Nace en Ribadavia o primeiro Club Unesco de Galicia

UNESCLUB

Ribadavia acollerá en breve o primeiro Club Unesco de Galicia. Esta organización pretende difundir os valores de paz e cultura da organización internacional e promover a declaración de Ribadavia como Patrimonio da Humanidade e do Ribeiro como Reserva da Biosfera.



Un Club Unesco é unha asociación que pretende promover os valores desta organización das Nacións Unidas, é dicir, contribuír á paz estreitando a colaboración entre os pobos a través da educación, a ciencia e a cultura. Estas asociacións realizan unha tarefa de formación dos seus membros á hora de traballar democraticamente e en equipo. Ademais organizan actos públicos e traballos de investigación para difundir o ideario da Unesco Deste xeito, un Club Unesco pode facer desde estudios sobre países estranxeiros ou sobre os problemas do desenvolvemento ata actividades de promoción da Convención sobre o Patrimonio Mundial.



Ribadavia para o mundo

Precisamente esta é a vertente na que quere centrar a súa actividade o Club Unesco de Ribadavia, que ten prevista a súa posta en marcha en xaneiro. Promovido polo Centro de Estudios Medievais (CEM) da Vila, co que comparte polo de agora socios (arredor de setenta) e directiva, o novo Club sinala coma os seus obxectivos últimos solicitar a declaración de Ribadavia coma Patrimonio da Humanidade e do Ribeiro coma Reserva da Biosfera. José Luís Chao, presidente da nova asociación e do CEM recoñece que este obxectivo está moi lonxe e que o feito de fundar un destes clubs non supón ningunha vantaxe para acadalo. O pasado doce de novembro a agrupación recibía o dictame favorable da Comisión Española de Cooperación coa Unesco sobre a formación do novo club. Na actualidade están a desenvolver os trámites para ser recoñecidos legalmente coma asociación cultural.



Acompañamento internacional

Este é o primeiro club que se constitúe en Galicia a nivel local, aínda que existen outros semellantes por toda a xeografía española. De calquera xeito non se pode considerar un caso estraño, xa que existen máis de cinco mil grupos semellantes repartidos por oitenta e sete países do mundo. Os clubs Unesco teñen a súa orixe poucos anos despois do nacemento da organización: En xullo de 1947 nace o primeiro en Sendai (Xapón), e dous meses despois aparece o segundo en Kioto. En decembro dese mesmo ano nacía un novo grupo en Colorado, Estados Unidos, e en só dous anos xa había máis de cen asociacións deste tipo por todo o mundo, compostas fundamentalmente por universitarios. A partir de 1949 a Unesco comezou a promover a creación de clubs en escolas secundarias e universidades de todo mundo. En 1981 nacía a Federación Mundial de Asociacións, Centros e Clubs Unesco, unha organización non gobernamental que coordina e representa todo o movemento asociativo xerado arredor desta organización.



Traballos posibles


Algunhas das tarefas que abordan os diferentes Clubs Unesco do mundo son o estudio e a preservación do patrimonio, cursos de alfabetización, análise de problemas de desenvolvemento, estudios de culturas foráneas, cursos de educación cinematográfica ou de idiomas, estudio e compilación de tradicións, axuda a nenos desfavorecidos no seu traballo escolar ou organización de cursos sobre melloras agrícolas entre moitas outras. Aínda que os grupos xorden libremente e por iniciativa privada, a Unesco apadríñaos cedéndolles o nome e aportando un servicio de asesoramento para formular programas de actividades. Ademais, procura establecer unha corrente de información entre estes grupos e publica un boletín semestral Inter-Clubs e un Manual de Clubs para axudar ós seus membros e promotores. É moi estraño que a Unesco preste axuda económica directa ós clubs, centrando o seu apoio no asesoramento e na información.



Arrincando

Partindo dese obxectivo a longo prazo que é acadar a declaración de Ribadavia como Patrimonio da Humanidade o membros do Club Unesco do Ribeiro centrarán os seus traballos no estudio e valorización dos bens culturais da zona. Deste xeito, unha das primeiras actividades que queren desenvolver é organizar a restauración do conxunto de muíños medievais de Maquiáns. Ademais, queren propor e reclamar que se desenvolvan as medidas de protección axeitadas que permitan a Ribadavia e ó Ribeiro optar a unha hipotética candidatura ós títulos da Unesco. En certo xeito, e segundo o propio José Luís Chao, o novo Club actuará coma un grupo de acción do Centro de Estudios Medievais. Polo menos polo de agora, xa que unha das primeiras tarefas que queren desenvolver os promotores é conseguir novos socios. O soño aínda ten que ir con calma, polo de agora, o concello prometeulles un local para comezos do 2003.