O retorno ao recital

Diferentes iniciativas recuperan con grande éxito os recitais poéticos no noso país

Fonte: http://picaversos.wordpress.com
Fonte: http://picaversos.wordpress.com
Recitais en bares. Duascentas persoas reunidas para escoitar versos. Xente que paga unha entrada de dous euros para ver lecturas en voz alta. Nos últimos anos, unha vaga de propostas arredor da práctica de recitar poesía están a conseguir un importante seguimento social e preséntanse como un xeito cada vez con maior aceptación para se achegar a este xénero.

En 2009 comezaba, da man do Concello da Coruña, o ciclo Poetas Di(n)versos. Unha sesión inaugural con máis 250 asistentes auguraba o sorprendente éxito dunha iniciativa que o pasado mes de febreiro iniciaba a súa nova edición. O proxecto, coordinado por Yolanda Castaño, oferta sesións de dous recitais cada unha, cun autor galego e outro foráneo a ler os seus propios textos. Yasuhiro Yotsumoto e Estíbaliz Espinosa foron os responsables de abrir a actual xeira. “Ata este ano sempre había representantes das diferentes linguas peninsulares canda aos creadores do país. Nesta última edición ampliamos a representación a autores internacionais, sempre con vocación de calidade”, lembra Castaño. O formato de cada sesión de Poetas Di(n)versos, que se celebra no Ágora deste esta última edición, consiste nunha presentación dos participantes e de unha lectura duns vinte minutos por cada autor. A continuación sempre se deixa un tempo para encontros co público ou sinatura de obras. Malia ao tempo transcorrido desde o nacemento, os recitais do ciclo manteñen unha participación aproximada de 200 persoas por sesión. “Desde a miña propia experiencia dando recitais, sei que eventos en cidades como Múnic ou Viena teñen unha media de 40 persoas. Entón, contar con estas cifras nun lugar como A Coruña é un éxito destacado”. Di(n)versos está a servir, ademais, para artellar un certo movemento poético na Cidade Herculina. “A poesía ten aquí unha saúde excelente. Están xurdindo clubs de lectura, faladoiros e grupos de persoas interesadas. Está a se dar un efecto chamada que tamén axuda a construír público para a poesía”, lembra Castaño.

Combates poéticos
Máis afastados dos grandes espazos, o colectivo Poetas da Hostia leva xa desde 2010 a traballar de Vigo propostas de recitais en bares. Segundo explica María Lado, unha das promotoras do proxecto, “quedoume a idea de achegar a poesía aos bares desde os tempos nos que participaba no Batallón Literario da Costa da Morte. A intención era pórllo en bandexa á xente, non tanto centrarse na idea do bar como espazo senón a busca de recitais moi próximos”. Canda a ela, Ledicia Costas, Daniel Landesa e Lucía Aldao son algúns dos responsables dun proxecto que aposta por desmitificar a figura do poeta e xoga co humor, a cultura pop e o xogo como chaves para conectar co público. “Temos moita sorte e conseguimos encher en todos os sitios onde imos. A xente queda moi contenta”, sinala Lado. “Hai unha posta en escena moi relaxada. Para alén do recitado en si mesmo, buscamos achegar algo decisivo, e recollemos a idea do match de improvisación de teatro”, lembra Lado. Deste xeito, nos recitais A Hostia en Verso artéllanse dous grupos de poetas enfrontados, xa sexan Corruptos vs Gángsters, Aliens Vs Predators, Ciencias Vs Letras ou Montescos vs Capulettos. En cada un dos encontros, as presentadoras (María Lado e Lucía Aldao) van propondo temas sobre os que cada participante debe ler textos. “Non se improvisa, cada un trae os seus textos xa escritos, pero debe seleccionalos segundo o tema que se escollese”, explica Lado. O público valora mediante votación o poeta que máis lle gustou. “Non se gaña nada, simplemente é unha fórmula para implicar os asistentes”. Para alén destes combates poéticos, o grupo ensaia outras fórmulas de recitais como foi o ciclo Merendacea no Verbum de Vigo ou a poxa de poetas, na que os asistentes compiten por adquirir un dos recitadores (o que leva para a casa é un obxecto artístico realizado a partir dos textos). O evento deu en sucesivas incorporacións ao colectivo inicial e vai dando nunha certa rede de afeccionados á poesía na Cidade Olívica.

