O Monte Pindo como camiño

A iniciativa para declarar o Pindo parque natural motiva unha gran mobilización social

O pasado dous de febreiro chegaba ao Parlamento de Galicia unha Proposición non de lei para a declaración do Monte Pindo como Parque Natural. A iniciativa era na súa maior parte o resultado do traballo dunha asociación local que comezou hai só dous anos o seu traballo e que conseguiu neste tempo un grande eco social e mediático para esta reivindicación. Malia a que a proposta foi rexeitada, o colectivo continúa o seu traballo investigando e dinamizando o concello de Carnota arredor esta iniciativa.

Malia a que a proposición para que este macizo fose o sétimo lugar do país protexido con esta figura chegou á comisión sétima do Parlamento da man do BNG, é a Asociación Monte Pindo Parque Natural a que desenvolve desde 2010 o groso de traballo de promoción da iniciativa. Segundo explica o presidente deste colectivo, Xilberto Caamaño, “Nese ano a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e mais a Sociedade Galega de Historia Natural presentaron a proposta de declaración. A raíz disto, a xente do Pindo decidimos organizarnos para darlle apoio social a esta reivindicación, que xa nós levábamos tempo a tentar mobilizar. E entón creamos a asociación”.

Natureza
A nivel de valores naturais, o emblema do Pindo é a existencia da única poboación de carballo anano (Quercus lusitanica Lam ) en Galicia, e estivo a piques de desaparecer por mor dos incendios. “Hai multitude de covas, e logo a propia conformacion xeolóxica de monte e moi particular, hai estudios da NASA sobre os microorganismos do granito que fixeron aquí”, lembra Caamaño. Canda a isto, e malia ao problema dos incendios que asolan periodicamente o macizo, “semella que está a voltar o lobo e algún gato bravo, e que tamén os morcegos que había nas covas, e que desapareceran logo dos lumes de 2005, están retornando”.

A importancia cultural
Canda aos valores naturais, a Asociación desenvolve un intenso labor de difusión e de investigación encol da importancia cultural do monte. “É un lugar emblemático da nosa nación, un monte lendario. Persoeiros como Pedraio, Risco, ou Jovellanos subírono, e outros como Sarmiento coñecérono e falaron del”. A lista de elementos patrimonais que se pode atopar no lugar realmente supoñen un argumento destacado a prol da proteccio´n. “Nun espazo tan pequeno hai dous castelos medievais, unha igrexa que pode ser sueva, visigótica ou medieval e mais unha muralla posiblemente tardorromana que rodea todo o cumio do monte e que é tan grande como a de Lugo. E a administración non gastou un can epara investigar isto”, explica Caamaño. Entre os achados recentes, unhas misteriosas pedras de lapislázuli que apareceron no camiño ou a constatación de que un artigo de 1928 situaba no macizo unha especie endémica de cabra.

Traballos
Simposios centrados no monte, con participación de biólogos, xeógrafos, historiadores ou literatos abordan desde hai dous anos os diferentes aspectos deste espazo. Canda a isto, excursións ou traballos de limpeza de voluntariado, así como unha comunicación constante dos sucesivos achados e novidades relacionados co conxunto son as principais actividades do colectivo. Precisamente, os traballos de desbroce que realizan deron recentemente na apertura do camiño do Fieiro, que empregaron durante anos os habitantes desta aldea para chegar á costa e as peixeiras para vender o seu produto no interior. “Por desgraza agora mesmo ao monte só hai un camiño de subida, que sobe por onda a igrexa do Pindo. Pero había moitos máis que subían, pero para os recuperar o noso traballo non abonda. Se a administración contratase xente con maquinaria si que sería posible”.

Segredos
En relación a isto, Caamaño sinala que existe unha grande cantidade de lugares do Pindo que permanecen descoñecidos para os visitantes. “Está a Porta do Inferno, ao carón da Fervenza do Xallas, onde se supón que asomaba unha princesa a unha xanela. Logo a capela de Pedralonga é impresionante, existe unha piscina natural na pedra que está cuberta por un paraugas tamén de pedra, cunha xanela feita pola erosión que olla cara a Fisterra. Está a cova da Xoana, que fura o pico da Laxiña de banda a banda e node se facían aquelarres... Cousas que deberían figurar en todas as guías e que ningué coñece”.

