Prado.