Manu Chao entre os primeiros confirmados para o X Reperkusión

Lamatumbá anuncia unha pausa no seu traballo logo de trece anos de carreira

O X festival Reperkusión, que se celebrará en Allariz os vindeiros 17 e 19 de maio, conta xa coas primeiras actuacións confirmadas. Entre estas, destaca a incorporación ao cartel de Manu Chao, que dará dous recitais neste evento co proxecto La Ventura. Canda a el, poderá verse Russkaja, Funky Style Brass, Os 3 Trebóns e Festicultores Troupe, a falta de novas bandas. A coincidir con este adianto, chega a nova da pausa profesional que colle Lamatumbá. O grupo fai un alto no camiño, logo de trece anos, para, segundo explican no seu web, "mar un descansiño para facer outras cousas, tomar outros rumbos quen lle apeteza, e cargar pilas".

Sinalando que non se trata dunha disolución, senón dun "ata pronto", o comunicado adianta que é moi posible que algúns dos membros se embarquen, durante este período, en novos proxectos musicais.