O patrimonio por parroquias

O Concello de Pontevedra inicia un ambicioso plan de actuacións sobre os bens culturais no rural

I Xeira do Patrimonio no rural. Foto: Concello de Pontevedra
I Xeira do Patrimonio no rural. Foto: Concello de Pontevedra
Escavacións arqueolóxicas, restauracións, documentación histórica. Ditos, lendas e costumes e mesmo a memoria sobre a represión franquista. O Concello de Pontevedra está a iniciar un ambicioso proxecto que, a anos vista, quere pór en valor o patrimonio das súas parroquias rurais e facer destes bens non só un dinamizador económico senón tamén un elemento de cohesión social. O vindeiro sábado 21 a I Xeira do Patrimonio presenta en Salcedo esta iniciativa.

“Trátase dun plan a oito ou dez anos vista. Hai moito traballo que facer, pero cómpre comezalo”. Luís Bará, responsable de Patrimonio Histórico no Concello de Pontevedra, apunta o carácter ambicioso do o Plan de Actuación sobre o Patrimonio Cultural das Parroquias de Pontevedra. Para alén do amplo ámbito de actuación, todas as parroquias rurais integradas no concello, o proxecto que está agora a comezar abrangue un grande espectro, que vai desde a restauración a o estudo, escavación e documentación de novos elementos. Canda a isto, o patrimonio oral, a recuperación de fotografías, e mesmo a memoria histórica de cuestións como a represión franquista son temas integrados na propostas. “Durante moitos anos estívose centrando o esforzo patrimonial no ámbito urbano, o que tamén tiña sentido co centro histórico que ten Pontevedra. Agora, dentro dun plan xeral de actuacións no rural, queremos tratar e xeito sistemático e continuado o patrimonio cultural”. apunta Bará.

Os problemas da actuación no rural
A actuación sobre o patrimonio rural presenta diferenzas co xeito no que se traballa esta cuestión nun ámbito urbano. “En xeral hai un grande descoñecemento sobre a riqueza e a variedade que hai neste contexto, tanto entre a poboación local como mesmo en xente informada sobre este ámbito. Non somos conscientes da cantidade e variedade de recursos que temos, tanto a nivel histórico como arqueolóxico ou etnográfico”, sinala o concelleiro. Fronte a isto, en contextos urbanos existe polo común unha maior documentación e traballos previos de recuperación encol dos bens existentes. Para alén do relativos descoñecemento, un dos problemas da xestión patrimonial no rural é a propia dispersión xeográfica dos restos. “Adoitan estar distribuídos en diferentes terreos a miúdo pouco coñecidos, e presentan problemáticas moi diferentes entre si”. Canda a isto, Bará apunta que en moitos casos se trata de bens pouco espectaculares. “Non sendo torres, castelos ou pazos, en xeral son elementos que teñen unha menor presenza física, e ademais en moitos casos están soterrados e son pouco visibles. Isto non os fai menos importantes, pero si pode dificultar o seu recoñecemento como patrimonio”.

As vantaxes
Fronte ás dificultades, a acción patrimonial neste ámbito presenta tamén vantaxes. Nas cidades as investigacións arqueolóxicas fanse a miúdo con carácter de urxencia ao abeiro de obras e vense apuradas pola necesidade de cumprir prazos apertados, ou impedidas pola existencia de infraestruturas e edificacións próximas. Pola contra, no rural poder permitir escavacións máis demoradas e con menos impedimentos físicos. “Ás veces os custos resultan mínimos para actuacións que acadan unha grande rendibilidade”, apunta o concelleiro. “En Ponte Bora, por exemplo, imos abordar a consolidación dunha ponte e a limpeza do contorno, e iso supón apenas 8.000 euros. Facer unha escavación no castro das Croas pode custar vinte e pico mil, mentres no centro histórico tivemos intervencións que chegaron ao medio millón de euros”. No entanto, a amplitude do territorio que abrangue o plan fai que, aínda que relativamente baixos por actuación, o proxecto no seu conxunto supoña un investimento importante. “A nosa idea é contar cunha porcentaxe que pode roldar entre o 5 e o 10% do orzamento de todas as actuacións que se van abordar no rural durante esta lexislatura”.

Investigación
Unha das peculiaridade que presenta o plan pontevedrés para o patrimonio rural é que non se reduce a actuar sobre bens xa coñecidos, senón que pretende promover a investigación con vistas a incrementar o número de pezas rexistradas. Para o Concello, os preto de oitenta bens que están inventariados ou catalogados no concello non se corresponden coa densidade que cabería agardar nunha superficie que rolda os 120 quilómetros cadrados. “Non houbo traballos sistemáticos de prospección, e pensamos que pode haber moitos máis. De feito xa nestes meses que levamos traballo no plan, xa houbo dez ou doce achados arqueolóxicos”. Isto está relacionado, para Bará, coa maior consciencia patrimonial na sociedade. “Hai afeccionados que buscan, ou xente das comunidades de montes que ao mellor antes non lle prestaban atención a unhas pedras e agora avisan a patrimonio ou aos concellos. Sen dúbida o Plan vai propiciar que se descubran moitas cousas”.

