A parroquia Sedes rememora os ritos precristiáns celebrando a Noite da Luz cada trece de decembro

Chamar o día con lume

”Por Santa Lucía mingua a noite e medra o día” di o refrán. Na parroquia de Sedes, en Narón, conmemoran esta data dun xeito peculiar. Ademais da tradicional romaría, desde hai catro anos celebran a “Noite da Luz”, unha procesión nocturna que rememora os ritos precristiáns da zona.

Santa Lucía é a avogada da boa vista e, por extensión, a tradición galega asimilou a súa celebración ó Solsticio de Inverno e á luz. De feito o propio nome da santa vén do latín lux. Xa o refrán popular fala que é cada trece de decembro, festividade desta santa, cando comezan a medrar os días logo da mingua que sofreron no outono. Son moitos os estudiosos que ven a coincidencia de datas nun intento por parte da Igrexa de cristianizar celebracións previas de culto ó sol e á luz. En Sedes, concello de Narón, realizan na noite desta festividade un ritual que conmemora o crecemento dos días e que xunta a parroquia nunha celebración diferente.



Unha nova tradición

Todo comezou hai catro anos. Ata entón, Sedes celebraba cada trece de decembro unha romaría nas proximidades da capela que honra á Santa. Celebracións relixiosas, unha sesión vermú e unha orquestra, o habitual neste tipo de eventos. Sen embargo, hai catro anos xurdiu na Asociación de Veciños Rosa dos Ventos a idea de facer unha festa diferente. En colaboración co Servicio Sociocomunitario do Concello de Narón, que ese mesmo ano animara á asociación a pór en marcha o primeiro Oenach Céltico, artellaron a celebración da Noite dos Fachos. A intención era representar un hipotético ritual coma o que puideron realizar os antigos habitantes da zona para celebrar o solsticio de inverno.



As pegadas dos devanceiros

O Monte Esperón posúe unha boa cantidade de restos arqueolóxicos que testemuñan a presencia de habitantes durante épocas pretéritas. O Castro de Eiravedra ou o cemiterio prehistórico do Monte dos Nenos son algunhas das pegadas que deixaron estes devanceiros. Sen embargo, non existen probas de que alí se fixesen celebracións relixiosas do ciclo anual coma a que agora se representa. A Noite dos Fachos nace pois sen ningún referente histórico previo, e diso son conscientes os seus organizadores e queren deixalo moi claro. Simplemente se trata de saudar o Solsticio de Inverno dun xeito diferente e reunir a comunidade nunha actividade que reforza a tradicional romaría.



Luces na noite


A celebración consiste nunha procesión que vai desde a ermida da Santa ata o monte Esperón. No canto de levar a imaxe da homenaxeada e de facelo durante o día, os participantes saen de noite portando teas e candeas que se acenden onda a ermida. A continuación ascenden ata o cumio do monte, onde os agardan trece grandes fachos que simbolizan cada un dos rueiros que existen na parroquia. Ó chegar préndense, e o lume resultante vese desde todo Sedes. A participación na noite dos fachos rolda, segundo os responsables da asociación veciñal, as cento cincuenta persoas, de todas a idades, aínda que se producen oscilacións cada ano, xa que ascensión ó monte non é doada cando vai mal tempo. Durante a mañá do trece mesmo día xa se fixeran as celebracións habituais, que nesta cuarta edición estarán amenizadas pola orquestra Montes. Dase a circunstancia de que a festa de Santa Lucía coincide coa celebración da Feira do Trece, que se celebra no recinto feiral do mesmo nome o día trece de cada mes. Deste xeito concéntranse neste día tres celebracións nas que se mestura o laico e o relixioso.



Arredor dos castrexos


A consciencia celta de Sedes é moi elevada. Xa van tamén catro anos desde que cada verán a a Asociación de Veciños Rosa dos Ventos organiza o Oenach, unha festa na que se reproduce a celebración celta deste mesmo nome. Dentro dela levan tres anos realizando unha representación teatral da lenda do Castro de Eiravedra, e están a consolidar esta celebración coma unha das máis importantes recreacións históricas que se fan no noso país. Tamén desde están a promover a recuperación de deportes rurais coma o tiro de corda, o pulso ou serrado de toros. En certo xeito estas festas non fan máis que cumprir a función das vellas e, nalgúns casos, esmorecentes romarías, servir de punto de encontro entre os veciños, xunguilos en proxectos comúns e reforzar o sentimento de convivencia e de unidade da parroquia.