Fillos Resentidos

A pegada dos Resentidos deixouse sentir na escena musical galega dos últimos trinta anos

Conseguiron, en plenos anos oitenta, que un tema en galego chegase ao número un das listas de éxitos estatais. Expresións presentes nas súas cancións integráronse na fala popular. Anovaron no pop-rock feito na nosa lingua. Agora, trinta anos despois do seu nacemento, unha masiva homenaxe amosa a importancia da pegada que Os Resentidos deixaron na nosa cultura. Analizamos a súa influencia.

A tribo toda baila é o título do disco tributo que deu comezo á febre resentida que se está a vivir este ano. Vinte bandas participan nunha homenaxe na que se lembra a banda nos 30 anos do seu nacemento. Ademais das versións dos conxuntos galegos actuais, un segundo CD recupera os temas escolleitos remasterizados. Metralletas Lecheras, Ataque Escampe, A Magnifique Band dos Homens Sen Medo, Safari Orquesta, Miki Nervio & the Bluesmakers, DasKapital, Emilio José, O Sonoro Maxin, Novedades Carminha + Antigüedades Alvarez, Ruxe-Ruxe, Roberto Sobrado, Orquesta Alma Latina, The Homens, Tony Lomba e Elio dos Santos, Os tres trebóns, Ultraqäns, El Puto Coke, Pulpiño Viascón e Transilvanians son os participantes no proxecto, que se xestou en 2009 desde o propio ambiente musical do país. Segundo explica Miguel Mosqueira, membro de Ataque Escampe e un dos coordinadores da iniciativa, “nun momento no que acababan de saír os discos de homenaxe a Andrés do Barro e a Os Diplomáticos, falando con xente de distintos grupos pensamos que habería que facer outro de Os Resentidos, que era un grupo que nos gustaba a todos e que tiña un repertorio que é interesante dar a coñecer ás novas xeracións”. Segundo advirte “a maior parte dos temas non son os máis coñecidos, pero resultan moi actuais e pareceunos necesarios recuperalos”.

Ademais do disco
A proposta do disco foi medrando e viuse complementada coa organización do concerto que se celebra este 12 de maio en Ourense, no que a formación liderada por Antón Reixa volta ao escenario acompañada por moitos dos nomes da música galega actual. Segundo recoñece Reixa, “pareceunos que o mellor xeito de lle dar ás grazas aos promotores do disco era xuntarnos para facer un concerto e así dalo a coñecer”. Ademais do disco e do concerto, está a se barallar a posibilidade dunha xira que recupere o grupo para os escenarios este ano, logo da súa separación en 1994, Aínda que Reixa apunta que “dependerá moito do estado psicotécnico dos membros”. Para alén disto, o musical Galicia caníbal, ideado polo propio Reixa e con dirección de Quico Cadaval representará nas táboas a movida dos anos 80 con temas dalgúns dos grupos galegos da época como Golpes Bajos, Siniestro Total ou os propios Resentidos. Segundo salienta Reixa, no grupo nunca imaxinaron a posibilidade de estar a recibir unha homenaxe como esta tres décadas despois de nacer. “Os grupos de pop galego dos 80 non tiñamos sentido ningún da transcendencia. Facíamos aquilo porque era o que nos pedía o corpo, e non pensábamos en nos facer profesionais, nin moito menos en que nos lembrasen nesta altura, por iso estamos impresionados por este tributo”.

A lingua
Dentro da influencia que o conxunto deixou na música do país, crítica e músicos coinciden en sinalar que o seu principal mérito foi o “demostrar que podían existir grupos que cantasen en galego”, lembra Mosqueira. “A través do seu éxito de crítica e de público animou a grupos posteriores a seguir ese camiño”. E é que Galicia canibal conseguiu no seu día situarse de número un das listas e éxitos estatais. Do mesmo xeito, o crítico musical Xavier Valiño apunta que “a súa pegada máis importante foi facer rock en galego. Houbo precedentes como Andrés Dobarro, pero eles normalizárono cunha produción integramente no noso idioma, e abriron camiño a moitos grupos que viñeron detrás”. O mesmo Reixa salienta ese aspecto da traxectoria da banda. “Recoñecemonos no dato de que naquel momento eramos os únicos que estabamos na música profesionalmente a cantar en galego, e agora pode haber 80 ou 100 grupos, é como un acto de xustiza poética”.