Consciencia
Precisamente un dos obxectivos do Plan é incrementar a consciencia encol dos bens culturais, un campo no que, segundo o concelleiro, están a se dar xa movementos positivos. “En xeral hai un cambio de tendencia con respecto á consideración do patrimonio na sociedade, vese como algo máis valioso, e isto afecta tamén ao rural. É certo que son sectores aínda minoritarios, pero notamos tanto nas nosas actividades como nas que organiza, por exemplo, o IEM, móvese moita xente, nalgúns roteiros temos máis de cen persoas”. A ese respecto lembra que o asociacionismo local está a traballar nalgunhas da parroquias en iniciativas de recuperación de muíños e outras pezas de arquitectura popular ou na realización de roteiros. Do mesmo xeito, hai xa en marcha proxectos de recuperación de memoria oral e fotográfica que se inscriben totalmente no campo e actuación prevista no plan.

Vertente social
Canda a isto, a intención do Concello é conseguir que o patrimonio se constitúa nun elemento de cohesión e de dinamización social que lle sirva tamén á autoestima a poboación de cada parroquia. Deste xeito, o plan busca a implicación veciñal no coñecemento e recuperación destes bens, e nesa liña naceu do Consello Asesor do Patrimonio. “Contamos con representantes de diferentes ámbitos, asociacións de veciños, arqueólogos, historiadores, xente con experiencia no traballo coa memoria oral, universidades, a Escola de Restauración de Pontevedra ou representantes das comunidades de montes”. Canda a eles, o plan conta co asesoramento da Universidade de Vigo ou do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM). “Interésanos unha visión transversal do patrimonio e cómo conseguir que a comunidade sexa protagonista deste proceso. Non se trata só de protección, senón tamén de emprego e aproveitamento destes bens, non só a nivel económico, senón que tamén xere orgullo e autoestima”, explica a concelleiro. “Antes interesaba escavar un castro pero non a cultura inmaterial vencellada ao lugar. A nós interésanos moito o concepto de educación patrimonial e a idea de arqueoloxía social”.

O exemplo de Salcedo
Entre as iniciativas que integran o plan, unha das máis próximas é desenvolver unha recollid de toponimia por todo o concello, un catálogo de pontes, camiños, pontellas e elementos similares, atendendo á memoria oral sobre a cuestión. A un nivel máis concreto, prevese iniciar en breve unha intervención no Castro das Croas, na parroquia de Salcedo. A mesma intégrase nun proxecto máis amplo que abranguerá todo a zona. “O contorno do Río Tomeza é un territorio moi interesante a nivel histórico, xeolóxico e biolóxico”, lembra Bará. Desde Vía XIX romana ata a actual autoestrada ou o camiño portugués amosan a importancia das rutas que transcorrían por esta zona. A isto súmanse espazos como o Pazo de Gandarón, construído a finais do século XVIII polo Arcebispo Malvar, que tamén foi responsable da estrada entre Pontecesures e Pontesampaio que pasa por esta mesma zona. “Precisamente a idea é facer do Arcebispo un núcleo de atracción que conecte a rede viaria co val e o pazo, que acolle hoxe a Misión Biolóxica de Galicia”. Canda a isto, amosar a arte rupestre presente na zona, rexistrar os múltiples rituais de curación vencellados ao río e propios da comarca (única de Galicia onde operan os menciñeiros coñecidos como Pastequeiros) ou a gastronomía farán parte do que pretende ser un auténtico museo ao aire libre.

A xeira
Precisamente nesta parroquia desenvólvese o vindeiro 21 de abril a I Xeira do Patrimonio, unha fórmula que quere vencellar a festa a este bens culturais. As xeiras celebraranse dúas ou tres veces cada ano itinerando entre as diferentes freguesías. Conferencias, unha exposición de fotografías antigas recuperadas, outra sobre a música na parroquia, actuacións musicais ou un xantar de fraternidade son algunhas das propostas que se integran no programa. “Tamén haberá unha charla sobre a represión franquista e levaremos á Casa da Sociedade de Salcedo a bandeira da antiga Sociedade de Agricultores, que sufriu unha forte represión durante a Guerra”, lembra Bará.
A semente do patrimonio está botada no rural de Pontevedra, fica por ver como medra.
Bases do plan xeral de actuación sobre o patrimonio cultural das parroquias de Pontevedra.