Unha exposición sobre a historia da informática no Centro de Supercomputación de Galicia recolleu a evolución desta ciencia amosando diferentes aparellos de computación que se viron polo noso país. Desde as máquinas de finais do século XIX ata os primeiros supercomputadores de comezos dos noventa, a evolución deste eido no noso país foi lenta, e só comeza a finais dos anos sesenta.
A prehistoria
En 1935 o Banco Simeón de Compostela empregaba para as súas operacións un dos cinco mil exemplares da máquina Millonaire, inventada en 1892 en Francia. Esta máquina foi o máis evoluído precedente dos ordenadores que viu Galicia na primeira metade do século. Tratábase dun aparello que, mediante uns sistema de pestanas mecánicas, realizaba operacións aritméticas simples. Habería que agardar ata 1954 para ver no noso país o que xa se pode considerar coma o primeiro ordenador. Un clasificador de tarxetas perforadas que se empregaba nos estaleiros de ASTANO, pero que carecía de capacidade de cálculo. Xa na década seguinte, Unión Fenosa tamén se fixo cun ordenador semellante programado en linguaxe FORTRAN que empregaría para calcular os caudais dos ríos durante case dez anos.
Aproveitar o tempo
Un dos fitos da informática no noso país produciuse cando en 1969 a Universidade de Santiago estreaba o seu primeiro ordenador. Un IBM 1130 de última xeración, que funcionaba con tarxetas perforadas e tiña unha capacidade de memoria de 16k. Ademais, dispuña de discos intercambiables de cincuenta centímetros de diámetro, o que supuña unha revolución para a época. A máquina compúñase de tres corpos, unha perforadora de tarxetas (IBM 29), unha comprobadora de que as perforacións eran correctas e o ordenador en si. Aínda que o súa utilidade principal era levar os datos de matrícula de todos os alumnos, os investigadores da Universidade aproveitaban o tempo en que o aparello estaba inactivo para realizar nel tarefas de cálculo. O responsable deste computador, coma director do Centro de Cálculo, era Miguel Ángel Ríos, actual Secretario Xeral de I+D na Xunta. Segundo el, a arquitectura desta máquina permitía unha grande variedade de operacións, e foron moitas as teses e traballos que pasaron polos seus circuítos. As limitacións de memoria facían que en moitas ocasións houbese de dividir os traballos en partes para que puidesen ser computados. Os seis millóns e medio de pesetas que custou a máquina foron achegados pola Fundación Barrié.
1972: Conexión remota
Tres anos despois da adquisición do IBM pola Universidade de Santiago, os investigadores composteláns dispuñan dunha nova máquina para realizar os seus traballos de cálculo. Tratábase do UNIVAC 1108 que adquirira o Ministerio de Economía. Este ordenador, situado en Madrid, era empregado desde Galicia mediante conexión telefónica (moi mala, segundo Miguel Ángel Ríos) no tempo en que non estaba ocupado coas tarefas propias do Ministerio. O acceso realizábase a través de terminais instaladas en diferentes universidades do Estado.
Vectorial
Outro fito da informática en Galicia foi a chegada en 1978 do primeiro ordenador vectorial ó país. Un CONVEX C-120 que adquiriu o departamento de Química da USC por vinte millóns de pesetas. A peculiaridade deste aparello era que, ó igual que todos os que funcionaban con arquitectura vectorial, realizaba operacións de xeito simultáneo, o que lle permitía alcanzar velocidades moi superiores ás de máquinas de cálculo lineal. O principal problema que presentaba este computador era o seu grande consumo de electricidade e o excesivo quentamento da súa memoria, que obrigou a instalar dous grande acondicionadores de aire na sala na que se atopaba. Ademais diso, o seu mantemento esixía unha vixilancia case permanente. De feito, Miguel Ángel Ríos, que de novo era o encargado desta máquina, lembra que nunha ocasión unha suba de tensión eléctrica provocou que o aparello comezase a botar fume e que houbese que substituir moitos dos seus elementos. A pesar destes problemas, o CONVEX empregouse ininterrompidamente durante case dez anos, cando comezou a ficar obsoleto porque os ordenadores de cálculo lineal (o mesmo sistema que empregan os PCs) comezaban a acadar velocidades superiores ós vectoriais.
O CESGA
En 1993, cando os vectoriais aínda eran os ordenadores máis rápidos do mercado, creouse o Centro de Supercomputación de Galicia, que adquiriu un Fujitsu VP1400, o primeiro superordenador vectorial do país, que contaba con dúas unidades de refrixeración tan grandes coma armarios. Este aparello non tivo unha vida útil tan longa coma do CONVEX, e na actualidade ocupa un lugar na exposición do CESGA como a antigüidade máis nova da que dispón o centro. Haberá que ver dentro de dez anos o lugar que ocupan o HPC320 ou o Cluster Beowulf , os ordenadores máis modernos que existen hoxe en Galicia.
Galeria: Os primeiros ordenadores
Calculadora mecánica adquirida polo Banco Simeón en 1935. Inventada en Francia en 1890, só se fabricaron 5.000 exemplares.
Disco duro 10k
Disco duro con capacidade de 10k e case un metro de diámetro.
IBM 1130
Unidade perforadora do primeiro ordenador da Universidade de Santiago (1969)
Clasificadora IBM
Unidade clasificadora de tarxetas do IBM 1130.
UNIVAC 1100
UNIVAC 1100, ordenador vectorial da USC
Consola UNIVAC
Consola de acceso remoto ó UNIVAC 1100.
Data General Eclipse
Ordenador Data General que estivo exposto durante anos en dependencias da Facultade de Física da USC.
Estación de traballo SUN
Estación de traballo SUN 3/60 de 1986. Tiña 16mb de RAM e dous discos duros.
Mc Intosh Plus & Data General One
Ordenador Mc Intosh Plus de 1986 e un ordenador portátil Data General One de 1984.
UP 2400
Superordenador vectorial UP 2400 do CESGA, adquirido en 1993.