O estado do I+D musical

Os novos músicos galegos enfróntanse a un panorama no que se mesturan crise e creatividade

<a href=Shit Pony. Fotografia de Beatriz Vilariño." width="300">
Shit Pony. Fotografia de Beatriz Vilariño.
Críticos e profesionais coinciden en sinalar que, nos últimos anos, a música galega está no seu mellor momento. Un talento estendido e as posibilidades que as novas tecnoloxías abriron para a promoción e a edición de discos son algúns dos factores que explican o actual estado. No entanto, a desaparición de varios certames e plataformas de lanzamento para grupos noveis fai que nos preguntemos pola continuidade da situación. ¿Está garantido o futuro da música galega?

A ausencia durante un ano do Xuventude Crea da Xunta ou (que se convocou recentemente), ou do Certame de Rock da Deputación da Coruña, a eliminación do Coruña Son ou a desaparición do programa Nsaio poden facer pensar nunha diminución nas oportunidades para os grupos do país que comezan. De xeito paralelo, o feche de diferentes salas como The Star en Carral, pódese interpretar como un empobrecemento da escena. No entanto, profesionais do sector preciben a realidade dun xeito diferente, apuntando un escenario convulso no que se entrecruzan as oportunidades cos efectos da crise económica e mais a mudanza no modelo da industria musical.

Apoiar a creatividade
O que semella garantido é a creatividade. “Levo máis de 15 anos a traballar na xestión cultural e sempre vin talento. Poida que máis ou menos atomizado ou disperso, pero sempre o hai”. Así o asegura Alberto García, que foi responsable do programa Nsaio e do proxecto Leña Verde de dinamización cultural en Boiro durante varios anos. Coincide con el Salva García Ronko, responsable do proxecto Maketón Estrella Galicia desde Radio Vigo e veterano do mundo musical galego. “Hai moita forza creativa, con xente que está en moitos grupos”. Malia á súa confianza na valía dos grupos do país, García ten claras as posibilidades que abre o apoio aos músicos novos. “Pódese xerar un movemento mediante incentivos”, sinala. “Xa sexa desde a administración ou desde o ámbito privado, como é a rede de salas Clubtura, é positivo artellar e darlle forma a ese talento para que se visibilice. Isto dá en que haxa unha maior consciencia colectiva sobre este potencial e produce unha retroalimentación, que haxa xente que vendo movemento monte o seu propio grupo”. A este respecto, García apunta a importancia de crear referentes propios no panorama musical que inflúan as novas formacións. “Moitas veces a xente que monta grupos só collen influencias foráneas, se creamos consumo interno haberá un efecto rebote. Hai casos como os de Moita Leria, que se declaran seguidores de Heredeiros da Crus, e agora é posible que saian outros”.

O folk
É ben certo, no entanto, que o panorama no folk, malia ao crecemento doutros estilos da música galega como o pop ou o rock, continúa a ter as súas peculiaridades. Festivais consolidados, como Pardiñas ou Ortigueira, co xa imprescindible certame Runas, fan parte dun panorama xa maduro no que as influencias entre bandas ou as homenaxes son algo habitual. A importancia económica das vendas, a miúdo internacionais, permiten aínda se manteñan en moitos casos as fórmulas tradicionais de negocio con discográficas e promocións de importancia.

Retroceso e consolidación
Nese sentido, García considera que se deu un certo retroceso. “a situación agora é como foi case sempre, de desamparo e de moitas dificultades. Grupos novos hai moitos e renóvanse constantemente. Sempre hai unha grande parte que xorden cunha perspectiva lúdica, de pasalo ben, e de tocar en catro bares e nalgunhas festas, e aí non hai problema. Pero a xente que ten unha perspectiva máis profesional, sofren as dificultades de ter un mercado pequeno e falto de apoios”. A ese respecto apunta que “o programa NSaio abandonouse completamente. Con este proxecto permitíase que xente que ao mellor comezaba cunha perspectiva máis lúdica tivese un espazo para tocar e ao tempo producíase un movemento que daba en máis cousas e axudaba a xerar un tecido sociocultural maior e unha industria máis forte. Non podemos esquecer que a xente que toca son tamén grandes consumidores de música”. Canda a este programa, García lembra a importancia que está a acadar Clubtura como asociación de salas de música e mais o circuíto vencellado a elas coa colaboración de AGADIC, que facilitou a programación de música ao vivo por todo o país. Para Ronko, malia á crise económica polo momento o panorama galego é de consolidación, cun crecente movemento asociativo que agrande aos diferentes sectores da industria. “Os músicos están a se corporativizar” con propostas como a asociación de músicos ao vivo, “está Clubtura, e a rede da Música ao Vivo, aínda que penso que esta non acadou os seus obxectivos. “A iniciativa é unha boa idea, pero hai que a perfeccionar. O que se consigue é que as salas e os grupos cobren, pero falta promoción para que a actividade chegue á xente, o obxectivo non debe ser subvencionar os grupos e as salas, é que os músicos poidan tocar ante a xente”.

