Os castros a cadriños

A representación das cultura castrexa na BD galega adolece de inexactitudes históricas

Detalle de Historia de España en cómic
Detalle de Historia de España en cómic
Como unha parte máis da nosa cultura que é, a banda deseñada non escapou das diferentes interpretacións, avances e debates que se viviron arredor da época castrexa. O descoñecemento, a imitación de modelos foráneos ou a pegada da cultura popular na percepción deste período tiveron o seu reflexo nunha arte que tamén se viu influída pola evolución política. O historiador Xurxo Ayán tratou esta cuestión na súa tese, coa que desmontou moitos dos mitos que acompañaban a vivenda castrexa.

Casa, Familia e Comunidade na Idade do Ferro do Noroeste é o título da tese que defendía recentemente Xurxo Ayán na Universidade de Santiago de Compostela. Dentro deste estenso traballo, chamado a ser un referente no debate sobre esta época, o historiador aborda, entre outras cuestións, as visións populares encol da mesma e lle dedica unha especila atención ao xeito no que este mundo se ten representado na BD. “Interesábame analizar como ser verteu esa percepción, tanto en manuais de ensino como na banda deseñada, non se fixera nunca unha análise deste tipo, tiven que comezar desde cero, e para iso foi fundamental o fondo bibliográfico do Consello da Cultura Galega e os datos de Culturagalega.org”.

Os primeiros castros
De xeito semellante a outras épocas históricas, tan habituais na novena arte galega, a época dos castros non escapou das tendencias divulgativas e identitarias que se foron dando no país e que promoveron moitas das publicacións deste tipo. “A presenza desa época na BD galega dáse xa no comezo da súa historia moderna, na altura dos primeiros setenta con proxectos como A cova das choias. Tratábase dun ambiente de divulgación e pretendíase popularizar a historia galega nun momento de transición”, apunta Ayán. Destaca neste sentido o traballo de Vagalume a publicación infantil que durante varios anos tentou achegar diversos aspectos da nosa cultura e historia aos máis novos. “Aí vese como se mantén a visión dos castros propia desta época, tirada das historias de Galicia de Pedrayo e de Risco. Reflíctese a idea da civilización celta e a visión de Cuevillas dos celtas guerreiros. E aparece a visión dos poboados compostos por pallozas redondas que se inspira na restauración que se abordou en Santa Tegra nos anos 60”, lembra. Precisamente a pegada desta restauración, amosando a cabana redonda cun recinto aberto diante, marcaría ata os nosos días a iconografía dos castros tanto na banda deseñada como na percepción popular da época.

A BD como divulgación
En xeral, a partir deste momento prodúcese unha separación entre os avances científicos que se van producindo no coñecemento deste período histórico e a súa representación gráfica en cadriños, que se mantén nos mesmos tópicos desta época. Nos anos oitenta continúa a vocación didáctica das BDs, vencelladas ao desenvolvemento político da autonomía e á busca de potenciar os referentes dun pasado común e diferencial. “Por unha banda vese ese enfoque que non considera o cómic como algo artístico, senón como unha ferramenta para mandar unha mensaxe reivindicativa da Historia local e autonómica. Pola outra vese tamén como unha ferramenta política, e iso agroma con máis forza nos anos noventa, cando se aposta por múltiples traballos de historia local neste formato”. Neste sentido chama a atención o traballo do grupo catalán Nono Art, que nesta década se especializou na creación de BDs de carácter histórico para todo tipo de institucións e entidades, que tamén tiraron varios títulos sobre o noso país. “Aplican unha fórmula común aos diferentes contextos, pero non hai estudos detallados nin asesoría científica”, lembra Ayán. Destas tendencias afasta o traballo de Miguelanxo Prado con guión de Tino Maceiras, onde os autores botaron man do Neolítico como ambientación pero “sen pretensións proselitistas nin de divulgación deste mundo”.

Astérix en Galicia
Como exemplos que buscan o achegamento aos avances científicos na investigación castrexa, Ayán salienta o esforzo da serie Aventuras nun neno galego que contou co asesoramento do investigador Xosé Manuel Hidalgo. “Vaise amosando que non todos os castros eran iguais, pero aínda que se amosan diferenzas construtivas continúa a visión tradicional, tirando do traballo sobre o hábitat castrexo de Romero Masiá”. Pola banda artística, a obra “establece un canon na representación gráfica das cabanas e do espazo doméstico, faise un investimento grande na trama e quérese crear unha historia, percorrendo Galicia e amosando distintas comunidades. A nivel de guión séguese a liña de Astérix e Obélix e imítase a existencia de personaxes prototípicos: o neno, a nena, o bruxo ou o xefe, por exemplo”. Canda a esta apunta tamén a aposta polo asesoramento científico do álbum Os viaxeiros do tempo, de Urbano Fra e Fausto Isorna. “Inclúe apéndices con glosarios e
elementos da cultura castrexa”.

