O traballo de investigación que desde hai uns meses está a coordinar Manuel Forcadela nos fondos que de Otero Pedrayo conserva a Fundación Penzol comeza a dar froito. Segundo publicaban onte Faro de Vigo e La Opinión, entre este material apareceron varios capítulos da obra Novela de Pedro Madruga e 1.400 versos da obra poética Xeórxicas do pan, dúas obras inéditas do ourensán. Os resultados deste proxecto de investigación, compartido pola Fundación e mais a Universidade de Vigo, verán a luz nunha publicación que, canda a este material inédito, recollerá outros fondos conservados na Penzol.