Os tesouros dos arquivos saen á luz

A Celebración do Día dos Arquivos pon de valor na rede o traballo destes centros

O pasado 9 de xuño celebrábase, como cada ano, o Día Internacional dos Arquivos. Desta volta, a xeira deixou no noso país un feixe de contidos para a rede que amosan os tesouros que agochan estes centros e as posibilidades que abren as novas tecnoloxías para se achegar a eles.

Entre as principais novas que trouxo o día está sen dúbida a posta en marcha do no web do Sistema de Arquivos de Galicia, que permite un acceso en liñas á bases de datos destas entidades, así como información de contacto e o seu xeito de funcionamento. Canda a isto, o espazo acolle unha selección de documentos e exposicións que se teñen realizado a partir dos fondos custodiados e a colección da publicación Fronda, que edita de xeito periódico o Arquivo Histórico Provincial de Ourense e que pon en valor diferentes documentos que se conservan no mesmo a partir dun eixe temático.
 
Por exemplo a partir deste web podemos acceder ao material da exposición Arquivo Aberto, que se celebrou precisamente no Arquivo Ourensán, e que vai desde importantes textos medievais a documentos fundamentais da historia recente do país.



Privilexio rodado outorgado por Alfonso XI
1316, agosto, 16. Toro
Confirmación feita por Afonso XI dun privilexio outorgado por Afonso VII, no que doa a Pedro, prior de Santa María de Sar, o mosteiro e couto de Xunqueira de Ambía, para incorporalo á Orde dos Cóengos Regulares de San Agustín.
Inserto, privilexio de Afonso VII, feito en 1150, abril ,30.
Orixinal; pergameo; escritura gótica; castelán e latín; 495 x 685 mm.
AHPOu. Colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía, carpeta 30/1.

Este documento, ricamente decorado, recolle a confirmación da doazón real do mosteiro de Xunqueira de Ambía á orde dos agustinos. O privilexio rodado era no seu día o máis importante documento oficial que emitía un rei.
 

 
CERTIFICACIÓN DE ARMAS DA LIÑAXE DOS MÉNDEZ
1583, xaneiro, 25. Madrid
Certificación das armas e apelidos da liñaxe dos Méndez solicitada por Alonso Méndez Montoto e expedida por Juan de España, rei de armas da Súa Maxestade.
Pergameo; escritura humanística; castelán; 205 x 310 mm.
Inserto en “Papeles de la ydalguia de Francisco Mendez y de su hijo Alonso Mendez...” (1507-1614). 60 fol.
AHPOu. Ayuntamiento de Orense, libro 255, fol 14-15.

Este documento foi entregado por Alonso Méndez Montoto ao Concello de Ourense a finais do século XVI coa intención de que se lle recoñecese a súa pertenza a fidalguia, cos correspondentes privilexios que isto supuña.
 

 
ACTA DE RECONSTITUCIÓN DA MOCIDADE GALEGUISTA DE OURENSE
1930, maio, 11. Ourense
Acta de reconstitución da Mocedá Galeguista d’Ourense na que muda o seu nome polo de Irmandade Galeguista de Ourense.
Orixinal; papel; castelán; 230 x 330 mm.
Inserto no libro de actas da Mocedá Galeguista d´Ourense (1920-1930). 8 fol.
AHPOu. Irmandade Galeguista de Ourense, caixa 9183.
 
As sinaturas de Vicente Risco, Florentino Cuevillas ou Xaquín Lorenzo danse cita neste documento, que marcou o nacemento da Irmandade Galeguista en Ourense.
 
 
 


XIGANTES DA CIDADE DE OURENSE A FINAIS DO S. XIX SEGUNDO ATICO NOGUEROL
[a quo 1933- ad quem 1942. Ourense]
Xigantes da cidade de Ourense segundo Ático Noguerol Iglesias (1888-1942).
Debuxo a tinta chinesa sobre papel; galego; 2 cuartillas; 205 x 150 mm.
AHPOu. Xaquín Lorenzo, caixa 9579

O propio Ático Noguerol aparece retratado, canda a Otero Pedrayo como rapaces neste debuxo, no que Noguerol recolle, a partir da súa lembranza, o feitío dos xigantes que se empregaban nas festas populares da Cidade das Burgas.
 
A muralla
De xeito paralelo a isto, o Concello de Lugo publica no seu web unha selección de materiais custodiados no arquivo municipal que permiten coñecer aspectos inéditos da evolución e conservación da Muralla. Fotografías de elementos desaparecidos, planos e mesmo proxectos que non se chegaron a desenvolver poden consultarse.




Plano orixinal da porta Bispo Odoario



Oco da muralla no que se situou a porta do Bispo Odoario

Diferentes documentos destes planos descubríronse no arquivo aínda en 2006. A obra orixinal comezou en 1921, coa apertura (mediante o emprego de dinamita) dun oco na Muralla. A raíz da polémica que provocou esta actuación acelerouse a declaración como Monumento Nacional deste ben, co fin de garantir a súa integridade.



Porta de San Pedro

Proxecto para ampliación desta porta, que non se chegou a desenvolver. Foi realizado por Rafael de Luque, arquitecto municipal en 1865.



Posturalae
Unha das antigas portas romanas da muralla, fechada durante a Idade Media e que recuperou o seu emprego no século XVII. Pola porta entraban e saían os correos ao camiño da Coruña.
Exposicións dispoñibles no web do Sistema de Arquivos de Galicia.
Publicacións no web do Sistema de Arquivos de Galicia.
Galería de documentación sobre a Muralla no web do Concello de Lugo.