A busca dunha tradición actual

Pancho Álvarez ábrese á experimentación con Sonche Atlántico

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
Capa de Sonche Atlántico, de Pancho Álvarez

Capa de Sonche Atlántico, de Pancho Álvarez

Letras de Suso de Toro e de Antón Reixa. Toques africanos e brasileiros. Achegamentos ao rap, ao blues ou mesmo á electrónica. Sonche Atlántico supón a aposta máis experimental de Pancho Álvarez. O músico pasea polos ritmos das beiras do Atlántico ao longo de 12 temas nos que busca, segundo el, “reinterpretar a música da nosa tradición nos nosos días”. O álbum, editado por Fol, está dispoñible xa nas tendas e pódese ouvir e adquirir en diferentes plataformas dixitais, como Spotify.

Álvarez apunta que nas súas tentativas por mesturar ritmos desde unha base tradicional “empreguei guitarras e mandolinas a facer o ritmo de tambores ou pandeiretas, os baixos a xeito de bombos tradicionais e na voz recollín influencias do xeito de cantar de Florencio, o Cego dos Vilares”. No entanto, o músico recoñece “estando acostumado como estaba a cantar romances tradicionais, tiven que buscar novas expresións coa voz, xogar con outras liñas melódicas”. Canda a mestura con ritmos foráneos, o disco mantén temas máis tradicionais, como son as Alboradas do Porriño e de Ourense, a Cantiga da Segada de Miranda (en mirandés) ou mesmo unha danza de espadas na que non faltan ecos de blues. Os irmáns Félix e Castor Castro co acordeón e a frauta, Xurxo Núñez na percusión e Álvaro Iglesias na guitarra acompañaron a Álvarez nesta aventura que gravou e produciu integramente na súa casa.

Que che parece esta nova?
45 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Atlántico, Blues, Antón Reixa, Suso de Toro...

Claves

Protagonistas
Entidades
Conceptos