Picar nos bares
En Santiago de Compostela, o pub Modus Vivendi acollía, o pasado mes de outubro de 2011 a primeira sesión do ciclo Picaversos. A iniciativa, nada da man de Olalla Cociña e Branca Novoneyra, propón lecturas arredor de eixes temáticos concretos, tan xenéricos como Soños, Feridos ou Adictos ou tan concretos como Lois Pereiro. “Queriamos reivindicar a poesía oral fóra dun eido exclusivamente literario ou institucional e ampliar o público”explica Cociña. En cada sesión de Picaversos “seleccionamos tres convidados para cada sesión e dámoslles liberdade total. É interesante ver como cada un interpreta o tema que propomos”. Unha peculiaridade do ciclo é que os participantes non son unicamente poetas a recitar os seus textos. “Non cómpre ler produción propia, contamos tamén con músicos ou xente do teatro, e todos os participantes poden ler textos alleos. Isto permite tamén coñecer a xente que participa polas lecturas que fan doutros autores”, sinala a coordinadora do evento. Canda a isto, outra característica propia do ciclo é o feito de que se cobra unha entrada de dous euros por asistir. “Cobramos coa idea de dignificar o encontro e tamén para recoñecer o traballo que lle supón aos convidados preparar unha sesión”, sinala Cociña. Malia ao estraño que pode parecer que a xente pague por escoitar poesía, o aforo, dunha cincuenta persoas, énchese totalmente e en ocasións mesmos é amplamente superado. “A xente toma moi ben o de cobrarmos entrada”, apunta, “estamos a ter un resultado moi bo e contamos con seguir o vindeiro curso”.

A importancia da voz
Nos tres casos a aposta polo recitado centra a presentació da poesía na voz. Así, en Poetas Di(n)versos procúrase a sinxeleza no formato que se centra na lectura pura, sen soportes musicais nin outros efectos. “A nosa é unha proposta moi pura. Basicamente contamos coa voz e o escenario, e hai poucos elementos máis”, lembra Castaño. A capacidade de cada autor para pór en escena o seu propio texto e a expresividade que lle outorga ao mesmo son fundamentais entón para conectar co público. “Non deixa de ser unha posta en escena da literatura dándolle a man a aspectos e linguaxes coma o son e un certo elemento escénico”, explica. Pola súa banda, tamén nos proxectos de Poetas da Hostia, o protagonismo na representación dos textos fica na voz dos propios autores. “A idea é que os poetas que recitan traballen fundamentalmente coa súa voz e luzan o texto, sen interferir na retransmisión”, lembra Lado. A proposta compleméntase cun músico “para dar ritmo ao espectáculo” que actúa entre recitados, e mais un marcador para os votos que van sumando os poetas como principais complementos escénicos. Na sesións de Picaversos, pola súa banda, “o requisito fundamental é ler ben. Hai xente que apoia o recitado con música ou outros recursos, nós damos liberdade total e tamén xogamos coa sorpresa que pode achegar cara persoa”, explica Cociña, quen advirte que, no entanto, “o ciclo está pensado fundamentalmente como lectura, fuximos un pouco da idea de que a poesía teña que se apoiar no audiovisual, na música ou no humor para chegar ao público”.

Variedade
Un punto no que coinciden estes tres ciclos e na variedade estilística e temática dos textos que acollen. “Contamos coas voces máis diversas, non existe unha liña dominante”, lembra Castaño encol de Poetas Di(n)versos. “Conviven estilos máis clásicos con propostas máis innovadoras, tentamos tocar un pouco de todo”, asegura. Lado, pola súa banda, sinala que “os textos non teñen que ser de ningún tipo, nin humorísticos nin particularmente sinxelos. Pódense recitar sonetos de Góngora se se quere, aínda que polo xeral a xente le a súa propia obra. O que fai livián o recital é o envoltorio, non os textos”. Cociña, pola súa banda, salienta que “á hora de seleccionar os convidados para Picaversos, prima sobre todo a diversidade. Gústanos ter escollas eclécticas e non só traemos poetas”.

Rexurdir
Encol do éxito destas propostas, as súas promotoras apuntan a relativa facilidade da poesía para chegar ao público a través da oralidade. “Teño unha fonda fe no recitado poético como feito literario en si mesmo. A poesía ten unha capacidade oral e un carácter escénico que a diferenza doutros xéneros”, lembra Yolanda Castaño. “A lectura pública permítelle á xente descubrir un xeito máis directo e emocionante de se achegar á literatura”. No entanto, todas recoñecen que o fenómeno non é novo, e lembran a multiplicidade de recitais que existían no noso país durante os anos 90. “Daquela houbera un auxe moi grande que logo caeu. Dáse un certo movemento pendular que tamén vai por focos xeográficos, naquel momento era Santiago o que concentraba a maior parte das iniciativas”, lembra Castaño. Lado, pola súa banda, apunta que en xeral “está a se dar unha recuperación bastante grande dos recitais, logo do tremendo baixón que houbo. Hai moitas iniciativas e semella que a xente ten dentro a ansia de ver e de facer cousas”. Cociña, pola súa banda, coincide en que “antes había moitas máis iniciativas deste tipo, en Compostela mesmo se chegaba a dar contraprogramación. Agora si que é certo que se está a voltar un pouco ao recitado”. Encol da aceptación do público, apunta que “aínda que escoitar esixe concentración e estamos hiperestimulados, atopamos moita xente que, sen ter contacto previo coa poesía, descobren que lles gusta e repiten”.

Está por ver se seguiremos este camiño e chegaremos a ver incorporada a poesía de xeito habitual á nosa axenda cultural, do mesmo xeito que hoxe imos, por exemplo ao teatro ou a escoitar concertos. Ou se veremos de novo un certo decaemento da lectura de versos. Por se acaso, será mellor aproveitar a oferta mentres dura.