BD: Radiografía 2011

Repasamos a produción galega na novena arte no ano que acaba de rematar

Causas Nobres
Causas Nobres
A BD galega resiste ben a crise, mesmo medra. Máis títulos vencellados ao noso país, sexa por autores, lingua ou editores. Máis volumes impresos e unha presenza internacional máis variada destacan como factores a destacar. Canda a isto, a autoedición recupera pulo, nun sector que continúa a vivir maiormente de costas ás axudas públicas directas. Achegámosche os datos da banda deseñada de 2011 a partir do material que compilamos no noso soportal BD.

En 2011 editáronse un total de 92 títulos de banda deseñada galega, entendendo por tal a realizada por autores galegos, dentro e fóra de Galicia, e máis as publicacións de editoras do noso país (contando traducións). Isto supón 6 títulos máis dos que saíron á luz en 2010, segundo os datos recabados por culturagalega.org. Destas obras, 78 corresponden especificamente a autores galegos, e 56 foron editadas no noso país, exactamente a mesma cifra que o pasado ano, segundo os nosos datos.


Os lugares



De feito, Galicia mantén a súa preeminencia como lugar onde se publican a maior parte das obras de BD que teñen algunha relación co noso país. Deste xeito, vemos como 56 BDs de autores galegos, ou feitas na nosa lingua, ou por editoras galegas, saíron no noso territorio. Entra na clasificación este ano o País Vasco, da man de Astiberri e os seus lanzamentos de autores galegos como David Rubín, con tres títulos, e medra espectacularmente a pegada catalana na nosa BD, que pasa de 3 a 13 editadas, colocándose canda a Estados Unidos como segunda orixe das obras vencelladas a Galicia. Aínda que baixa o lanzamento de títulos en Madrid, a xuntar os datos de todo Estado (alén de Galicia), non cabe dúbida de que se percibe en 2011 unha maior pegada da creación e edición galega de banda deseñada neste ámbito fronte aos datos de 2010. Ao tempo, a entrada de Francia, con 4 obras relacionadas co país e mais o mantemento de Estados Unidos como segundo punto de edición de autores galegos verifica un incremento xeral das presenza internacional dos nosos autores e editores, cunha maior diversidade de países nos que ven publicado o seu traballo.



Máis volumes



A nivel de exemplares editados en Galicia, é dicir, sen contarmos os traballos dos nosos autores no exterior, medra o total de volumes editados no ano, pasando dos 383.640 do pasado ano aos 401.745, segundo as cifras proporcionadas polos editores. A nivel de firmas, mantense a preeminencia neste sentido de El Patito Editorial, con 333.500 exemplares.Destes, 320.000 corresponden á tiraxe da revista Galimatías, que se distribúe con El Correo Gallego dentro do programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mantén tiraxes paralelas ao mesmo. Tirada esta tiraxe masiva, que pode distorsionar a percepción sobre os lanzamentos das editoras e creadores galegos, contamos cun total de 81.745 copias publicadas no país. Retranca Editora, coas edicións das revistas Retranca e mais Fiz mantense nun segundo posto, con 39.000 exemplares, seguido de El Patito (sen Galimatías), con 13.500. Canda a isto, detéctase unha menor incidencia doutras editoras no reparto. Se ben Faktoría K mantense entre as que máis apostan por este formato. Destaca o afundimento da edición institucional da man da Xunta, motivada porque a obra dedicada ao Día das Letras, que o ano pasado editou directamente, saiu desta volta coeditada con Xerais. Do mesmo xeito, mantén a súa importancia Demo Editorial, que sube nas súas tiraxes, Cerditos de Guinea e entran Rinoceronte e Galaxia na lista de lanzamentos. Pola contra, desaparece da lista BD Banda, sen actividade nestes doce meses. Canda a isto, detéctase un incremento destacado da autoedición, que se en 2010 se limitaba a 640 exemplares, neste último ano alcanza os 1445.


Títulos



Precisamente en relación ás obras de banda deseñada autoeditadas no noso país destaca o incremento de títulos que saen á luz deste xeito, pasando dos 5 do pasado ano a 10 títulos nesta ocasión. Manteñen a súa importancia Retranca e Faktoría K, subindo en títulos Demo Editorial e coas novas entradas xa sinaladas de editoras como Xerais, Galaxia ou Rinoceronte. Fronte a isto, detéctase unha baixada importante nos títulos publicados por El Patito Editorial que pasa dos 22 de 2010 a 10 neste ano.


Apoio público



Destes títulos, a maior parte saíron sen apoios institucionais directos, nada menos de un 73% fronte ao 27% que si recibiron axudas públicas. Cóntase neste caso por separado cada un dos números de Galimatías. Pola contra, este 27% supón o 82% dos exemplares de BD que se imprimiron en Galicia, nada menos que 328.500. En todo o caso, baixou moito o número de títulos editados directamente por institucións públicas. Como xa comentamos, a aposta da Xunta pola coedición canda a ausencia de edicións municipais explican en boa medida este dato. Nestas cifras non se teñen en conta a adquisición de exemplares para bibliotecas ou a edición de obras que recibiron unha das axudas á creación de BD (en todo o caso, só unha destas viu a luz en 2011).


Idiomas


As obras dos autores galegos viron a man maioritariamente, nun 40% dos casos, na nosa lingua, que está seguida polo castelán, cun 33%. O inglés e o francés mantéñense como os seguintes na listaxe.



Por número de exemplares, temos que o 93% dos volumes de BD feitos en Galicia saíron na nosa lingua, pero debemos ter en conta, de novo o sector distorsionador que supón Galimatías nestes datos.

Nomes
A nivel individual, destaca de xeito especial o traballo de dous autores a nivel internacional. En Europa, constan máis de 50.000 exemplares publicado por Tirso Cons. En Estados Unidos, Emma Ríos mantén unha intensa actividade no seu traballo con Marvel que fai que cada mes teña saído unha novidade editorial dela naquel país. Máis preto de nós, destacou neste 2011 a proxección acadada por David Rubín e, xa no final do período o eco que acadaron a nivel de crítica José Domingo coas súas Aventuras de un oficinista japónes, Martín Romero ou Lola Lorente. Para alén dos debuxantes, non se pode esquecer o traballo de Javi Montes como colorista para o mercado francobelga, con cinco álbums publicados en 2011. A partir dos datos do noso catálogo, e atendendo exclusivamente ás publicacións, tanto individuais como colectivas, saídas en cada ano, semella detectarse unha maior concentración do lanzamento de novos títulos en mans de menos autores, sen contarmos os que continúan a súa participación en series ou colaboracións que xa veñen de atrás.



Informe anual do sector da banda deseñada galega. Produción 2011.