O semestre surrealista

As actividades arredor da figura de Granell marcan a axenda compostelá na segunda metade de 2012

Imaxe do centenario de Granell
Imaxe do centenario de Granell
Compostela tórnase surrealista na segunda metade de 2012. Seis espazos da cidade concentran outras tantas mostras arredor da figura de Eugenio Granell. O Arquivo de Galicia acollía o pasado mércores a presentación de O encontro na poética de Eugenio Granell, a mostra que daba comezo a este maratón de actividades. Analizamos cos coordinadores destes eventos o que dará de si esta conmemoración.

Elementos que dan pé á obra artística ou traballos que son resultado de encontros. A biografía e a creación atópanse na exposición que abría o pasado mércores, as celebracións do centenario de Eugenio Granell, desta volta no Arquivo de Galicia. de O encontro na poética de Eugenio Granell, que se poderá ver ata decembro, supón un bo exemplo do que será o programa que marcará a axenda cultural compostelá ao longo dos vindeiros seis meses. E é que a celebración do centenario deste creador surrealista mestura o achegamento á súa obra co coñecemento e reivindicación da súa biografía. Político, exiliado, vangardista, amigo de primeiras figuras da cultura internacional, coleccionista. Granell preséntase como un ente complexo.

Encontros e etnicidade
Natalia Fernández Segarra, directora da Fundación Granell, filla do pintor e unha das coordinadoras do centenario, explica que “esta mostra céntrase en Granell, recolle diversas manifestacións da súa obra, pero tamén escritos, fotografías e documentos. É un reflexo da súa vida”, advirte. “Un dos obxectos máis antigos é un cinceiro en forma de calivera que atopou no buraco dunha bomba en Madrid, en plena guerra, e que levou consigo ao fuxir ao exilio”, todo artellado arredor da idea do Encontro. “Está o encontro co Caribe e coa selva, un mundo totalmente novo que o influenciou moitísimo. Logo tamén están os encontros con artistas e personaxes históricas, con mulleres, coa literatura… O encontro aparece como un eixe temático que organiza a súa biografía e a súa obra”. A seguir desta mostra, hoxe mesmo abre as súas portas no Museo do Pobo A colección étnica de Eugenio Granell. Máscaras e esculturas de África ou Guatemala amosan o interese do artistas, compartido por moitos surrealistas, encol da expresividade artística de diferentes culturas. “Algunhas destas pezas amosan a pegada que ten o culto a Santiago en Porto Rico, por exemplo, que é algo que pode resultar moi curioso para xente de aquí”.

Despois do verán
Fernández Segarra advirte que estamos ante unha proposta que vai moi para alén das exposicións e do verán. “Nestes meses teremos charlas, conferencias e presentacións de libros, e despois do verán seguirán aínda diferentes mostras”, adianta. Para alén da proposta inaugurada esta semana, a exposición sobre o surrealismo actual na sede da Fundación, a dedicada a Eugenio Granell no paraíso centroamericano 1940-1956 (Auditorio de Galicia) “na que se poderán ver traballos de surrealistas como Man Ray ou Duchamps entre outros”, e mais a que aborda a relación co artista e mais o cinema, no Centro Galego de Arte Contemporánea, estarán activas ata a fin de outubro ou comezos de novembro. Esta mostra explorará unha das facetas menos coñecidas de Granell. “Recuperamos material dunha mostra que se fixera no Centro Galego de Artes de Imaxe. Alberte Pagán realizara un estudio e dixitalizáronse as películas”, explica Fernández. “A partir daquel traballo chegaron á conclusión de que se Granell se tivese coñecido aquí daquela veríase que foi o primeiro que realizou este cinema vangardista en Galicia, adiantouse a proposta que se comezaron a desenvolver cara aos sesenta”. Debuxos realizados sobre a propia película, e a rodaxe de obxectos ou de persoas en situacións construídas son algunhas da tendencias que desenvolveu o artista.

Pendente
Malia á situación xeralizada de crise, a directora da Fundación salienta que lograron os seus obxectivos co programa deste ano. “É certo que non nos cabe nada. Por exemplo todas as pezas de paxaros e de animais que tiña non se puideron integrar na mostra da colección etnográfica. Logo temos tamén moitas obras realizadas por parellas nas que os dous membros son artistas que quedarán para unha futura exposición. Temos mostras para moitos anos e traballo e de investigación, non só sobre el, senón sobre os fondos en xeral”. Uns fondos que van medrando coa cesión de diferentes artistas que participan nas actividades da fundación.

A difusión
Malia a que recoñece que existe unha certa dificultade á hora de difundir a arte surrealista entre a poboación, considera que o seu pai é abondo coñecido en Galicia. “Somos moi conscientes de a moita xente lle falas de surrealismo e colle medo, pero penso que a xente á que lle gusta a arte no país coñece a Granell. Pode resultar máis difícil chegar a un público máis popular, pero podemos chegar a eles e facémolo con moitas das actividades da fundación.

O obxectivo
Unha das intencións confesas da celebración deste centenario, é segundo sinala Fernández, “que a xente de Compostela se faga consciente do volume de obra que existe na Fundación. Todas as exposicións fanse a partir deste material”. E é que o material que o artista deixou como legado supón un importantísimo arquivo tanto sobre a súa obra e vida como sobre o movemento surrealista. Correspondencia, fotografías, documentos e obras de arte mestúranse nuns fondos nos que o percurso vital mestúrase coa creación. Así pois, con este programa “pódese descubrir, ademais de o artista, ao cidadán e compañeiro. Granell medrou en Compostela, e queremos convidar aos composteláns que o coñezan algo mellor e que se decaten de que, por amor ao país, cedeu a súa vida e os seus bens. Moitos indianos que estiveron fóra construíron escolas e casas. El dooulle toda a súa vida ao pobo”, lembra Fernández Segarra.

Galería: <i>O encontro na poética de Eugenio Granell</i>

Galería: O encontro na poética de Eugenio Granell

El encuentro solemne de Istar con Priapo el Joven. 1981. Eugenio Granell.

<i>Elegía por Andrés Nin</i>. 1991. Eugenio Granell.

Elegía por Andrés Nin. 1991. Eugenio Granell.

Marcel Duchamp e Eugenio Granell nunha rúa de Nova York, 1960.

Marcel Duchamp e Eugenio Granell nunha rúa de Nova York, 1960.

<i>Autorretrato</i> 1994. Eugenio Granell.

Autorretrato 1994. Eugenio Granell.

Entrevista de Eugenio Granell a André Bretón para o xornal <i>La Nación</i>

Entrevista de Eugenio Granell a André Bretón para o xornal La Nación

<i>Prestigio de las islas</i>. 1951. Eugenio Granell.

Prestigio de las islas. 1951. Eugenio Granell.

Cinceiro en forma de calivera, propiedade de Eugenio Granell.

Cinceiro en forma de calivera, propiedade de Eugenio Granell.

Dosier das celebracións do centenario de Eugenio Granell.
Folleto de O encontro na poética de Eugenio Granell.