Historia local e liberdade
De cara aos anos noventa, as tentativas didácticas van desaparecendo. “Co modelo cultural do fraguismo isto muda. Increméntanse os cómics históricos de ámbito local, sen asesoría histórica nin a miúdo didáctica. Trátase de crear un produto de promoción do concello ou da comarca, inserido nunha época na que xorden os plans de comarcalización e os proxectos de promoción turística”. A BD e as obras ilustradas atopan neste ámbito un mercado importante. “Cando se aborda o pasado téntase amosar o castro que hai en cada lugar, e chántaselle alí a cabana de Santa Tegra”. En paralelo a isto, comeza se dar unha novena arte de ambientación castrexa que, liberada de intencións didácticas, emprega o período histórico unicamente como un contexto para as súas historias. Álbums como O máxico arrecendo “apostan por unha BD que tenta sobre todo chegar aos lectores, sen ir ás historias exemplarizantes. Nesta época desaparece o interese político pola Historia de Galicia e vemos que os rapaces que participan en certames botan man disto empregando influencias de O Señor dos Aneis ou de cinema épico, cunha ambientación case mítica, o que supón unha rachadura total”. Esta liberdade á hora de tratar o período dá, obviamente, nun menor rigor histórico que, no entanto, non amola a este investigador. “Por unha banda isto supón unha normalización da BD, con total liberdade creativa. Aparecen mesmo mulleres castrexas con sostén ou dánselle aspectos eróticos ás historias”.

Documentados
Como excepción neste campo salienta, na última década, o traballo de Pepe Carreiro en Os Barbanzóns, que conta cun traballo de documentación e asesoramento detrás. “É un traballo único en Europa Occidental. Coida moito a ambientación e, ao se ambientar no castro de Neixón, foi introducindo na serie cousas que se foron descubrindo no depósito, como as conexións co mundo mediterráneos e os púnicos e mesmo aparece un can que atopamos ao escavar”. Un caso recente no que se mesturan as dúas tendencias, a didáctica e mais a do mundo castrexo como ambiente para historias doutro tipo, é o da serie Historias da Galiza, na que diferentes autores van creando obras curtas que percorren a cronoloxía galega. “O proxecto xorde cando chega o Bipartito, e amosa de novo o vencello entre conxuntura política e banda deseñada histórica”. O asesoramento arqueolóxico e o contido didáctico que se achega ao final de cada volume contrata con historias de aventuras, iniciáticas ou doutro tipo. “é moi interesante porque por unha banda seguimos coa idea de empregar a BD para crear conciencia e amosar a historia e pola outra vese o esforzo dos novos autores por buscar novos espazos de expresión”.

As eivas xerais
A resumir as eivas que presentan as representacións na novena arte desta etapa do noso pasado, Ayán exonera en boa medida aos autores. “Moitas das limitacións que amosan estes traballos non veñen dos seus creadores, senón dos arqueólogos que os asesoraron”, e da visión popular do propio mundo castrexo. Como exemplo, sinala que na serie Os Barbanzóns “Pepe Carreiro quería meter un gato, e o arqueólogo comentoulle que ese animal se introducira moi tarde, cara ao século VII ou VIII da nosa era, e que non podía aparecer. E logo nós descubrimos en Neixón, onde está ambientada a serie, tellas nas que se podían ver as pegadas de gatos”. No entanto, o maior problema que lle detecta este historiador ás BDs castrexas é “a obsesión por reproducir o esquema de Astérix e Obélix, que moitas veces lastra as historias e pode facer menos atractiva a obra para o comprador”.

Divulgación sen BD
Malia ao recoñecemento que está a conseguir a BD galega nos últimos anos, Ayán salienta que, en paralelo, está a se producir un desinterese polas posibilidades didácticas desta arte no mundo académico. “É unha involución total e absoluta. Os museos e centros arqueolóxicos na súa maior parte non aproveitan o cómic nin os seus recursos nas representacións gráficas. É unha ferramenta cun tremendo potencial pero a xestión do patrimonio semella ir por outros camiños e marxínaa”.

Galería: Os castros na BD

Galería: Os castros na BD

O Viriato. Durante os reximes totalitarios de Salazar e Franco a imaxe gráfica da Protohistoria reproduce viñetas patrióticas herdeiras do enfoque primitivista e salvaxista do século XIX. No caso español o mundo celtíbero é un referente para o nacionalismo, como se comproba nun dos poucos cómics ambientados na Idade do Ferro: Coraza, El Celtíbero (1962) de Ediciones Maga.

Vagalume

Vagalume

Un fito na historia cultural deste país, un proto Xabarín Clube na transición democrática, sen apoio oficial algún (1975-1978). Primeira tentativa de divulgación da historia de Galicia (en galego) a través de banda deseñada con participación directa dos escolares, nuns intres nos que xurde o Cómic Galego. A Historia de Galicia coordenada por Otero Pedrayo (1973) e a Historia de Galicia de Risco (1952) reeditado por Galaxia como fontes primarias de información.