Unanimidade
Unha das peculiaridades do movemento social a prol do Monte Pindo é que o mesmo non xorde en resposta a unha ameaza concreta deste espazo. É dicir, non se trata dunha proposta defensiva, senón dunha aposta en positivo a prol da conseguir unha protección. “Nós non estamos en contra de ninguén, unicamente reclamamos a protección para un espazo que consideramos ten uns valores importantes”, lembra o presidente. Esta perspectiva pode explicar en boa medida o alto grado de soporte que recibe a causa. “Temos a sorte de que somos unha asociación que caemos ben. Todo o mundo entende os nosos fins. Tamén os medios de comunicación nos apoian bastante e dan a coñecer o proxecto”. De xeito semellante, a nivel local a aposta polo proxecto é unánime. “Eu non coñezo ningunha queixa de alguén que se posicione contra o parque, aínda que algúns comentarios sempre chegan. En todo o caso, queremos tamén se haxa debate, se alguén non está de cordo. En todo caso é un dos poucos parques que non xeran enfrontamento entre os veciños”, salienta o presidente da asociación. Tal e como recoñece el mesmo, a particular morfoloxía do monte, quebrado e sen posibilidade de desenvolver cultivos nin explotar doutros xeitos a súa superficie, así como o seu emprego pola comunidade facilita a unanimidade sobre a súa protección. “O monte non ten ningunha explotación gandeira nin forestal, nin existen núcleos habitados nel. Non hai entón ningún inconvinte, e a protección só achega beneficios”.

Recursos
A proposta de protección do monte como Parque Natural ten, para alén da conservación do contorno, a intención conseguir recursos para a comarca. “Contamos con que achegue beneficios como a dinamización económica para unha comarca tan deprimida como é esta. Os veciños poden ver que o parque non vai solucionar o paro pero si será unha axuda”. A asociación conta coa existencia de fondos especificos para o coidado e desenvolvemento destes espazos protexidos. “Os parques contan cun orzamento que vai a traballo de protección, limpeza, coidados do monte e difusión dos seus valores”, explica. Malia ao duro deste traballo, o presidente da asociación recoñece que “é un labor agradecido. Xuntámonos, levamos música, cantamos, e para alén do traballo pasámolo ben”.

Colaboradores
Dentro deste traballo de recuperación da historia local e de investigación dos valores naturais do monte, o colectivo conta cun bo feixe de colaboradores. “Temos moitos socios e simpatizantes que nos proporcionan información continuamente, estamos moi agradecidos. Hai xente que atopa algún dato nun arquivo o mesmo un resto nun camiño, como foron esas pedras de lapislázuli que apareceron no castelo de San Xurxo e que non se sabe como chegaron aí, cando a mina máis próxima está en Afganistán”. Entre os nomes que apoian publicamente a iniciativa, destaca Luar na Lubre, que lle dedica un tema ao monte no seu último disco e que difunde nos seus concertos a iniciativa a prol do parque. “Temos tamén a Manolo Rivas, Xosé Manuel Lobato, Miro Villar, Vidal Romaní, Felipe Senén, e unha longa lista de colectivos e colaboradores particulares”, lembra o presidente da asociación. As últimas incorporacións foron as da Asociación O Patín de Carnota e mais de Neria, a entidade para o desenvolvemento económico que agrupa 17 concellos da Costa da Morte.

A seguir
Malia a que a iniciativa parlamentaria foi rexeitada cos votos en contra do PP, na Asociación non se desaniman, e menos logo de manteren unha xuntanza, o pasado 23 de febreiro co Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. “Tivemos unha reunión moi aberta con ele, e non se pechou á posibilidade de que no futuro se poidafacer a declaración, aínda que el considera que a actual figura de protección como Lugar de Interese Comunitario abonda, nós non estamos de acordo”. No entanto, no colectivo valoran que por vez primeira se teña aberto á porta unha posible declaración. “O conselleiro apuntaba que o parque non implicaba sempre unha protección axeitada, e falaba de casos que se conservan en mal estado. Pero ese é outro problema”. En todo caso, a Asociación ten claro que non vai desaparecer aínda que acade o seu obxectivo. “Témolo falado e continuariamos para fiscalizar o traballo da dirección do parque. Haberá que vixiar a qué se dedica o orzamento, en qué se gasta e como se traballa”. Polo momento, a asociación chama a participar na marcha o vindeiro 14 de abril para reivindicar a protección deste espazo, con grupos de música e a perspectiva de pasar unha xornada festiva.