Letras de fantasía

As propostas narrativas arredor da literatura fantástica en Galicia multiplícanse

<i>Escenario fantástico</i> de Wojciech Voytek Nowakowski
Escenario fantástico de Wojciech Voytek Nowakowski
Hai agora dez anos publicábanse na nosa lingua os tres volumes de O Señor dos Aneis, obra por antonomasia da literatura fantástica. Desde entón, este xénero foi incrementando a nosa presenza na nosa literatura, sexa mediante traducións ou con autores do propio país. A celebración dos primeiros encontros de autores do xénero amosa en qué xeito está a cristalizar a fantasía nas nosas letras

O pasado 14 de abril, un encontro na Coruña organizado por Contos Estraños Editora reunía tres autores cun grupo de público baixo o epígrafe Nova fantasía galega. Malia a non ser un evento multitudinario, a proposta amosa como se está a consolidar no noso país un pequeno panorama de creación arredor do xénero fantástico nas súas diversas variantes. Fernando M. Cimadevila é un dos responsables da editora e da revista homónima, onde se reúnen relatos e novelas por entregas dunha grande parte dos autores que apostan polo xénero no noso país. Segundo explica, “decatámonos de que había xente que tiña que saír fóra para publicar fantasía, practicamente non había espazo para publicar en galego. Saían algunhas cousiñas pero non se lles prestaba moita atención. Desde Urco, coa colección Alcaián e logo desde Contos Estraños, estamso a tentar que a xente poida publicar en galego”. Tanto Urco como Contos Estraños traballan a fantasía cun concepto amplo. “Entendemos como tal un conxunto de xéneros que inclúen terror, ciencia ficción o outras cousas”, lembra Tomás González, responsable de liñas editoriais de Urco editora e outro dos promotores de Contos Estraños.

Pegada galega
De entre as preferencias temáticas dos autores que na actualidade se dedican ao fantástico, chama a atención, segundo González “algo que nos sorprendeu é que moitos autores de contos traballan un xénero que poderíamos definir coma agroterror ou terror rural galego. Son historias ambientadas na Galicia rural coa súas lendas, e que comparten unha ambientación terrorífica ou misteriosa, en ocasión cun certo toque grotesco ou, no caso de David Botana, mesmo pornográfico ou extremadamente violento”. Cimadevila, pola súa banda, salienta a existencia de obras “que se poden considerar de realismo máxico, historias cotiáns con toques fantásticos e de terror”. Para alén da temática, González considera que a pegada galega pode percibirse en moitos dos textos que están a ver a luz. “Hai tamén algo fantasía heroica e de ciencia ficción, pode ser un 30% das historias que recibimos, pero déixase notar o sentido galego de pensar e de ver as cousas. Cando comezamos con Contos Estraños pensamos que iamos recibir propostas cun corte moi anglosaxón, que é en xeral o que leron os autores, pero cando chegan os textos comprobas que si hai tema galego ou, cando menos, un certo sentir de fondo que cimenta o xeito de escribir, especialmente no terror”. Encol da relación dos autores galegos con correntes internacionais no campo, aínda de González recoñece “apegada nalgúns autores de determinadas correntes ou dalgunhas obras que son agora mesmo moi famosas, en conxunto é aínda moi cedo para verificar iso”.

Dragal
Unha boa mostra do substrato patrio na fantasía que se fai no país é o caso de Elena Gallego. Esta escritora marcou en 2009 un fito na visibilidade deste xénero ao situar o primeiro volume de Dragal, a súa primeira novela, como finalista no Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil. No ano a seguir, Edicións Xerais publicou a obra, que rematará, este vindeiro verán, coa publicación do último volume da triloxía. “O xeito de abrirse camiño para un escritor novel como era eu era quedar, cando menos, finalista nun premio. Logo houbo unha aposta do editor, que viu que non era só aquela novela”. No seu traballo en Dragal, Gallego mestura elementos fantásticos e históricos. “Dábame mágoa que non houbese libros nosos que se achegasen á fantasía. O meu fillo tiña 15 anos cando comecei a novela e lía moita fantasía, paréceme que para esa idade é un xénero fundamental. Entón tentei escribir o que me gustaría que el lese, achegando o mundo dos dragóns ás nosas propias tradicións”, explica. Aínda que a terceira novela pretende dar resposta a todos os interrogantes que xurdiron nos primeiros volumes encol de Hadrián, protagonista da obra, a autora non fecha a posibilidade de futuros traballos que compartan esta ambientación. A amosar o éxito do proxecto, o volume A herdanda do dragón acaba de se facer co VIII Premio Literario Frei Martín Sarmiento, que escollen os alumnos da alumnos dos centros agrupados na Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas.

Basilius Hoffman
Pola súa banda, Fernando M. Cimadevila é ademais de editor, unha das puntas de lanza da fantasía no país. O seu O mundo secreto de Basilius Hoffman, primeiro volume dunha pentaloxía, sorprendeu a lectores e crítica e preséntase como a porta de entrada a un universo fantástico que quere ser, ademais multimedia. No web pódese acceder a un relato inédito, ilustracións e mesmo música que comparten ambientación co libro. Para alén da segunda novela, que se agarda vexa a luz a finais deste ano, Cimadevila anuncia un ambicioso proxecto arredor deste mundo. “Para alén de completar os cinco libros da serie principal, está pensado un libro con relatos sobre personaxes secundarias do mundo e outro que fala sobre a xuventude de Basilius Hoffman. Tamén estamosa pensar en facer unha banda deseñada que afonde nese mundo”, e todo da súa autoría. Canda a sito. “Tamén imos desenvolver un certame de relatos ambientados neste mundo para institutos. Aqueles que gañen pasarán a facer parte do universo”.

