50 intensos anos

O 'voo americano' de 1956 revela as intensas transformacións do país na segunda metade do século XX

A praia de Nemiña e a ría de Lires no voo americano. Fonte: Xunta
A praia de Nemiña e a ría de Lires no voo americano. Fonte: Xunta
É unha das ferramentas máis cobizadas por xeógrafos, arqueólogos e curiosos en xeral que lle queren botar unha ollada a unha Galicia, a do ano 1956, que aínda segue tendo unha paisaxe e unha estrutura agraria tradicional. Aproveitando a nova ferramenta que agrupa cartografías e fotografías aéreas da Consellería de Medio Ambiente, repasamos cinco cambios significativos da paisaxe galega, comparando as ortofotos de 2009/2010 coas levadas a cabo polo Exército americano para a ditadura franquista do ano 1956.



1. A consolidación da capital
A expansión urbanística dos 60-70 no Ensanche compostelano, o incremento do número de estudantes da Universidade, a consolidación de Compostela como capital política de Galicia confluíron no importante crecemento da superficie urbana de Santiago de Compostela.



2. O turismo como transformador do territorio
A partir dos anos 60 as Rías Baixas viven tamén un gran proceso de transformación coa conformación de novos núcleos turísticos, aínda que nunca terá a intensidade do proceso no Mediterráneo polas mesmas datas. Neste caso, pódese observar Sanxenxo e as obras públicas destinadas a albergar embarcacións de recreo.



3. As Pontes, unha mina en evolución

As Pontes de García Rodríguez viviron un impresionante proceso de evolución derivado das actividades mineiras que remataron co esgotamento da vena de mineral e a creación dun lago artificial recentemente inaugurado. A destrución da paisaxe tradicional inmediato á central aínda non comezara no ano 1956, pero obsérvase que a mina non rematou na segunda das fotos (2009-2010).



4. De paisaxe agraria a paisaxe forestal

As fotos do 1956 revelan a transformación drástica do agro galego a partir dos 60 e 70, co abandono das terras de cultivo e a reocupación gradual do solo con superficie forestal de replantación ou matogueira simplemente abandonada, como acontece nesta paisaxe da Fonsagrada.



5. Unha valiosa fonte informativa para o pasado de Galicia

O voo de 1956 é usado de xeito intenso polos arqueólogos para explorar o estado dos sitios arqueolóxicos e os seus usos históricos e agrario, revelando estruturas hoxe dificilmente visibles pola vexetación ou a destrución dos últimos anos. Nestas paisaxes históricas sobrancean os castros, as espectaculares fortificacións da Idade do Ferro que enchen as paisaxes do país. Neste caso vemos o castro de Souteliño/Xurenzás. A foto do 56 revélanos os usos agrarios de parte do recinto arqueolóxico, excéntricos con respecto á aldea xa da época, e que achegan interesantes suxestións sobre a relación entre parcelas agrarias e poboados galaicos.