A paisaxe aterra en Galicia

A integración paisaxística preséntase como o eixe da xestión territorial da Xunta

Coa exposición pública do Catálogo da Paisaxe do Deza comeza a se implementar no noso país a Estratexia Galega da Paisaxe. Ao amparo da Lei de Paisaxe de Galicia, o proxecto quere mudar a nosa relación co contorno, concienciándonos da idea de paisaxe e favorecendo a implicación social na súa conservación e xestión. No entanto, centrar as políticas sobre o territorio nesta cuestión non supón necesariamente unha maior protección do noso contorno.

Segundo o Convenio Europeo da Paisaxe, este concepto aplícase a “calquera parte do territorio, tal e como é percibida polas poboacións, cuxo carácter resulta da acción de factores naturais e humanos e das súas interrelacións”. Estamos pois ante un termo complexo que toca ámbitos como a xeomorfoloxía, o emprego do chan, a ecoloxía, a arquitectura, o transporte ou o turismo. A regular este complexo marco, a Xunta de Galicia aprobaba, en 2008, a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia. Na mesma prevíase unha serie de medidas a desenvolver para garantir a protección e a xestión deste ben, entre elas, a Estratexia da Paisaxe de Galicia.

A chegada da paisaxe ás leis
Segundo explica Federico López Silvestre, doutor en historia da arte e un dos maiores especialistas a nivel galego neste ámbito, esta aposta fai parte dunha tendencia internacional que tende a integrar este concepto na lexislación dun xeito transversal. “A paisaxe vaise incorporando á lexislación aos poucos. Xa a comezos do século XX aparecen as primeiras leis que se preocupan do tema. Segundo se van vendo máis ameazados os lugares que se consideran patrimonio cultural ou parque nacional, vanse fortalecendo as leis para protexelos”. Deste xeito, a actual proposta galega atopa paralelismos en comunidades como Andalucía, Cataluña, Valencia ou Euskadi, e a Rede para o Desenvolvemento do Convenio Europeo da Paisaxe coordina as medidas neste campo a nivel da Unión Europea. De xeito paralelo, cada vez son máis elementos os que van facendo parte da propia idea de paisaxe. “Se nun comezo son as leis dedicadas a esta cuestión eran as relativas a parques nacionais e demais, co tempo vese como as leis de patrimonio van incorporando ideas como os lugares pintorescos. Isto dáse sobre todo nos anos oitenta. Os intereses ecolóxicos converxen cos patrimoniais e xorde esta idea de paisaxe que xa non é a pictórica”. Deste xeito, a regulación deste elemento acaba afectando a ámbitos legais moi para alén dos comentados, e afecta a cuestións como a lexislación urbanística. A respecto desta perspectiva máis integrada, López Silvestre advirte que “esta idea pode ser boa. Precisamente moitos problemas do pasado podían ver do choque entre disciplinas que estudaban a cuestión desde diferentes ámbitos e entidades que tiñan perspectivas diferentes. A proposta europea busca unha visión máis global. Ter ese sentido nas normas non é malo”.

Cultura na paisaxe
A afondar nos aspectos culturais tratados na Estratexia da Paisaxe, desde a Consellaría sinalan que “tanto no Convenio Europeo da Paisaxe, como na nosa lei, a paisaxe enténdese dun xeito holístico, no que a dimensión cultural ten un enorme peso. Na Estratexia, precisamente, afírmase que a paisaxe constitúe a proxección cultural dunha sociedade. Polo tanto, todos os instrumentos contemplados na Estratexia abordarán todos os aspectos do patrimonio cultural, tanto material, como inmaterial, postos en relación coas especiais características de cada lugar, amosando deste xeito outra forma de aproximarse ao territorio”.

Por un cambio cultural
A Estratexia supón, en conxunto, un proxecto de grande envergadura, que se pretende desenvolver ata 2016 e quere marcar as actuacións de todo tipo sobre o noso contorno. Segundo explican desde a Consellaría de Medio Ambiente, “o fin último da Estratexia é inducir un cambio cultural ou, se se quere, xerar unha cultura sobre as nosas paisaxes. Este reto leva tempo. En calquera caso, desexamos que Galicia entenda o valor patrimonial da súa paisaxe que participa do interese xeral na súa dimensión ecolóxica, cultural económica e social. E que a calidade das nosas paisaxes é un bo indicador da nosa calidade como sociedade”. A ese respecto, López Silvestre considera que aos poucos está a medrar a consciencia social sobre esta cuestión. “Hai uns anos, cando comezamos a colección Paisaje y teoría, que codirixo, o editor tiña dúbidas de que houbese público. Hoxe ollamos que funciona moi ben. Aos poucos semella que a cousa vai mudando, hai maior mentalización, a nivel xeral e en ámbitos profesionais como arquitectos ou enxeñeiros. De calquera xeito Segue a ser algo minoritario se o comparamos coa consciencia social que existe en países como Alemaña ou Francia”.

