Vinte e seis finalistas optan aos premios da Asociación de Escritores

Os gañadores daranse a coñecer o 5 de maio na Cea das Letras

Os premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega xa teñen finalistas. Xavier Queipo, Antón Riveiro Coello e Agustín Fernández Paz son os autores que optan ao galardón á mellor obra de Narrativa. Este último recunca tamén con opcións á categoría de obra infantil e xuvenil, competindo con Marica Campo e Fran Alonso. En canto ao ensaio, compiten Carlos Callón, Francisco Rodríguez e mais Mercedes Queixas. A estes galardóns súmanse os recoñecementos a José Luís Sampedro como Escritor Galego Universal e mais aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e Servizos de Normalización Lingüística dos concellos pola súa contribución á divulgación da literatura, nos dous casos outorgados pola asemblea de socios.

Os gañadores coñeceranse o vindeiro 5 de maio no transcurso da Cea das Letras, que se desenvolverá en Compostela.

FINALISTAS AOS PREMIOS DA AELG

Narrativa:
- Extramunde, Xavier Queipo, Xerais.
- Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
- Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Xerais.

Ensaio:
- Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais.
- Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
- Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.

Poesía:
- balea2, Estevo Creus, Positivas.
- Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
- Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias.

Teatro:
- A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña.
- Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
- Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
- Anxo Tarrío.
- Bieito Iglesias.
- Iago Martínez.
- Ramón Chao Rego.
- Santiago Jaureguizar.

Literatura Infanto-Xuvenil:
- Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
- Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia.
- O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais.

Tradución:
- Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa.
- Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
- Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas.

Mellor Blog Literario:
- As crebas, Miro Villar.
- Caderno da crítica, Ramón Nicolás.
- Criticalia, Armando Requeixo.