Unha devoción diferencial

O culto aos santos en Galicia presenta peculiaridades no contexto peninsular

Fonte:http://www.flickr.com/photos/publikaccion
Fonte:http://www.flickr.com/photos/publikaccion
É ben sabido que no noso país existe unha ampla veneración polos santos, no entanto, esta cuestión estaba pendente de estudos detallados. O antropólogo Xosé Manuel González Reboredo atreveuse con ela na obra Os santos titulares de parroquia en Galiza. Pasado, presente e perspectivas de futuro coa que acaba de gañar o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. Entre as súas conclusións, sinala que as advocacións galegas, ben diferentes do que noutros lugares da península, supoñen un auténtico patrimonio que debe ser protexido.

En Galicia existen máis de 3.800 parroquias, cada unha das cales conta co seu santo patrón. Como se pode imaxinar, dentro desta multitude hai espazo para unha ampla variedade de tendencias á hora de adorar un ou outro, e é ben certo que as preferencias están ben repartidas. Segundo os datos que manexa González Reboredo, á cabeza no número de advocacións en Galicia está Santa María, á que se venera como patroa nun 20% das parroquias, é dicir, unhas 760. Malia a que poden parecer moitas, debemos pensar que nalgunhas dióceses andaluzas, a adoración pola nai de Cristo supera a metade dos padroados. Séguena como preferidos polos galegos, xa certa distancia e practicamente empatados, Santiago e San Pedro, con cadanseu 8% de freguesías dedicadas. “Logo hai moitas máis, en xeral as porcentaxes non son moi elevadas”, advirte este antropólogo. “San Xoán Bautista está tamén moi estendido, ao igual que o Arcanxo San Miguel, San Martiño, o propio Cristo, moitas veces representado como Salvador, San Mamede, San Vicente ou San Cristovo”. En canto a santas, “a máis seguida logo de María é Santa Baia ou Eulalia”. Malia a esta aparente dispersión nas advocacións, González Reboredo advirte que non é tanta como pode parecer, e que se reduce a un número concreto de santos. “Segundo os meus cálculos, o 90% das parroquias están baixo a protección de 24 santos, virxes e advocacións cristolóxicas”.

Os primeiros santos
Para alén dos nomes concretos aos que os galegos lles temos lei, a investigación de Reboredo apunta tamén unha tendencia moi concreta. “No noso santoral parroquial consérvanse, de xeito maioritario, santos moi antigos, cuxo culto comezou coas primeiras camadas do cristianismo”. Nese sentido, destaca a presenza de mártires, como é o caso de Santa Baia, San Vicente, Santa Mariña ou San Mamede entre moitos outros. “Proceden dos primeiros tempos da cristianización, nos séculos III a V, e tamén algún santo confesor, que son eses que sen sufrir martirio, deron en vida signos de santidade e amosaron un elevado sentimento de cristiandade”, sinala este antropólogo. “San Martiño, por exemplo, era orixinario da Galia, pero arraigou en Galicia xa nos século V ou VI, en pleno Reino Suevo”. Malia a que a tendencia é compartida en todo o norte peninsular, “esta diferenza detéctase de xeito especial en Galicia, e fai do noso santoral un elemento diferencial e identitario respecto a outros lugares”. A maior antigüidade que amosan os santos galegos está relacionado, segundo a tese de González Reboredo, o escaso impacto nas nosas terras da islamización durante a Idade Media. “Nos primeiros tempos do cristianismo estes santos estaban moi estendidos por toda a Península, pero coa presenza islámica a partir do século VIII altérase a difusión dos mesmos”. Deste xeito, a prolongada existencia dos reinos musulmáns no centro e no sur da Península “fixo que as vellas devocións desaparecesen ou quedasen esquecidas”. A posterior cristianización destas terras levou tamén novos santos aos seus altares, segundo as tendencias de cada época.

A estabilidade
A conservación do que Reboredo denomina “fósiles devocionais” amosa tamén a estabilidade na organización territorial que se deu no noso país desde a súa implantación. “Sobreviviron no mundo rural, nunha estrutura que permaneceu durante séculos”, explica. “Nas parroquias urbanas, que adoitan ter cen anos ou algo máis, contan polo xeral con santos que chegaron con modas máis recentes. Malia á tendencia conservadora nos cultos, existen casos tamén no que os patróns orixinais dalgunhas freguesías foron substituídos por santos máis modernos nas preferencias dos fieis, sen perderen por iso a súa condición de santos titulares. “Polo xeral non chegaron aos substituír, o posto de patrón tende a ser inamovible”, explica. Entre outros exemplos, apunta o de Rianxo, onde as festas grandes da vila se celebran con ocasión da Virxe de Guadalupe, mentres que a patroa é Santa Comba. “No século XVIII un frade xerónimo trouxo esta devoción, que prendeu e medrou, facéndose o referente”. Casos semellantes foron os cultos de San Sebastián ou San Roque, que se introduciron no culto popular con ocasión de diferentes epidemias de peste e que a miúdo conseguiron imporse na devoción local.

Casos curiosos
Como santos curiosos, de entre os múltiples que localizou este investigador, “hai varios de dubidosas orixe e traxectoria” en canto a súa suposta santidade. “A nivel persoal chamoume a atención San Remixio, que só ten tres parroquias na Diócese de Lugo. É un pouco estraño, que este santo, que ten moito arraigo en Francia como San Remi e que foi quen converteu a Clodoveo, rei dos francos ao cristianismo, apareza aquí. Ten que haber algo detrás, e aínda que non vexo unha explicación definitiva, penso que puido chegar desde Francia a través do camiño de Santiago”. Canda a este, sinala o curioso caso de San Pedro Fiz, posiblemente resultado dun sincretismo que fusionou a festividade de San Pedro ad Vincula, no que a Igrexa conmemora a liberación milagrosa de San Pedro da súa prisión, coa de San Fiz, que se celebraba no mesmo día. “O 1 de agosto era a festa deste mártir, que era seguido nun número respectable de parroquias. E de aí saíu un patrón híbrido”, apunta Reboredo.

A protección
O xa mentado vencello da adoración aos “nosos santiños” como di o propio Reboredo ao mundo rural, pon este feito diferencial en perigo. “Debemos prestar atención a isto. O despoboamento radical fai que moitas entidades do rural estean a ficar baleiro, e isto vai producir que moitas parroquias estean condenadas á desaparición. Antes de que isto se produza cómpre actuar e tentar salvar este patrimonio”. No seu traballo, este investigador aposta por procurar a declaración BIC para este conxunto, atendendo tanto ao carácter inmaterial do culto e das tradicións vencelladas ao mesmo, como ás imaxes e elementos materiais que fan parte do mesmo.