Nada menos que sete poemarios inéditos, para alén de textos dispersos e obras fragmentarias, súmanse á produción poética de Valentín Paz Andrade coñecida ata o de agora. Xerais tira do prelo a Poesía completa do autor, un volume de 752 páxinas editado polo profesor Gregorio Ferreiro Fente. No mesmo recupéranse os poemarios xa coñecidos do autor, Pranto matricial (1955), Sementeira do vento (1968) e Cen chaves de sombra (1977), aos que se suman agora A serra. Cantos do desterro branco (1937); Sangue na neve: Etopeia da serra (1937); Cantos da aguia e do lobo (1937); Canto do pobo disperso (1955); Canto reuncial de Galiza (1980); Áurea ora de Galiza (1984); Canto en catro ao conde de Andrade (1985); Poemas soltos (1937-1984) e mais textos fragmentarios de Canto do liño e da la (1937-1939) e Os sete salmos da remigración (1955). As novas obras verifican a importancia da obra poética do autor, realizada de xeito ininterrumpido entre 1937 e os anos oitenta, e supoñen unha redimensión da súa figura.