Outros nomes
Se pensamos que a tendencia é minoritaria, podemos contar que os autores que apostan pola fantasía no país rolda os trinte só cos que participan do proxecto Contos Estraños. Segundo Cimadevila, “en todas hai linguas hai moitos creadores de fantasía. É un xénero que gusta e son moitos os afeccionados que se animan a escribir”. A repasar algúns dos nomes que nos últimos anos están a traballar este xénero, desde Urco Editora apuntan algús como Santiago Bergantiños, autor de Carmiña burana, Roberto Rodríguez co seu O morador da fenda, primeira novela da que quere ser unha triloxía de fantasía heróica, Roberto Rodríguez, Leopoldo Quintás, David Botana ou Fabián Plaza, barcelonés residente en Vigo que, logo de quedar finalista do premio Minotauro, engrosa agora as filas da fantasía galega. Para alén da existencia de autores, o desenvolvemento de encontros como o de Nova Fantasía Galega ou a coincidencia nas páxinas da publicación Contos Estraños está a favorecer a aparición dunha certa colectividade arredor do xénero. “Están a se tecer redes entre autores, estes encotnros permiten que a xente se vaia vendo as caras”, apunta González

E máis nomes
Canda a eles, podemos repasar autores que publicaron a súa obra noutras editoras, como Xesús Manuel Marcos coa triloxía O brindo de ouro, ou mesmo obras coñecidas das nosas letras que se poden adscribir ao xénero. É o caso do Galván en Saor ou O cervo na torre de Darío Xohán Cabana, O triángulo inscrito na circunferencia, de Víctor Freixanes, ou obras de Méndez Ferrín como Arnoia, Arnoia ou Retorno a Tagen Ata, por non falar de Cunqueiro. Obediencia de Antón Lopo, Proxecto Pomba Dourada, de Miguel Vázquez Freire ou o O centro do labirinto, de Agustín Fernández Paz, ambientadas en Galicias do futuro, son tamén exemplos de ciencia ficción da nosa narrativa.

Síntoma de normalidade
Para os editores de Urco e Contos Estraños, a maior presenza da fantasía nas nosas letras supón un síntoma de normalidade. “En calquera sistema literario normal hai algún libro de fantasía entre os dez máis vendidos. Que en Galicia iso non se dese amosaba un panorama literario enfermo. Agora semella que aos poucos vaise semellando a unha situación máis normal”, sinala González. Cimadevila defende, ademais, a necesidade deste tipo de obras para a nosa lingua. “Queriamos encher un oco. Vemos que ata aproximadamente os 12 anos, os rapaces e rapazas len moito, e contan cunha oferta estupenda de literatura en galego. Pero entre esa idade e os 19 hai un baleiro, os lectores teñen outros intereses pero tampouco atopan unha oferta que lles chame. Parécenos que é unha franxa moi delicada e pensamos facer unha aposta para encher ese oco cunha fantasía que gustase e non se lea por obriga”. Coincide con eles Elena Gallego, quen salienta que “está a se normalizar o sistema literario en xeral. Hai máis editoras e máis escritores formados en galego que apostan por ler na súa lingua o que lles gusta. Cómpre darlle aventuras aos lectores e a fantasía está aí, cada vez hai máis e fanse cousas moi boas”. Aínda que a nivel de vendas seguimos a falar dun xénero relativamente minoritario o éxito de propostas como Dragal ou O mundo secreto de Basilius Hoffmann, que supera o milleiro de exemplares, amosan que a fantasía ben pode competir con outros xéneros. Segundo apunta González, “vemos nas traducións venden moi ben cousas como Lovecraft, que un pode pensar que xa o ten toda a xente á que lle gusta. Logo de Contos Estraños, o número 1, que leva dous meses no mercado, xa despachou trescentos exemplares. Eu penso que se as cousas se fan medianamente ben, si que se vende”.

Máis traducións
Canda aos autores galegos, tamén se detectou na última década un incremento das traducións que se poden adscribir a este xénero. Logo de O Señor dos Aneis viría O hobbit, en 2003. A lista pode ampliarse desde os contos completos de Poe que publicaba Galaxia en 2009 ata a recente reedición de relatos de H.P. Lovecraft da man de Xerais pasando por propostas como Reckless, de Cornelia Funke (2010), Poderosa, de Sérgio Klein (2008-2011) ou O portal dos elfos de Herbie Brennan (2005-2007) nesta mesma editora. Sen esquecermos a tradución á nosa lingua de obras xa clásicas como a saga de Harry Potter, da triloxía de A materia escura de Philip Pullman (Faktoría K, 2007-2009), ou a aposta de 2.0 Editora por traducir a Guía do autoestopista galáctico de Douglas Adams (2009) ou Sen novas de Gurb, de Eduardo Mendoza.

Os interesados en coñecer este mundo de primeira man, teñen unha ocasión no II Enontro da Nova Fantasía Galega. Será o domingo 29 de abril, a partir das 19 horas, na Alameda de Santiago, no marco da Feira do Libro. Para alén de autores deste xénero, o encontro inclúe tamén a presentaicón de Plof, historia dun globo, da man de Contos Estraños, e mais do clásico de ciencia ficción O xogo de Ender, traducido por Urco Editora.