Vagalume

Vagalume

En Vagalume expóñense directamente os postulados da Arqueología galeguista de preguerra e postguerra (López Cuevillas, Xaquín Lorenzo, Taboada Chivite): civilización guerreira céltica, continuismo dos castros nas aldeas galegas e fondo impacto da romanización. Pola súa vez, destaca a utilización dunha icona que se repetirá até hoxe con éxito: a reconstrucción das cabanas de Santa Trega, feitas pola Sociedade Pro-Monte Santa Trega na década de 1960.

Os Compañeiros

Os Compañeiros

En novembro de 1980 Miguelanxo Prado e Tino Maceiras publican no xornal La Voz de Galicia cincuenta tiras diarias de Os Compañeiros (a orde da pedra), outro fito na nomalización da do cómic galego e un dos primeiros que usa a Prehistoria (un difuso Neolítico) como ambientación da banda deseñada. Neste senso, racha coa tendencia precedente, xa que non ten pretensións didácticas nin reivindicativas.

Historia de España en cómic

Historia de España en cómic

A aprobación do Estatuto de Autonomía e a aparición da Xunta de Galicia supoñen un acicate para a historieta galega, ferramenta apoiada polos políticos para a a divulgación da historia do país. Os celtas son sustituídos agora polos galaicos e a cultura castrexa, facéndose eco do cambio no paradigma historiográfico nos anos 70. Esta imaxe reflíctese tamén nas primeiras historias de España en cómic como esta da editorial granadina Genil (1986) onde tamén segue primando a visión primitivista dos pobos do Norte chantada por Julio Caro Baroja décadas atrás.

As aventuras dun neno galego

As aventuras dun neno galego

As aventuras dun neno galego (1985), con guión de Xesús Franco e debuxos de Bofill, foi o primeiro cómic que contou con asesoría científica (J. M. Hidalgo Cuñarro e F. Alonso Romero). Materialización das liñas de investigación da Nova Arqueoloxía galega, con referencia a xacementos castrexos escavados neses anos (Santa Trega, Neixón, Borneiro, Viladonga) e ás relacións co Mediterráneo. A visión da casa bebe directamente de El Hábitat castreño de A. Romero Masiá (1976). Astérix e Obélix como referente gráfico.

Carballo. O noso concello

Carballo. O noso concello

Na década de 1990 a ambientación prehistórica non foi santo de devoción da avangarda do cómic galego, quedando relegada ao eido dos cómics de Historia local subvencionados polas administracións, como este Carballo. O Noso Concello (1999). Estas historietas son unha ferramenta máis para a consolidación de discursos identitarios a escala comarcal. Auténtico totum revolutum de tópicos historiográficos e conceptos misturados de aquí e de acolá, co gallo de amosar o Patrimonio arqueolóxico local.

Ruinas

Ruinas

Na década de 2000 reaparece o mundo dos castros no cómic de xoves autores como referente mítico e lendario para ambientar hitorietas influenciadas polo cinema fantástico e épico tan en boga neses anos.

Comikaze

Comikaze

Nos anos 2000 ten lugar un interesante proceso de manganización do mundo prehistórico e castrexo. Xa non é o soporte para divulgar unha determinada idea do pasado, senón un marco para a creatividade, para o reflexo de tendencias e influencias propias do mundo globalizado. Contexto marcado polos referentes cinematográficos, a publicidade, a ciencia ficción, as novelas fantásticas e os videoxogos. Predomina incluso un toque erótico que leva a debuxar incluso mulleres castrexas con suxeitador. A Arqueoloxía desaparece.

Os Barbanzóns

Os Barbanzóns

A colección Os Barbanzóns (e derivados) de Pepe Carreiro é un caso excepcional na divulgación arqueolóxica no contexto europeo. Contando sempre con asesoría científica, a chave do guión baséase en situacións do presente, pero resoltas no pasado protohistórico. O rigor reflíctese na ambientación do espazo doméstico, na recreación da cultura material, na propia definición gráfica dos personaxes e incluso no planeamento das tramas. As sucesivas historietas vánse facendo eco dos novos achados e das novas cuestións abordadas pola investigación arqueolóxica (construción da identidade, multiculturalidade, intercambios comerciais co S). En Os Barbanzóns desemboca toda a tradición da banda deseñada precedente (Os homes do fin do mundo).

Historias de Galiza

Historias de Galiza

Dende 1973 o Cómic galego reflicte perfectamente as relacións entre banda deseñada, política e ideoloxía, debido en parte ao condicionante de ser unha arte, ás veces, subvencionada. As conxunturas políticas explican creacións como estas novas Historias de Galiza financiadas poa Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar do goberno bipartito (2005-2009). O volume 1 adícase á Prehistoria e Historia Antiga. Aquí vemos confluír, por unha banda, a tendencia seguida polos novos autores e por outra banda, a imposición dunha finalidade didáctica com bibliografía, glosarios e asesores científicos. A visión verquida segue sendo a mesma da década de 1980. Esta obra incardínase na tradición divulgativa oficial chantada nos inicios da autonomía.