Comeza a XII edición da Semana Internacional de Cine Submarino de Vigo

Doce anos baixo as ondas

Ondas do mar de Vigo… Hai xa máis de quince anos que estamos a ver como son as ondas do mar desde debaixo. O Club Subacuático Bahía de Vigo organiza este ano a XII edición da Semana Internacional de Cine Submarino para difundir a cara menos coñecida dos nosos mares

Un pequeno club de afeccionados ó submarinismo. Ese foi o comezo dun dos principais encontros do Estado sobre esas películas que se rodan por baixo das augas. A ecoloxía, a arqueoloxía, a bioloxía ou simplemente a beleza dos fondos mariños atópanse en Vigo desde hai anos na Semana Internacional de Cine Submarino.



Unha historia difícil

A primeira Semana de Cine Submarino celebrouse nada menos que en 1985, evidentemente con medios precarios. Desde aquela, houbo varias interrupcións no evento. No ano 89 houbo unha primeira ausencia na cita dos amantes dos fondos, e desde o noventa e cinco houbo unha interrupción de cinco anos que só se remediou no ano 2000 cando a Universidade de Vigo iniciou o seu apoio ó evento colaborando coa organización da décima edición. Desde entón estase cumprindo a periodicidade do evento, reunindo no auditorio de Caixanova unha semana de cada ano os afeccionados ó submarinismo e ós curiosos que desexan coñecer os fondos mariños.



Historias de barcos afundidos

Nesta décimosegunda edición, as semana súmase os actos do tricentenario da Batalla de Rande e ocupa grande parte do seu programa con produccións dedicadas á arqueoloxía submariña. A estrela desta edición é sen dúbida o documental “Os buscadores do tesouro da Ría de Vigo”, que recolle os traballos realizados por unha expedición de rescate dos galeóns afundidos hai nada menos que corenta e sete anos. A expedición organizada pola Atlantic Salvage Co. Ltd estaba dirixida por John S. Potter e contaba coa presencia de Robert Sténuit, xa daquela un destacado explorador sumbarino. Esta iniciativa, que rematou sen acadar descubrir o codiciado tesouro de Rande, protagoniza tamén a exposición fotográfica “Tesouros e galeóns na lembranza”. Tanto as fotografías coma o documental permiten coñecer os medios cos que se contaba hai medio século para a exploración subacuática e os métodos que se seguían ns buscas arqueolóxicas. Estas imaxes xa fixeron parte da mostra do Museo do Mar sobre Rande.



A polémica do 2002

Precisamente a presencia de Robert Sténuit nesta edición das xornadas está a provocar unha agria polémica que mesmo chegou ó Congreso. Acontece que en 1995 Sténuit participou no rescate do tesouro do vapor Douro que se afundiu en 1882 fronte ás costas de Laxe e de Corme. Aínda que el asegura que aquela operación se desenvolveu fóra das doce millas territoriais españolas, existe un expediente no xulgado de Carballo sobre a saída ilegal do país da media tonelada de ouro en lingotes e moedas que se extraiu do pecio. O pasado día vinteún de novembro, a Comisión de Educación e Cultura do Congreso aprobaba unha proposición do BNG enmendada polo PP na que se instaba ó Goberno a estudiar as vías de reclamación do tesouro extraído do buque. Na actualidade parte das moedas que se rescataron do mesmo atópanse á venda por Internet. O deputado nacinalista Carlos Aymerich lamentou que Stenuit estea invitado a un evento coorganizado pola Universidade de Vigo, unha protesta que coincide coa que realizou a Federación Galega de Actividades Subacuáticas.



Sténuit na Semana

Na edición do ano 2000 a Semana presentara precisamente un documental realizadopor Sténuit sobre o rescate do tesouro do Douro. Xa daquela, e ó rematar a proxección varias persoas se laiaron de que se lle dese cabida no festival a unha producción que amosaba, segundo eles, o saqueo a un patrimonio español. Desde o Vicerrectorado de Extensión Unuiversitaria de Vigo sinalouse que Sténuit está convidado polas súas investigacions sobre a batalla de Rande, e solicitou que non se mesture a Semana de Cine Subacuático co caso do Douro. Ademais, lembrou o francés é un investigador recoñecido internacionalmente e é doctor honoris causa pola Universidade do Ulster.



Fóra da polémica

Ademais da presencia de Sténuit e do documental sobre o rescate de Rande, na semana poderá verse o filme “O tesouro do San Diego”, que amosa a recuperación dos restos deste galeón do século XVII. Os fondos marítimos do Mar de Alborán e da illa de Cabrera protagonizan dous capítulos da serie “España Mergullada”, que se poderán ver o mércores e o xoves. Outros dous episodios da serie da BBC Planeta Azul amosarán unha selección dos fondos marinos e o aspecto das profundidades abisais. Finalmente, unha producción realizada no mesmo Vigo, “Baixo as ondas das Rías”. Esta producción amosa a evolución do ecosistema das rías nas diferentes estacións do ano. Dúas conferencias de Sténuit e unha de José Antonio Moya, autor dos documentais de “España Mergullada”. É de agardar que a polémica non inflúa na continuidade dun evento que xa se está a converter nunha cita ineludible na difusión da parte menos coñecida do mar.