Promoción
Malia á vitalidade que presenta o panorama neste sentido, García apunta que “deberían canalizarse esforzos. Non se trata de inventar moitas cousas senón de aproveitar o que xa hai. Se unha radio ten un certame potente, hai que o aproveitar e non facer algo que compita”. Ao ver de Ronko, a maior eiva nas oportunidades para os grupos galegos, e en particular para os máis novos, está precisamente na promoción. “Non se fai publicidade en radios nin televisións autonómicas. Fai unha programación musical que non ten nada que ver co apoio á música galega e que é igual á que fan moitas emisoras comerciais”. Tamén é certo que, para alén das canles tradicionais de promoción, a rede está a se consolidar como unha vía de crecente importancia, e cada vez é máis habitual que os grupos conten con páxinas web ou perfís en Facebook ou MySpace e que colguen os seus discos, completos ou en parte, en plataformas como Bandcamp, Spotify, iTunes ou outras similares. Verifícase así unha descentralización da industria cada a un maior protagonismo das bandas fronte ás discográficas.

Ao vivo
De xeito curioso, un dos efectos da crise é para García unha maior presenza de galegos nos carteis dos festivais. “Por cuestións orzamentarias cada vez vense máis, hai mesmo carteis que optan totalmente por músicos do país, e sio é bo. Compre que haxa espazos onde estes grupos poidan tocar. O Derrame rock, por exemplo é unha proposta moi boa que permite xuntar grupos que comezan con outros consagrados, iso motiva moito aos novos e resulta un esquema que se podería aproveitar noutras propostas”. Canda aos festivais, nos últimos anos deuse tamén un incremento de escenarios en concertos e en salas, e iniciativas como as da Asociación de Músicos ao vivo para regularizar tarifas e formas de contratación. No entanto, o panorama para os concertos non está no seu mellor momento, segundo sinala Ronko. “Sempre houbo unha certa crise, pero na actualidade aos grupos practicamente lles custa cartos tocar, sobre todo a nivel amador estamos a voltar a unha situación propia dos anos 80 e que mudara. Aínda que che poñan na sala o equipo de son e o grupo gañe os cartos da entrada, hai grupos que practicamente están pagando por tocar. Isto fará que moitos se desilusionen e que deixen a música”. Do mesmo xeito, malia ao incremento de público que, segundo os datos estatais, estiveron a ter os espectáculos ao vivo, en detrimento das vendas de discos, este locutor radiofónico non pensa que no noso país haxa unha grande rendibilidade. “Moita xente non se move, as bandas só conseguen levar os amigos. E logo hai moitos locais que ante a crise están a comezar a programar concertos. Entón, en lugares como Vigo dáse unha certa saturación de locais e de oferta”.

Certames
Malia á desaparición de determinados certames que premiaban coa gravación de discos (como o CoruñaSon), García apunta que, malia a que achegan posibilidades, a gravación perdeu importancia nos últimos tempos. “A gravación xa non é tan cara como era e a xente busca moito a autoedición e a publicación en Internet, e entón o premio de gravar un disco non supón un incentivo tan forte como no pasado. Os certames poden seguir funcionando, pero nese sentido si que teñen un esquema algo antigo”. Coincide con el Ronko ao sinalar que “o soporte físico xa non ten sentido, os rapaces non mercan CD” com algo que mudou xa de xeito definitivo a industria e lle tirou protagonismo ás compañías discográficas. “Hoxe hai moi poucas discográficas a funcionar. Está Inquedanzas Sonoras e algunha máis, pero é un panorama reducido a respecto do que tiñamos hai 20 anos. Os grupos autoedítanse e chegan a acordos con distribuidoras, pero isto tamén dá en que se reducise a promoción”. Relativiza tamén a importancia dos certames Ronko, quen sinala que “en ocasións se convocan cun carácter oportunista por parte de salas. Fan unha ou dúas edicións e conseguen así actuacións gratuítas para uns días. Ademais, os certames son unha arma de dobre filo, ao haber gañadores e perdedores poden desanimar aos que non gañen”. Canda a isto, salienta a redución dos premios, e incide na necesidade de promoción como unha das eivas fundamentais do sector.

A teor do dito, debemos pensar en que, máis do que un panorama en decadencia, estamos ante un ámbito vivo. Aínda que necesariamente afectadas pola crise desaparecen determinadas citas, outras mantéñense vizosas e aínda nacen novas propostas. Se A polo Ghit! é historia, a Radio Galega mantén Vas sacar nota ou Novo son, mentres certames como Millo Verde, Directo Xove ou o clásico Maketón continúan en marcha, entre moitos outros. No entanto, e malia a que a renovación de entidades, certames e salas é un feito, cabe a posibilidade de que se estea a perder o certo bagaxe e o recoñecemento social que determinadas iniciativas conseguiran logo de anos de percorrido, como pode ser o caso do xa mencionado A polo Ghit!. Do meso xeito, aínda que se manteñen moitas oportunidades, a redución da venda de entradas e os correspondentes cachés ou das contías dos premios preséntanse como un problema crecente para a sustentabilidade das bandas e do propio sistema de concertos. “Hai que gañar a consciencia de que facemos moitas cousas moi ben e ás veces por falta de visibilidade de artellamento non se sabe o que hai aquí, e o mercado, que xa é cativo, faise aínda máis cativo”, lembra Ronko.