Detrás da cabina do Jumbo

O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía abre a súa sede na Coruña

Fachada do MUNCYT. Fonte: MUNCYT
Fachada do MUNCYT. Fonte: MUNCYT
Un mes despois da súa inauguración, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía abre a súa sede na Coruña. Aínda que o máis rechamante da proposta é sen dúbida a cabina dun avión Jumbo que se expón no centro, este novo espazo busca unha oferta diferenciada e tenta integrar a súa vocación estatal coa proxección no seu contorno inmediato.

A sede herculina do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) súmase desde hoxe, da man do Goberno Central, á ampla oferta coa que conta a cidade neste campo. A Casa das Ciencias, a Domus e mais Acuarium Finisterrae, dependentes do concello, fixeron da cidade un referente a nivel estatal encol desta cuestión. Agora, Ramón Núñez volta á cidade á fronte do novo espazo, que, segundo el, complementa e reforza os xa existentes. “A nosa oferta diferencial está na temática, sinala. Aquí predomina a tecnoloxía en todas as súas vertentes. Por outra banda, hai unha diferenza importante na orixe do discurso museístico. Os outros museos son conceptuais no sentido de que existe unha idea e a partir dela búscanse os obxectos e os materiais para a desenvolver. No noso caso facemos do obxecto a base do discurso. Temos, por exemplo, un acelerador de partículas, un ordenador, unha máquina de vapor ou unha avioneta, e falamos do que se pode arredor diso”. Estes condicionantes levan tamén a que a experiencia de visita do MUNCYT difira da dos Museos Científicos. “Aquí hai cousas que non se poden tocar, a interactividade é menos física” fronte aos centros municipais. “Visítase doutro xeito e cómpre ler os carteis para obter información en profundidade”.

Consciencia sobre o patrimonio
A perspectiva encol destes bens achegan o novo centro ás ideas de patrimonio tecnolóxico e patrimonio industrial, e de feito Núñez agarda que o traballo que se desenvolva desde o mesmo contribúa a incrementar a consciencia social encol destes ámbitos. “Penso que vai mudar a percepción neste campo. Un exemplo da situación é que aconteceu coa lanterna que estivo na Torre de Hércules. Ao vela no museo a xente pregúntanos onde estaba. E resulta que estaba nun galpón do porto, en anacos. Se non fose por este museo, esta ou outras pezas terían deixado de existir. Unha prensa do século XIX, un microscopio electrónico que deixou de se empregar hai vinte anos. Son pezas da historia da tecnoloxía que se tiraban ao lixo e que non preocupaban a ninguén”.

Primeiras reaccións
Nese sentido, Núñez prevé iniciar colaboracións con colectivos que se dediquen ao traballo neste ámbito. “Pretendemos traballar a toma de consciencia tanto do patrimonio científico e tecnolóxico histórico como da arqueoloxía industrial. Queremos contactar con persoas e institucións que compartan intereses nestes campos. Estamos a iniciar un camiño de longo percorrido”. Polo momento, a propia creación do Museo provocou xa as primeiras tomas de consciencia, cando menos a nivel local. “A xastrería Iglesias, ao fechar, deixounos maquinas de coser de comezos do século XX, e está a xurdir unha corrente de doazóns e depósitos por parte institucións e particulares de toda Galicia que se decatan de que tiñan na casa algo cunha certa relevancia na historia da tecnoloxía, e que este é o mellor sitio para o gardar. Polo de agora están indo para os almacéns e no futuro de certo serán obxecto dunha exposición”, sinala Núñez.

Pezas galegas
Malia ao interese galego por achegar pezas, o carácter estatal do centro fai que a maior parte do espazo estea ocupado por material foráneo. “o museo acolle pezas de todo o país, pero teñen relevancia algunhas pezas galegas e coruñesas. Por exemplo temos o último proxector do cinema París, aparellos de raios X de hospitais galegos, unha antena de Televés, prensas de encadernar e unha cantidade significativa de pezas e instrumentos” que se suman aos xa mencionados.

Mostras
Precisamente encol da política de exposicións, Núñez sinala que “haberá un cambio constante de pezas. Os museos de hoxe non son aqueles contedores onde amosas todo o que tes. A idea é que anovar as exposicións cada ano. O Jumbo non, porque é bastante difícil, pero todas as demais están pensadas para se iren anovando”. De feito, unha das salas do MUNCYT está especificamente pensada como un escaparate para outros museos de temática afín. Deste xeito, se este ano se pode ver alí un coche Citroën de 1922 vido do Museo da Automoción de Salamanca, para o vindeiro ano o espazo acollerá unha peza diferente. “Do mesmo xeito, temos unha exposición sobre tecnodiversidade que amosa a variedade de martelos que existe, e para o vindeiro anos poderemos facer outra sobre enchufes ou calquera outra ferramenta”, explica o director.

Recursos
Malia a que, como en todos os ámbitos, a crise afecta ao desenvolvemento deste proxecto, Núñez apunta que “manexamos os cartos públicos con extremo coidado. Ademais, este Museo depende do Ministerio de Economía e Competitividade, temos que pensar que os cartos que van para el tiñan como alternativa algún proxecto científico, e entón iso fainos ser especialmente responsables”.

Apertura
Logo dun mes da súa inauguración, o centro abre mañá as súas portas de xeito definitivo. Nos últimos trinta días, visitas guiadas de escolares e diferentes colectivos percorreron as instalacións. Segundo Núñez, non cumpriu modificar nada, “non houbo axustes, o museo compórtase ben”. No entanto, advirte que “tivemos que aprender a xestionar un pouco o Jumbo. É un punto clave da circulación de persoas porque só admite vinte persoas de cada volta, é o noso pescozo de botella”, sinala.
Ligazóns