A música resentida
En canto á pegada musical, as apreciacións varían. Para Mosqueira “é moi díficil seguirlles o rastro, porque manexaron moitos xéneros distintos, o cal é bastante heterodoxo porque os grupos adoitan cinguirse a un só. Entón a ese nivel non está moi presente a súa influencia”. Valiño, no entanto, aventura que, dentro desa variedade, “hai propostas como a dos Festicultores que seguen o camiño do seu son entre rockeiro, festivo e latino. Logo, sen aventurar que fixesen rap, introduciron nos seus discos recitados que adiantan nunha década cousas que logo se fixeron en Galicia. E pola banda do rock, atopamos lazos por exemplo con Das Kapital”. Para Reixa, “a proposta musical en Galicia hoxe é moi superior en calidade técnica e en orixinalidade ao que fixemos no oitenta”. A ese respecto destaca as reinterpretacións dos grupos que participan no disco e mais no concerto. “Compuxemos máis dun cento de cancións, pero eramos moi pouco creativos no xeito de as tocar, sempre o facíamos igual. Entón agora os temas deste tributo descóbrennos moito sobre a nosa propia música, son olladas moi diferentes e no liberan tamén daquel complexo de repetir os temas”.

Influencia alén do estilo
Mosqueira salienta, no entanto que o legado dos Resentidos “nótase máis a nivel de discurso. Era un grupo que falaba sobre Galicia cun punto de vista irónico e autoparódico que está hoxe moi presente. E logo se ollas os temas que tratan os grupos galegos, xa canten en galego ou en castelán, vese que hai moi poucos temas de amor, o cal é raro en xéneros como o rock ou o pop. Nese sentido xa Os Resentidos eran un grupo que, cando menos de xeito explícito, non o trataban”. Valiño testemuña a presenza da banda no imaxinario de todo tipo de ámbitos. “Mesmo os grupos indies que cantan en inglés lles teñen respecto, porque a Rockdeluxe situou o seu disco Jei como o mais importante de 1990”.

Memoria resentida
Malia ao tempo transcorrido desde a súa separación e da mudanza nos gustos musicais, a memoria do conxunto non semella ter decaído en ningún momento. Mosqueira salienta que “En xeral todo o mundo os coñece e sabe algo do que facían. Outra cousa é afondar na súa obra, hai moitas cancións que están esquecidas, tamén porque en Galicia non hai unha industria musical que permita canonizar grupos do pasado. Faltan discográficas, críticos e medios especializados que faciliten recuperar esas cousas, e que da man do afeccionado que debe investigar por tendas e Internet”. Valiño confirma a presenza do grupo na memoria colectiva. “Non se deu ese fenómeno tan común de que unha xeración de músicos renegase da anterior. Os noventa falábase mal da movida, pero non lembro ninguén que renegase de Os Resentidos abertamente, e sempre se lles respectou”. Para alén da música, non se pode esquecer que expresións como “Fai un sol de carallo”, entre outros temas, quedaron incorporados á fala popular, e que o programa televisivo Galicia sitio distinto popularizou parte do repertorio do grupo.

Dentro de todo o traballo de Os Resentidos, Reixa reivindica “o grupo en si. Logo temos un vencello especial don Galicia caníbal por todo o que supuxo para nós. E eu como letrista, por todo o que me supuxo de descubrir o rap e o hip hop, téñolle un cariño especial a Galicia sitio distinto.