Os fenómenos

Varias produtoras galegas combaten a crise con diferentes proxectos

Fotograma de <i>Invasor</i> (Vaca Films)
Fotograma de Invasor (Vaca Films)
Malia que no web do Ministerio de Cultura só figuran dúas producións con participación galega en fase de rodaxe ao longo deste 2012, o certo é que hai bastantes máis. Non chegan ás cifras de hai catro anos, cando a produción audiovisual galega acadou máximos históricos (chegaron a facerse 18 longametraxes nun ano). Con todo, as produtoras fan forzas de flaqueza e preparan proxectos de todo tipo.

O ano comezou cos ecos de Invasor, a última aposta de Vaca Films que ten previsto chegar a carteleira ao longo deste ano. Un filme de alto orzamento, unha aposta arriscada e un traballo que rodaron polas rúas da cidade da Coruña da mand dunha das produtoras galegas con maior ritmo de traballo. Enlazan unha rodaxe con outra e estes días repiten localizacións na Coruña e están mergullados de cheo en Somos xente honrada, produción dirixida por Alejandro Marzoa e que conta con Miguel de Lira, Unax Ugalde e Manuela Vellés. Esta coprodución de Vaca Films e El Terrat (Andreu Buenafuente e Jose Corbacho) conta a historia de dous pais de familia e amigos de toda a vida (Suso e Manuel) que non pasan polo seu mellor momento. En paro, sen cartos, cunha familia que alimentar conta o dilema moral, e os problemas que se lle veñen enriba cando se ven obrigados a vender a droga para conseguir saír da miseria. Este filme conta con axuda de Agadic (preto de 240.000 euros) a ópera prima. E mentres esta en rodaxe deste título, xa está en marcha o seu vindeiro traballo O neno, no que repite o parte do equipo de Cela 2011, filme que os fixo merecedores de recoñecemento e facerse un oco na listaxe de empresas a ter en conta. Luís Tosar como protagonista, Daniel Monzón como director e coguionista xunto con Jorge Guerricaechevarría asinan O neno conta a historia dun neno que comeza trapicheando con droga acaba por converterse nun dos principais traficantes do país, ao amparo dunha policía corrupta. Coproducido con Telecinco, Ikiru Films e a francesa La Ferme Produccions que acaba de recibir unha achega de 650.000 euros do fondo Eurimages do Consello de Europa e ten previsto iniciar a súa rodaxe a principios de 2013 e chegar a carteleira a final dese mesmo ano.

Zircozine e Adivina, un ritmo que non para
Outra produtora que ten un ritmo de actividade tamén bastante alto nestes meses é Zircozine que, formando tándem co director Alfonso Zarauza prepara dúas longametraxes. Un deles era Encallados que, para Zarauza “comezou sendo unha película para televisión, pero ante o resultado, estamos pensando en darlle saída cinematográfica”. Rodouse nun ritmo frenético, en dez días con dez localizacións e catro actores (Xulio Abonjo, Ricardo de Barreiro, Federico Pérez e Farruco Castromán), con cameos de Luís Tosar, Patricia Vázquez, Marcos Pereiro e Isabel Naveira. É unha película de baixo orzamento,con 80.000 euros (contou tamén cunha axuda de Agadic, na modalidade de talento) que conta “a historia dun director de cine aao que le encargan facer unha película do prestige pero ao que todo lle sae mal, no fondo fala sobre a imposibilidade de facer esa peolicula”: Esta produción está en posproducción e Zarauza agarda poder comezar en breve o seu circuito por festivais. Rodada en Super16 en cine en branco e negro, Os fenómenos conta “a historia dunha cuadrillas de albanéis en pleno boom inmbiliario que son, como di o título, uns fenómenos, aos que un día se lle incorpora unha muller”. Esa mullér é Lola Dueñas que este ano 2012 só rodará dous proxectos, dunha banda a último película de Pedro Almodóvar, e da outra, o filme de Zarauza. “Eu sempre pensei nela e, mandámoslle o guión, gustoulle e sumouse ao proxecto” explica Alfonso Zarauza que tamén é guionista xunto con jaione Camborda. “É un guión no que levábamos arredor de dous anos traballando e que en setembro comezaremos a rodar”.

En rodaxe tamén está Inevitable a nova longametraxe cinematográfica de Adivina Producciones. Dirixida por Jorge Algora (O neno de barro), inicia agora a súa etapa de rodaxe arxentina, logo de estar en Santiago. O filme conta con elenco arxentino entre os que destaca Darío Grandinetti, pero tamén hai presenza galega como é o caso de Mabel Rivera (Mar adentro). Esta coprodución adapta para a gran pantalla Cita a ciegas, a popular obra de teatro de de Mario Diament. Os encargados de facer esa adaptación foron o propio director Jorge Algora e Héctor Carré. Nesta produción participan Adivina Producciones, Zarlek, Progress Communications, TVG, o ICAA e a Xunta de Galicia a través de AGADIC, así como AFIGAL.

Outras rodaxes
Outros proxectos de rodaxe deste ano son a miniserie para televisión Salgadura, que Continental Producciones levou a cabo con Dream Team Concept. Protagonizado por Luís Zahera, rodouse a principios de xullo na Coruña.
Unha referencia do cinema de autor galego, Juan Pinzás esta en pleno proceso de traballo do seu próximo proxecto. Trátase un filme bilingüe protagonizada por Lindsey Ireland que se está a rodar en Nova York. Titúlase New Yorks Shadows e é un drama de corte fantástico que conta a tribulacións de Julián (Juan pinzás), un realizador español que chega a Nova York para localizar a súa nova película e coñecer a actriz protagonista. Inesperadamente algo acontece e o cineasta acaba atrapado noa historia do seu propio guión. Este traballo ten prevista a súa estrea para decembro.