A lei
Logo da clasificación de Galicia en 12 áreas atendendo ás diferentes tipoloxías de paisaxe, o seguinte paso na aplicación da estratexia foi a publicación do Catálogo da Paisaxe do Deza, un documento que recolle todos os elementos destacados desta área e sobre o que se elaboran as normas de actuación na mesma. Malia a estes avances, quedan aínda pendentes de elaborar e publicar as Directrices da Paisaxe previstas na Lei que “terán carácter vinculante para todos os instrumentos de planificación sectorial e urbanística”, segundo explican desde Medio Ambiente. Estas serán, pois as principais ferramentas que definirán o xeito no que se interactuará cos elementos da paisaxe a nivel de urbanismo ou de industria. A isto, a Lei de Paisaxe establece ademais a necesidade de estudo de impactos e integración paisaxística naquelas obras que tamén precisen estudos de impacto ambiental, así como Plans de acción de paisaxe en áreas protexidas. Para López Silvestre, “a lei desde o punto de vista xeral non é mala, porque engloba tanto cuestións ambientais como patrimoniais. A idea de que os catálogos de paisaxe sexan vinculantes en relación as normas de urbanismo tamén está ben. No entanto, o texto legal só prevé a necesidade de xerar unha serie de instrumentos para defender a paisaxe e para facer diagnoses, e unha lei ten que servir para máis cousas. Debe defender as zonas máis fráxiles, e aí é onde é máis feble a lei tal e como se aplicou”, lembra López Silvestre.

Demoras
Un dos problemas principais que López Silvestre sinala na aplicación da Estratexia é a demora na concreción das ferramentas previstas na lei de 2008. “Pasaron xa máis de catro anos e aínda estamos a ver o primeiro catálogo, non se desenvolveu da lei nin se creou o Observatorio da Paisaxe”. A final de 2011 nacía o Instituto de Estudos do Territorio, en cuxo seo se incorporará ese organismo. “No bipartito facíase máis fincapé no Observatorio, agora intégrase no Instituto. Este cambio non é aleatorio, o Instituto de Estudos está concibido desde un punto de vista urbanístico, que o Observatorio fique supeditado amósanos tamén onde fica a paisaxe dentro do organigrama. Os resultados finais non os vimos aínda, pero se non temos instrumentos reais que funcionen, a lei non vale de nada”.

Outras leis
“Mentres isto se demora, xorden en paralelo leis máis laxas como a nova lexislación sobre litoral ou costas que afectan de cheo a todo o espírito da Lei da Paisaxe e na práctica supoñen menos protección do que a anterior Lei do Litoral. Deléganse nos concellos boa parte das decisións importantes sobre protección”, apunta López Silvestre. Deste xeito, o Plan Director de Acuicultura Litoral, malia a incorporar conceptos derivados da Lei de 2008, está a ser duramente criticado por colectivos ecoloxistas que consideran que diminúe a protección da áreas costeiras. Precisamente un dos primeiros documentos publicados no marco da Estratexia Galega da Paisaxe foi a Guía de Criterios de Sostenibilidade e Integración Paisaxística dos Establecementos de Acuicultura Litoral, que se suma á Guía metodolóxica para a elaboración do Estudos de Impacto e Integración Paisaxística.

En breve
Mentres agardamos novas concrecións desta iniciativa, están a se desenvolver as primeiras actividades para divulgar a Estratexia, con campañas como 12 meses, 12 paisaxes, que axudan a coñecer en centros escolares a variedade de paisaxes do noso país. Para o do vindeiro mes de novembro, realizarase un Congreso Internacional da Paisaxe en Compostela. Aos poucos, sen dúbida, iremos vendo como o concepto da paisaxe vai penetrando as leis e a sociedade do país. Queda por ver ata que punto muda o xeito no que nos relacionamos co territorio, e se conseguiremos manter unha acción máis responsable neste sentido.
Documento de presentación da Estratexia da Paisaxe de Galicia.
Guía de Estudos de Impacto e Integración Paisaxística.